Estás aquíLabregas polos nosos direitos
Labregas polos nosos direitos
Labregas de Europa reuníronse en Cáceres do 27 ao 29 de Abril no seminario "Labregas polos nosos direitos", organizado pola Confederación de Mulleres do Mundo Rural (CERES) en colaboración coa Área de Muller da COAG, as Mulleres da COAG-Extremadura e a Coordenadora Europea Via Campesina. No seminario aprobouse a seguinte declaración:

Nós, labregas chegadas de diferentes países de Europa, reunidas en Cáceres durante o seminario europeo “Labregas polos nosos dereitos” durante os días 27, 28 e 29 de abril, cansas da invisibilización á que frecuentemente nos someten as propias administracións a través, entre outras, das políticas agrarias e de desenvolvemento rural, e logo de comprobarmos que durante o foro oficial organizado pola Presidencia Española da Unión Europea -celebrado tamén estes mesmos días en Cáceres- que todo o mundo falou de nós sen darnos voz, queremos lembrar ás administracións públicas que AS LABREGAS ESTAMOS AQUÍ, e que como labregas desempeñamos un papel chave na produción de alimentos na Europa e tamén no desenvolvemento e na vida dos nosos pobos.
Estamos fartas da invisibilización á que nos someten as actuais políticas agrarias, que consideran ás mulleres que desenvolvemos a nosa actividade nas explotacións agrarias familiares coma outra “propiedade” do titular da explotación, negándonos así os nosos dereitos a ter ingresos propios e á titularidade da explotación, aínda cando co noso traballo contribuímos a xeralos e a mantelos na mesma medida que os nosos compañeiros.
Non estamos dispostas a seguir a aturar a exclusión de millares de campesiñas da Seguridade Social, xa sexa por razóns económicas -tamaño da explotación-, culturais ou burocráticas.
Enfrontándonos a esta situación, e diante do debate que nestes momentos está a se iniciar sobre a reforna da Política Agraria Común (PAC 2013), reclamamos da Presidencia Española da Unión Europea e das institucións comunitarias:
1. Que se recoñeza a titularidade compartida ao 50% desde a PAC, desenvolvendo un estatuto xurídico que garanta ás labregas tanto os ingresos económicos como todos os demais dereitos que leva a titularidade da explotación.
2. Eliminar a esixencia dun mínimo, tanto de superficie produtiva como de ingresos, para o aceso á actividade agraria, xa que este condicionante discrimina ás pequenas explotacións, sendo estas as que están fundamentalmente en mans das mulleres.
3. Que a formación agraria transmitida, tanto nas escolas agrícolas como noutros ámbitos, incorpore a igualdade de xénero como materia a impartir, contando con persoas formadas neste ámbito para realizaren o seu labor docente.
4. A aplicación de medidas de accción positiva até conseguir a plena igualdade das mulleres.
5. A garantía, por lei, da participación das mulleres campesiñas na toma de decisións, facendo obrigatorio o cumprimento das leis de paridade por parte das organizacións agrarias.
6. O compromiso explícito, por parte das institucións europeas, de que non haberá impactos negativos para as campesiñas na elaboración dos orzamentos para a PAC.
7.Que as políticas de igualdade sexan transversais, para que a igualdade sexa un ponto chave a considerar no momento de definir a PAC e o desenvolvimento rural.
NÓS TRABALLAMOS, NÓS PRODUCIMOS, NÓS DECIDIMOS
"As mulleres labregas reunidas en Cáceres queremos amosar a nosa máis fonda repulsa polo novo asasinato dunha muller a mans dun home, que desgraciadamente tivo lugar no día de onte en Cáceres. Da nosa raiba e dor por este crime tiraremos as forzas para seguir loitando polos dereitos de todas as mulleres e para erradicar a violencia machista."
Fonte: SLG










