Estás aquíMobilizacións labregas contra a OMC: “Organización Mundial das Crises”

Mobilizacións labregas contra a OMC: “Organización Mundial das Crises”


Do 27 de novembro ao 3 de decembro próximos, o movemento internacional da Vía Campesina xunto con Uniterre estarán presentes en Xenebra con ocasión da 7ª Conferencia da Organización Mundial do Comercio (OMC). Unha trintena de delegados e delegadas provenientes de África, Asia e Europa recordarán aos correspondentes ministros que se van reunir as súas responsabilidades dentro do actual caos alimentar, financeiro e climático. O balance das políticas da OMC e dos acordos de libre comercio é catastrófico, sobre todo para o campesiñado no mundo. A rolda de Doha -chamada rolda do desenvolvemento- é sen máis, unha rolda de desenvolvemento de crise. Pascal Lamy, director xeral da OMC non cesou de presentar as políticas da súa organización como unha solución milagre para as economías do mundo. Tras 15 anos de oposición ás políticas da OMC, campesiños e campesiñas en todo o mundo rebautizaron esta institución, a OMC, como a «Organización Mundial das Crises».

En Europa, as esixencias da OMC son a orixe da política ultraliberal da comisión europea que expón á súa poboación agrícola a correr grandes riscos de quebra. A recente folga do leite, seguida por gandeiros en 21 paises europeus está directamente relacionada co abandono das cotas leiteiras impostas pola OMC. En Suíza, desde mediados de setembro, moitos son os agricultores que comezaron «a revolta campesiña» co obxectivo de denunciar a fraxilidade nos prezos da produción e a influencia dos intermediarios. Na India, o campesiñado tamén se atopa ao bordo da quebra. Son decenas de miles de campesiños, homes e mulleres, quen desde comezos de setembro alagaron as rúas de Delhi para enfrontar o goberno ás súas propias contradicións. Mentres que dun lado, o ministro de comercio promete protexer a agricultura na India, aproba doutro lado unha base de negociacións na OMC que pon en perigo os medios de subsistencia de máis de 2/3 da poboación no devandito país. En Corea, campesiños e campesiñas viven as mesmas dificuldades dos produtores de leite en Europa ou dos campesiños na India, posto que o prezo do arroz non chega a cubrir os custos de produción.

Líderes, homes e mulleres, destas loitas, estarán presentes en Xenebra para levar a mensaxe de desesperanza e revolta dos miles de campesiños que representan, até os ouvidos dos ministros dos países membros da OMC. Á súa vez, presentarán igualmente as súas alternativas ás crises actuais, baseadas na soberanía alimentar, isto é, o dereito de producir localmente e de xeito sustentabel para a alimentación das súas comunidades.

Publicado no web da Vía Campesina

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.