Estás aquí20 de Novembro: Mercado transparente e concentración para mudar a política agraria
20 de Novembro: Mercado transparente e concentración para mudar a política agraria
O SLG organiza para Sexta-feira 20 de Novembro ás 12:00, na Praza do Toral (Compostela), un mercado transparente e unha concentración para demandar mudanzas na política agraria.
A situación na que se atopan arestora os sectores de produción agraria esixen a suma de forzas para acadarmos a modificación das actuais políticas agrarias en aras dunha maior transparencia no mercado que implique a fixación de prezos mínimos para o sector produtor.
Dende nosa entrada no mercado comunitario e a aplicación da Política Agraria Común (PAC), ano tras ano vemos como os nosos produtos perden valor ao tempo que os consumidores e consumidoras pagan cada día máis para levar a alimentación que nós producimos até a súa mesa.
No entanto, cada minuto desaparece unha explotación agro-gandeira na Unión Europea, e con ela non só os nosos postos traballo, senón tamén as posibilidades da cidadanía a acceder a unha alimentación saudábel, producida por persoas en troques de manufacturada ao estilo industrial.
Os grandes problemas sanitarios vinculados á comida (vacas tolas, gripe porcina, gripe aviaria…) que tiveron lugar até o de agora sempre gardaron relación con este tipo de produción industrial (sobre medicación do gando, amoreamento de animais, sementes transxénicas, etc), en aumentan en número en tanto que o modelo de produción da agro-industria vai gañando terreo.
A grave crise que están a padecer as gandeiras e gandeiros produtores e produtoras de leite é se cadra o máis coñecido pola opinión pública. Baixou no último ano un 28% e a media percibida por litro está en 0,25€ en tanto que os custes de produción están en 0,34-. Levan xa máis dun ano denunciando esta situación e reclamando unha nova política leiteira.
Pero por desgraza son demasiados os sectores que valen tamén coma exemplo:
No sector da pataca os prezos ao sector produtor baixaron no último ano preto do 50%. Páganse ao produtor/a a 0,04€/kg e mércao o consumidor ou consumidora un 1.500% máis caro, ao redor de 0,60€/kg.
No sector cunícola fai dez anos o coello vendíase a 302,25 ptas/kg (1,81€/kg). En agosto do 2007 chegou a baixar até o 1,27€/kg (211,31 ptas/kg), e fica afundido, cotizándose a día de hoxe a 1,58€/kg (262,88 ptas/kg).
Un dos casos máis salientábel é o do vacún de carne, onde mesmo temos prezos máis baixos que fai 20 anos, estando agora mesmo o quilo a 4,15€ (690 pts).
Rematar con esta situación implica para o SLG, e así o reivindicaremos unha vez máis os vindeiros día 20 na Galiza e 21 en Madrid, a aposta decidida dos nosos políticos polo modelo de explotación e de agricultura e gandeira familiar, no canto do modelo industrial (explotacións inmensas de miles de animais e man de obra en pésimas condicións laborais).
É este o único modelo que pode garantir vivir do seu traballo aos nosos labregos e labregas, así coma o dereito á alimentación para a poboación sen os custos sociais, sanitarios e medioambientais que ten o modelo industrial. Simplemente observando países como EEUU, onde leva anos a pleno funcionamento, fica claro que soio reporta beneficios ás multinacionais que o impuxeron.
Cómpre apostar polos circuítos curtos de comercialización no canto de preferenciar a exportación. É totalmente irresponsábel social e medioambientalmente distribuír na Galiza patacas de Exipto, como está a ocorrer actualmente.
Non se pode tratar igual a produción de alimentos como a fabricación de parafusos. Precisamos unha política de produción alimentar feita para as persoas.
A alimentación ten que ser un dereito, non un negocio.










