Estás aquíA hora de falar acabou: Poñamos en marcha a soberanía alimentar!

A hora de falar acabou: Poñamos en marcha a soberanía alimentar!


Por volta de 40 campesiños e campesiñas provenientes de 25 países no mundo, membros do movimento internacional da Vía Campesina, reuniranse en Roma para o Cume Mundial da FAO sobre Soberanía Alimentar e o Foro da Sociedade Civil entre o 13 e o 18 de novembro. “A hora de falar acabou” sostivo recentemente Nettie Wiebe, unha agricultora canadense, líder do movemento. “Se o mundo toma a serio o feito de erradicar a fame, non existen moitas opcións. Debemos apoiar e animar ao campesiñado a producir alimentos para as súas comunidades de xeito sustentábel. Unha solución auténtica para a crise alimentar implica que a agricultura de pequena escala, e non as corporacións transnacionais, deben recobrar o control sobre os recursos produtivos alimentares como a terra, as sementes, a auga e os mercados locais”.

Aínda que o mundo conte cunha produción suficiente para alimentar cada boca, a cifra de persoas que padecen fame subiu dramaticamente a máis de mil millóns este ano por primeira vez na historia da humanidade “tendo en conta que o 80% desta poboación que sofre os estragos da fame son campesiños e campesiñas, desprazados ou traballadores rurais, homes e mulleres. Non é unha cifra a existencia de tantas familias ao redor do fame no campo, é unha crúa realidade.

Ironicamente, esta crise alimentar sen precedentes viu o desenvolvimento de iniciativas encamiñadas na mesma dirección das políticas que criaron o desastre actual. Este é o caso do Partenariado Global para a Agricultura e a Seguranza Alimentar e o Fundo Fiduciario para a Seguranza Alimentar do Banco Mundial, apoiados polo G20. Así mesmo financian o desenvolvemento das tecnoloxías para a “revolución verde” que incrementan a dependencia dos agricultores do mercado e que propician a destrución dos solos. Todas estas iniciativas promoven máis políticas de libre comercio e traballan da mao coa agroindustria.

Contodo, as grandes compañías non teñen nengún interese en salvar o mundo da fame. Céntranse en aumentar as súas marxes de beneficio e participación no mercado. O que sucedeu durante a crise alimentar no 2007 foi moi instrutivo: as compañías dedicadas ao agronegocio fixeron enormes beneficios (1), mentres que millóns de persoas sucumbiron á fame e a pobreza. Actualmente, as terras agrícolas convertéronse nun investimento proveitoso e as compañías están a tomar enormes cantidades de terreo ao redor do mundo, expulsando aos agricultores locais, para poder producir alimentos dirixidos á exportación ou aos agrocombustíbeis.

Durante o Cume da FAO en Roma, A Vía Campesina defenderá a necesidade dunha nova gobernanza fronte á alimentación e a agricultura para chegar a solucionar a crise alimentar e a actual crise climática. As políticas alimentares non deben deixarse nas maos dos “clubes de doadores” e das institucións financeiras. Un sistema de gobernanza democrático -como o que está a ser discutido dentro do Comité de Seguranza Alimentar Mundial da FAO- debe ser implementado imediatamente para asegurar que os países e os pobos no mundo teñan o dereito a pór en marcha a soberanía alimentar, entendida como o dereito das comunidades e das nacións a desenvolver e promover os seus propios sistemas locais e políticas alimentares respeitando os sustentos, as culturas e o ambiente dos pobos.

“Durante o Foro da Sociedade Civil en Roma serviremos comidas ecolóxicas procedentes dos cultivos dos/as agricultores/as locais. Regularmente tamén provemos ao redor de 150.000 comidas ecolóxicas en comedores escolares en toda Italia” explicou Andrea Ferrante da Asociación Italiana de Agricultura Biolóxica (AIAB), unha organización membro da Vía Campesina. “A Soberanía Alimentar comeza cada día con cada comida. Xa está a ser implementada localmente en moitos lugares, e con vontade política podemos difundila ao redor do mundo, resolvendo a actual crise alimentar”, engadiu.

(1) Por exemplo, Cargill, a maior empresa comercializadora de graos do mundo, informou dun aumento nos seus beneficios de por volta do 70% no 2007 -un 157% de aumento nos beneficios desde 2006. (http://www.grain.org/seedling/?id=592)

Publicado no web da Vía Campesina

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.