Estás aquíOs verdadeiros piratas

Os verdadeiros piratas


En 1991 afundiu a orde política de Somalia, país que sucumbiu a unha guerra civil empiorada pola intervención estadounidense. O colapso político deixou a sociedade somalí sen defensas, situación que foi aproveitada por navíos procedentes de Europa, Estados Unidos, China e outros países para verter nas súas augas grandes cantidades de residuos tóxicos e radioactivos. O abuso fíxose visíbel cando, en 2005, un tsunami depositou nas praias e costas somalíes bidóns corroídos e outras mostras destes residuos. Segundo o enviado das Nacións Unidas en Somalia Ahmadou Ould-Abdallah, a porcallada tóxica acumulada en poucos días pola catástrofe mariña provocou úlceras, cancros, náuseas e malformacións xenéticas en recén nados e, cando menos, 300 mortes.

Pero as desgrazas non terminan aí. Aproveitando o desgoberno, unha multitude de barcos de pesca comezou a faenar en augas fronte ao país, incluídas as súas augas territoriais. En 2005 calculouse que pescaron alí uns 800 barcos de distintos países, moitos deles europeus e, máis especificamente, españois. Estímase que os ingresos xerados durante un ano por esta pesca estranxeira ilegal ascendía a 450 millóns de dólares. O resultado foi a rápida diminución dunhas reservas pesqueiras que eran o principal recurso para as comunidades de pescadores do país, catalogado como un dos máis pobres do mundo.

Unha reportaxe de Al Yazira informa de que grupos de somalíes trataron de constituír un corpo autodenominado “Gardacostas Voluntarios de Somalia”, reunindo diñeiro co que pagar á empresa estadounidense Hart Security, que se dedica a adestrar e formar loitadores e mercenarios por todo o mundo —e que, anos máis tarde, actuou como mediadora para o cobro de rescates naquelas mesmas augas: negocio redondo!—. Ao parecer, houbo intentos deses gardacostas voluntarios de negociar cos buques de pesca estranxeiros para que deixasen de faenar ou pagasen un imposto para seguir facéndoo, intentos que resultaron errados. O desenlace final foi o que hoxe se cualifica como pirataría somalí. Nun país infestado de armas, desgarrado por bandas rivais e submetido a unha situación económica desesperada, un desenlace así non debería surprender. Á vista do anterior é lexítimo preguntarse: quen son, nesta historia, os verdadeiros piratas?

Hai en España quen propón que os atuneiros españois (que son sobre todo bascos) leven militares a bordo para disuadir aos piratas. No Parlamento basco, os votos do PP e o PNV fixeron posíbel o pasado 8 de outubro aprobar unha moción nesta liña. O Congreso xa o descartou meses antes argüindo que a lexislación española non o permite. A Franza si o permite, e hai tempo que no Índico os barcos de pesca franceses levan militares a bordo. Pero esta diferenza é de detalle: ambos os países lograron que 10 de decembro de 2008 os ministros de Defensa da Unión Europea aprobasen a chamada Operación Atalanta contra a pirataría somalí, e que se dese luz verde ao envío de entre 6 e 10 buques de guerra para “garantir a seguranza” no golfo de Adén co mandado de vixiar as costas de Somalia, “incluídas as súas augas territoriais”.

Estes feitos amosan que o colonialismo non só non morreu, senón que está a tomar novos folgos. E un novo aspecto marcado pola crise de recursos naturais, neste caso a pesca. As flotas pesqueiras dos países ricos, compostas por buques con capacidade para moverse por todos os mares do mundo, esquilman un caladoiro tras outro: son as principais culpabeis da sobrepesca que desde hai anos vén destruíndo a capacidade de rexeneración das especies mariñas e preparando un colapso das capturas a escala mundial. As primeiras prexudicadas son as poboacións dos países pobres que dependen da pesca local: elas carecen de flotas potentes para pescar lonxe das súas costas. O caso somalí é un dos máis sanguentos polas circunstancias políticas internas, pero non é o único.

España está recuperando os seus brasóns imperiais contribuíndo a empobrecer a un dos países máis pobres do mundo. Ao facelo non só comete unha inxustiza, senón que practica unha política sen futuro tamén para os seus habitantes. Porque cando xa non haxa caladoiros por explotar en ningún recuncho do mundo, que farán os nosos mariñeiros e pescadores?

É unha indignidade aproveitarse dun país desangrado por unha guerra civil e logo mandar aos soldados a defender unha causa indefendibel que non fai máis do que profundar a traxedia dese pobo. E se se quer mirar desde outra óptica, canto nos custa manter a dotación de dous buques de guerra, un avión e 395 efectivos da Mariña española que temos destacados na zona?

O caso ten a súa lición moral. Un país desenvolvido como España non debe, tras esgotar os seus propios recursos pesqueiros, expandirse polos mares do mundo privando a outras poboacións máis pobres dos seus medios de subsistencia, porque agrava a situación desas poboacións e as empurra cara a unha resistencia que desemboca en aventuras violentas e saídas militares. A solución haina que procurar na casa, adaptándose a uns ecosistemas danados e xeríndoos mellor (por exemplo, coa piscicultura como alternativa á pesca), e adoptando medidas previsoras para que ninguén fique sen traballo e sen fonte de ingresos. É inquietante que se estexa a facer exactamente o contrario: optar pola fuxida cara a diante e por un neoimperialismo ecolóxico reforzado militarmente que só pode redundar nun empioramento da situación.

Joaquim Sempere é Profesor de Teoría Sociolóxica e Socioloxía Ambiental da Universidade de Barcelona

Ilustración de Ossorio

Publicado en Público.es

 

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.