Estás aquíIrlanda declárase zona libre de transxénicos
Irlanda declárase zona libre de transxénicos
O Goberno de Irlanda anunciou este fin de semana a decisión de prohibir o cultivo de Organismos Modificados Xeneticamente no seu territorio. Isto converte a Irlanda no noveno país da UE con prohibicións ao cultivo de transxénicos. Mentres, o Goberno Español permite que o noso país sexa o único da UE que os cultiva a gran escala. Amigos da Terra e Greenpeace valoran de forma positiva a decisión do Goberno de Irlanda e esixen que España siga o seu exemplo.
O acordo publicado o sábado pola coalición que goberna Irlanda especifica que se “declarará á República de Irlanda Zona Libre de Transxénicos, libre do cultivo de calquera planta modificada xeneticamente. Irlanda súmase así á Franza, Austria, Grecia, Luxemburgo, Hungría, Italia, Polonia e Alemaña que xa manteñen algún tipo de prohibición sobre o cultivo de organismos modificados xeneticamente.
Mentres que estes países aplican o principio de precaución ante os riscos ambientais, sociais e para a saúde destes cultivos, España é o único país de Unión Europea que os cultiva a grande escala -en 2009 cultiváronse 76057hectáreas de millo modificado xeneticamente.
“Cando outros países europeos apostan por modelos de agricultura máis respeitosos co ambiente, prohibindo o uso de transxénicos, o Goberno Español promove a agricultura industrial con graves danos para o ambiente, o medio rural e a agricultura ecolóxica” afirmou David Sánchez, responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra.
O Goberno Irlandés aprobou tamén que “para optimizar as vantaxes competitivas de Irlanda como país libre de cultivos modificados xeneticamente se introducise unha etiquetaxe voluntaria libre de transxénicos para produtos relevantes seguindo o esquema adoptado recentemente pola Alemaña”. Irlanda súmase á corrente europea de etiquetar os produtos derivados de animais alimentados con transxénicos, respondendo á abafadora oposición social. Isto implica que a situación en España, causada pola deixazón e a absoluta falta de control por parte do Goberno, pode supor unha grave desvantaxe competitiva para os nosos produtos no mercado europeo.
“O Goberno non pode seguir a ignorar a oposición social e o contexto europeo. Polo noso ambiente, a nosa seguridade alimentar e mesmo pola imaxe dos nosos produtos agrícolas no exterior, ten que prohibir, dunha vez, o cultivo de transxénicos en España” engadiu Juan Felipe Carrasco, responsable da campaña contra os transxénicos de Greenpeace.
Fonte: Amigos de la Tierra
Máis información en GM-free Ireland Network
Nova publicada en “Consomes ou Devoras?“










