Estás aquíPosición da Vía Campesina sobre a crise financeira
Posición da Vía Campesina sobre a crise financeira
A crise do prezo dos alimentos e a crise financeira son o resultado de anos de liberalización ultraliberal que se remonta aos crimes contra a humanidade cometidos contra os pobos autóctonos norteamericanos e africanos para maximizar as ganancias. Os investidores e especuladores que buscan os maiores beneficios utilizaron a “enxeñería financeira” para poder mobilizar grandes sumas de capital entre países e continentes. Estes instrumentos especulativos, os chamados “produtos e servizos financeiros” proporcionaron grandes beneficios pero non se produciu nada. O seu valor incrementouse como resultado da mera expectativa de que o sistema financeiro continuaría sobrevalorando devanditos “produtos” e “servizos”.
Coa falta de regulación do sistema financeiro produciuse unha desconexión dunha “economía real” baseada na agricultura, a manufactura e o traballo duro dos cidadáns. O sistema chegou a se basear nunha burbulla especulativa que confiaba no intercambio irresponsábel de “produtos” e “servizos” nos mercados financeiros. Cando rebentou a burbulla, isto afectou á economía global de arriba abaixo, non somente aos mercados financeiros e aos bancos.
Que significa a crise financeira económica para os campesiños, os alimentos e a agricultura?
Cando o sector industrial se frea, os traballadores desempregados regresan ao campo. Isto está a ocorrer nestes momentos, en todos os recunchos do mundo: China, México e Indonesia viron aos cidadáns -homes e mulleres- regresar ás zonas rurais cando se perderon postos de emprego na cidade. En principio, o regreso da xente ao campo é algo a celebrar. Contodo, sen o apoio dos gobernos nacionais, son as familias rurais as que están a pagar o prezo deste desastre económico. perderon os ingresos dos traballadores da cidade e deben mendigar terras e recursos adicionais para prover aos traballadores retornados. Reforza a crise constante do sector agrícola onde millares de agricultores desesperados se suicidan. Polo tanto consideramos a crise actual como un crime contra a humanidade.
Esta crise custará milleiros de millóns de dólares e ao final terá un forte impacto nos orzamentos nacionais. Por exemplo, no 2008 e no 2009, durante os mandados de Bush e Obama o goberno dos Estados Unidos gastou case que 1,4 billóns de dólares para axudar a resgatar aos bancos. Isto carrexará un aumento dos impostos que suporán unha carga desproporcionada para os pobres e a clase media, e diminuirá o gasto nos servizos públicos necesarios. Esta deterioración afecta especialmente ás mulleres e nenos, nas zonas rurais en particular, onde debido á falta de aceso á terra e aos recursos, non teñen aceso a alimentos sans ou á atención médica. Os agricultores e campesiños están a pasar grandes apuros pola falta de crédito dispoñíbel debido á caída dos prezos das materias primas. Nos Estados Unidos moitos agricultores enfróntanse a un mercado de crédito máis restrinxido debido aos cambios impostos polos bancos.
Por mor da caída dos mercados financeiros especulativos, os investidores agora están a procurar novos camiños para lograr grandes beneficios de forma rápida. Algúns investidores puxeron en marcha un acaparamento masivo de terra a nivel mundial, a compra de terras agrícolas en países en vías de desenvolvemento. Isto aumenta o prezo da terra, expulsando aos campesiños das terras, e colocando aos países en vías de desenvolvemento na posición de ter que priorizar o capital fácil por riba dos seus intereses agrícolas a longo prazo. Así mesmo, o control sobre a produción de biomasa como os agrocombustíbeis incrementa a presión sobre a terra.
Son os pobres os que están a cargar co peso da crise. As familias rurais teñen que absorber aos traballadores despedidos, os empregados son testemuñas de recortes nos seus salarios, os cidadáns pagarán impostos máis altos, os nenos abandonarán a escola para poder traballar e millóns de persoas perderán os seus traballos e as súas fontes de ingresos. Mentres tanto o sistema financeiro está a ser resgatado polos gobernos que gastan milleiros de millóns de dólares en salvalos.
Os labregos son cada vez máis criminalizados simplemente por defender o seu dereito a vivir e a ser tratados como seres humanos.
As falsas solucións non son necesarias
Nestes momentos os gobernos están somente preocupados por parar a caída, apontoando aos bancos e incrementando o PIB e a riqueza global, e ao mesmo tempo ignorando as apremiantes preocupacións ambientais polos recursos limitados e a crise da mudanza climática.
As medidas do estímulo adoptadas actualmente por varios países e institucións para aumentar o consumo, son principalmente unha resposta aos grupos de presión abusivos tais como a industria do automóbil. Levando a cabo somente mudanzas pequenas, producindo automóbeis de baixo consumo estas medidas representan pequenos e insuficientes pasos para tratar os retos ambientais. O G20 especificou que se gastarían en total 5 billóns de dólares para poder “salvar e criar millóns de postos de traballo que doutro xeito serían destruídos”(2).
O G20 afirma que quere acelerar a transición a unha economía verde, pero non mencionaron medidas concretas. Os gobernos de todo o mundo están a fomentar o mesmo sistema que levou á mudanza climática, a contaminación e a degradación ambiental. No canto de deixar a iniciativa ao G20, a ONU debería aproveitar esta oportunidade para reorientar a economía global lonxe do consumo actual sen freo e desbaldidor.
A luita contra a crise converteuse nunha cruzada contra o “protecionismo” cando en realidade “protexer” aos seus cidadáns é o dereito e a obriga de todos os gobernos. Políticas tais como os aranceis para promocionar a produción local e protexer ás industrias incipientes, poden beneficiar activamente ás persoas e non se deberían prohibir, especialmente as levadas a cabo por países en vías de desenvolvemento tratando de competir con políticas agrícolas e comerciais inxustas.
As novas políticas e regulacións non suporán nengunha mudanza a longo prazo no sistema. O esquema mental continua a ser o mesmo. Poida que se reforcen os controis sobre o sector financeiro, pero as principais estruturas fican intactas: o desvío de riqueza dos pobres aos ricos continuará mentres se siga a explotar á forza de traballo. Co tempo, xeraranse novas crises polo monocultivo financeiro dos grandes bancos e fundos de investimento.
Ademais, as políticas actuais consideran a agricultura como calquera outro negocio. Ignoran a agricultura de campesiños e a importancia dos sistemas de alimentación baseados na xente. A produción de materias primas tais como a soia, o millo e o florecente mercado dos agrocombustíbeis, vai liderar o investimento na agricultura, como ocorreu até o de agora. O impacto desastroso da agricultura industrial e da produción de plantación vai dar continuidade ao proceso de destrución do ambiente. A reunión do G8 para a agricultura en Italia, apresentou a iniciativa da “Alianza pola Revolución Verde en África” (AGRA) como un aspecto vital para reavivar a economía global, ignorando a historia da primeira revolución verde con desigualdades en aumento, dependencia e degradación ambiental.
O G20 en Londres estivo de acordo en dar ao Fundo Monetario Internacional 500 mil millóns de dólares de fundos extraordinarios para o financiamento de préstamos en países que sofren dificuldades debido á crise. Este enfoque renovado no FMI como “prestamista de última instancia” elimina o control económico dos países e colócao nas mans dos economistas do FMI que están a propor reformas estritamente liberais. O FMI afirma que é necesario o estímulo fiscal. Contodo, nalgúns países, o FMI continua a impor as condicións das antigas políticas: redución do gasto público, redución dos salarios no sector público e a eliminación de subsidios (3). Xa vimos como afectaron estas políticas aos países en vías de desenvolvemento nos anos 1980 e 1990: crecemento á conta das persoas pobres das zonas rurais.
Os novos programas non fan nada para mudar a orientación dos fundos. Reforzan a impunidade daqueles que máis se beneficiaron do sistema e ao mesmo tempo penalizan a aqueles que se empobreceron por ditas políticas. Ignoran a agricultura baseada no campesiñado, mentres que reforzan programas para apoiar a agricultura corporativa e baseada na exportación.
Que se necesita agora como resposta a esta crise?
Debido á imensidade deste crime contra da humanidade, cremos que non hai solucións con esta imperante arquitectura financeira global. Non se poden lograr políticas significativas sen reformar radicalmente o sistema bancario internacional(1).
O sector financeiro debería esta a o servizo da sociedade no canto de espremerlle a riqueza á xente para o beneficio duns poucos que controlan o sistema. Son necesarias unha regulación forte por parte do goberno e a prohibición da especulación no sector bancario . Hai que deter a crecente concentración do sector bancario e hai que desmantelar os grandes bancos. É inaceitábel que as institucións financeiras poidan chegar a ser “demasiado grandes como para fallar”.
Non se debería esperar que aqueles que son parte integrante da crise, como o FMI, vaian resolvela. A ONU debería xogar un papel central e permitir unha análise profunda da crise incluíndo a participación dos axentes principais da sociedade civil. A resolución da crise tense que levar a cabo nun foro democrático e representativo, onde poidan participar representantes de todas as nacións.
Temos que parar a privatización da terra, auga, sementes e outros recursos, xa que este proceso aumenta as posibilidades de especulación, ademais de ser inxusta. No canto de facer que os pobres paguen, aqueles que posúen a maioría do capital e que teñen acumulados tantos beneficios durante os últimos anos, teñen que cubrir as perdas a través dun imposto específico sobre o seu capital.
Temos que continuar a construír a nosa propia autonomía para sermos menos dependentes deste sistema (internacional) predatorio. Deberiamos reforzar as nosas propias alternativas desenvolvidas a través da economía solidaria onde o capital está ao servizo das persoas e non ao revés. Deberiamos desenvolver a nosa colaboración cos bancos solidarios para poder criar o noso propio sistema baseado na cooperación e na responsabilidade mutua, dando prioridade aos modelos locais e de comunidade sen fins de lucro.
Esta crise é a expresión dunha profunda crise do sistema
As prácticas das empresas multinacionais e dos que teñen o poder céganos ante a natureza criminal das inxustizas que xeran. Impoñen e reforzan un sistema económico baseado no saqueo dos recursos e o “dereito ao beneficio”. Está baseado nun crecemento ilimitado e nun roubo sistemático dos ricos aos pobres. O que foi unha vez un ben público convértese agora en materia prima; até o ponto no que a humanidade mesma vira materia prima. Os gobernos crian políticas para satisfacer ás súas industrias e ao sector privado e non aos cidadáns e aos seus traballadores. Nun sistema violento que cria conflito e guerra polos recursos limitados. O noso sistema de alimentos e a herdanza ambiental estanse a degradar rapidamente
Non podemos esperar que aqueles que causaron os problemas teñan interese en resolvelos. O G8, a Organización Mundial do Comercio, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, están a tentar controlar as solucións e manter a súa influencia. Como movementos sociais, temos que continuar a nos mobilizar en contra de solucións falsas e tomar a iniciativa para que as nosas propias solucións se fagan realidade.
Pagamos demasiado por esta crise!
Non máis fundos públicos para os bancos nen os cultivos de exportación nin os agrocombustíbeis!
Os bens comúns son para o pobo non para o beneficio!
Bamako, 23 de Xuño de 2009
Publicado no web da Via Campesina










