Estás aquíCarta de Vía Campesina co gallo da reunión mini-ministerial en Deli
Carta de Vía Campesina co gallo da reunión mini-ministerial en Deli
Á Vía Campesina, movimento internacional de campesiños, pequenos e medianos agricultores, sen-terra, mulleres rurais, xentes indíxenas, mocidades rurais e agricultores asalariados, gustaríanos facer chegar esta mensaxe, desde a base, á reunión mini-ministerial que terá lugar en Nova Deli os días 3 e 4 de Setembro. Durante moito tempo, estivemos a traballar para denunciar o enorme impacto negativo que a liberalización supón para o medio de subsistencia dos campesiños. En 1999, durante a reunión ministerial da Organización Mundial do Comercio (OMC) en Seattle, expresamos a nosa preocupación ao redor da destrución das nosas economías agrícolas familiares e as profundas crises nas nosas sociedades que son debidas ás políticas rurais neoliberais. De novo, durante a última Conferencia da OMC en Hong Kong en 2005, mobilizámonos porque a situación alcanzou un punto no que os campesiños endebedados estaban suxeitos a unha presión diaria tal que moitos deles chegaron a quitarse a vida. Cando a crise alimentar estalou en 2006, foi para nós unha clara demostración do fallo da políticas neoliberais, e tivemos a esperanza de que esta crise levaría a unha mudanza de rota nas políticas internacionais. Pero aínda hoxe, a FAO estima que máis de mil millóns de persoas son vítimas do fame e que ao redor de 150 millóns de persoas máis engrosaron este número como consecuencia directa da crise alimentar actual.
Sendo que un cambio neste tipo de políticas é de vital importancia para todas as nosas organizacións membro en todo o mundo, queremos máis unha vez, pedirlles que rexeiten claramente calquera implementación na liberalización do comercio dos alimentos na OMC. Fai falta que opten por políticas que salvagarden o medio de vida dos campesiños, así como a seguridade alimentar dos medios rurais e dos consumidores. Sendo que isto sería imposíbel dentro do actual marco normativo e en sintonía coas propostas da OMC, pedimos que a agricultura sexa retirada na súa totalidade do ámbito da OMC.
A OMC non debería involucrarse en temas de alimentación ou agricultura polas seguintes razóns:
Un aumento da liberalización exacerbará, en lugar de resolver, as crises climática, alimentar, agrícola e financeira. Aumentaría considerabelmente a vulnerabilidade de moitos países cuxas economías e poboacións dependan do sector agrícola. Na India, por exemplo, dous terzos da poboación dependen da agricultura.
Os sistemas de comercio global non permiten que os gobernos protexan aos seus campesiños contra o comportamento depredador das empresas; senón que en todo caso, outorga aos agro-negocios un reinado moito mais libre e relaxado. A OMC, xunto cos diferentes tratados de “libre comercio” bilaterais e rexionais, permite que tanto os agro-negocios exportadores como as corporacións dos países ricos reciban cuantiosas subvencións pola súa produción, o cal permite despois que estas empresas desborden cos seus produtos os mercados dos países en desenvolvemento e nos xa desenvolvidos (dumping). Esta realidade desfavorece aos campesiños de pequena escala do Norte e do Sul á vez que abastece aos consumidores do Norte e do Sul de alimentos industriais producidos masivamente e de baixa calidade. Baixo a rolda de Doha actual, os países desenvolvidos como os EUA. aumentarán aínda máis as bonificacións aos grupos de presión da agro-industria, mentres que os países en desenvolvemento veranse forzados a seguir reducindo as súas medidas de protección e incrementar o aceso aos seus mercados, pondo con iso en perigo aos seus xa vulnerábeis agricultores.
Até os denominados mecanismos “de seguranza” supostamente deseñados para protexer a agricultura dalgúns países en desenvolvemento, como os Produtos Especiais e os Mecanismos de Salvagarda Especiais da Rolda de Doha da OMC, resultan ser ineficaces. Tomando un exemplo coa proposta actual, a India somente pode protexer oito ou nove cultivos da redución arancelaria, algo insignificante nun país no que se plantan centos de cultivos ao longo de máis de 15 zonas agroclimáticas! Aínda pior, o ultimo borrador, do mesmo xeito que os precedentes, expón un mecanismo irreal e ineficaz de freo á onda de importacións nos países en desenvolvemento. Esta proposta non liquida os problemas crónicos da redución de prezos que provoca a política de subsidios na Unión Europea e os EUA. Tampouco considera que a maioría dos países en desenvolvemento carecen da capacidade de controlar a tempo a onda de importacións baseadas no volume para que a medida sexa eficaz. Consecuentemente, tais mecanismos “de seguranza” son incapaces de contrarrestar as repercusións negativas da crescente liberalización na agricultura.
A soberanía alimentar é a nosa alternativa á liberalización comercial na agricultura.
A soberanía alimentar representa o dereito dos pobos á produción de alimentos saudábeis e culturalmente apropiados mediante técnicas sustentábeis e respeitosas co ambiente, e o seu dereito a definir o seu propio sistema alimentar e agrícola. A soberanía alimentar oponse frontalmente aos preceptos da OMC segundo os cais a demanda dos mercados e as corporacións están no corazón dos sistemas e as políticas alimentares. Co fin de alcanzar unha redución real da pobreza mundial, o fame e a malnutrición, non só pedimos sacar a agricultura das negociacións da OMC senón que lles instamos a apoiar as seguintes medidas concretas:
- Proteción sólida e apoio á produción de alimentos sustentábel nas explotacións agrícolas familiares para o consumo doméstico a escala nacional que sexa respeitado polo sistema de comercio mundial.
- Un sistema de comercio mundial que corrixa o comportamento das corporacións e poña fin ao dumping. Proibir taxativamente toda especulación cos alimentos.
- Novas regulacións dos mercados - políticas de control da produción (xestión da oferta) co fin de estabilizar os prezos agrícolas.
- Reformas agrarias reais que garantan que os agricultores que producen alimentos para a poboación teñan aceso aos recursos agrícolas (terras, auga, sementes, gando e biodiversidade) en lugar das grandes corporacións que producen para exportar.
Estas medidas consideradas conxuntamente sentarían as bases da transformación que require con imperiosa necesidade o sistema alimentar mundial. Deste xeito daríase un paso importante cara á Soberanía Alimentar.
Publicado no web da Via Campesina










