Estás aquíA evolución das sementes

A evolución das sementes


Cando hai uns dez mil anos as mulleres e homes se iniciaron nas tarefas agrícolas arrincou o que hoxe, cun bocado de arrogancia, coñecemos por biotecnoloxía (”toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e organismos vivos ou os seus derivados para a criazón ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos”, segundo o Convenio sobre Diversidade Biolóxica de 1992). Agora que celebramos o 150 aniversario da publicación de “A Orixe das Especies” de Charles Darwin, propoño facer unha clasificación das estratexias biotecnolóxicas en función do seu paralelismo ou non co paradigma introducido por el: a diversidade permite á vida adaptarse e expandirse. Entón teriamos dúas
categorías, as modificacións biotecnolóxicas que xeran diversidade e as que pola contra uniformizan.

Dentro do primeiro grupo teriamos, por exemplo, a domesticación dunha especie vexetal salvaxe, como o teosinte, que a partir da selección polas maos campesiñas, no proceso de plantar e seleccionar, da proba e erro, cultivo tras cultivo (aproveitando mutacións e a propia selección natural) derivou nunha nova especie, o millo e as súas múltiples variedades, sustento de moitas culturas. Poderiamos falar dun proceso de selección na natureza exitoso acompañado pola sabedoría e tenacidade do ser humano buscando caracteres adecuados que potenciar. Unha mellor adaptación á súa realidade climática, ás características do solo, un sabor determinado, etc. Unha vez “conseguidas” estas novas especies ou variedades o esforzo consiste en mantelas “en activo” e evitar que perdan os seus trazos privilexiados. É un proceso biotecnolóxico de primeira magnitude ao alcance e nas maos campesiñas.

O segundo grupo de modificacións chegou da mao dunha tecnoloxía máis punteira -dirán-, máis especializada -dirán-, case case que de laboratorio. Este é o proceso da revolución verde, onde tamén co obxectivo de mellorar algunhas características forzouse a hibridación entre diferentes variedades. Con este acelerón sobre os ritmos naturais apareceron tamén novas variedades de trigos ou millos, por exemplo, aínda que ao reproducirse van perdendo ese vigor, esa característica que viña buscando. Vén ser como a Sereíña, que para conseguir andar con pernas humanas tivo que sacrificar o falar. Así nos atopamos que desde a introdución destes híbridos comerciais, impulsada por administracións, empresas, etc., alagando o mercado con sementes homoxéneas -patentadas e con dereitos de propiedade intelectual-, sen intercambios e sen resementados, o número de variedades de moitas especies comestíbeis diminuíu drasticamente. Globalizouse unha tecnoloxía vetada para case que todas e todos que rebaixou o censo da natureza.

Dentro deste estilo de entender a tecnoloxía atopámonos aos OXM, as sementes modificadas xeneticamente, onde noutro proceso artificial -moi artificial-, introdúcense xenes dunha especie (dunha bacteria, por exemplo) noutra especie moi afastada (por exemplo nunha planta), para xerar un novo híbrido artificial que non se pode reproducir. Un soño mitolóxico como os centauros metade humanos, metade cabalos, contrario aos principios naturais da multiplicación das variedades, elemento fundamental da milagre da sobrevivencia.

Se á depredación consumista da especie humana exterminadora de moitas especies animais e vexetais sumámoslle a multiplicación de seres transxénicos uniformes e estéreis, a redución da biodiversidade será dramática. Máis se cabe cando a agricultura deberá afrontar as consecuencias da mudanza climática e necesitaremos do máximo número de variedades fértiles e adaptadas posíbel. Sr. Darwin, que opina destes contos mitolóxicos, destes contos de sereas?

Gustavo Duch Guillot, VSF

Publicado no Diario de Navarra

 

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.