Estás aquíXigantes ou pigmeos
Xigantes ou pigmeos
Meu fillo Xavier, como bo adolescente, aproveita calquera oportunidade para pórme contra as cordas. Como o outro día cando lle dixen que estaba invitado a moderar unha mesa redonda sobre campesiñado e alimentación. O tío púxoseme altaneiro e vai e sóltame unha das súas frases lapidarias: -Papá, non dubido que saibas moderar unha mesa redonda, pero saberás moderarte? A Xavier, como supoño que a moitas e moitos de vostedes, débelles aburrir xa a miña defensa dun modelo de agricultura social en mans das pequenas e pequenos campesiños. Pero é que agora o modelo de agricultura industrial ao que me opoño, e que ten a súa máxima expresión nos cultivos transxénicos, recibiu dous paus que o deberían enterrar para sempre.
Por unha banda o informe da Union of Concerned Scientists (Unión de Científicos Comprometidos coa Sociedade de EUA) que analisando doce estudos académicos, con ensaios de campo durante os últimos 20 anos, observa que o cacarexado aumento dos rendementos destes cultivos -como se veu repetindo- non é tal. Só hai incrementos no caso do millo BT pero non pola súa xenética “sabiamente” modificada senón por melloramentos tradicionais dos cultivos. E un segundo informe que nos incumbe a todas e a todos elaborado por outra institución dos EUA, a Academia Americana de Medicina Ambiental, que logo de estudar múltiples investigacións realizadas en animais conclúe que existe unha relación de causalidade entre o consumo de alimentos transxénicos e efectos adversos á saúde. E directamente, sen andrómenas, solicitan urxentemente, “pola saúde e seguridade dos consumidores” unha moratoria ós alimentos xeneticamente modificados e a implementación inmediata de probas independentes e de longo prazo sobre a súa seguridade.
Temos certeza de que os OMX non serven á xente do campo e algo máis que dúbidas sobre o consumo destes alimentos. Precaución ou risco? España tomará exemplo doutros países europeos e deterá estes cultivos? Coa clase política que nos goberna temo que haberá que darlle a razón a Mario Moreno. Si, ao xenial Cantinflas cando na película na que interpreta un embaixador dun país ficticio di ao pleno das Nacións Unidas: “Estamos a vivir un momento histórico no que o home científica e intelectualmente é un xigante, pero moralmente é un pigmeo”.
Gustavo Duch, VSF
Publicado en Galicia Hoxe










