Estás aquíQuen quer ser millonario?
Quen quer ser millonario?
Calquera de nós pode, desde o pasado 30 de abril, coñecer o destino das axudas que a Unión Europea dedica á agricultura española. Á agroindustria, á nobreza ou ós agricultores e agricultoras? Vale a pena. Visiten a páxina do Fundo Europeu Agrícola de Garantía e -agora que estamos nas vésperas das eleccións europeas - poderán escarbar nos arquivos que mostran os beneficiarios da Política Agraria Común (PAC) que, por certo, xestiona o 43 por cento do orzamento da Unión Europea.
Como hai xa uns anos a Plataforma Rural deu a coñecer o dado que indicaba que a Duquesa de Alba era unha das primeiras socorridas, comecei a miña particular investigación procurando as axudas outorgadas aos apelidos que tan honrosamente ostenta a Duquesa. Entón temos que as axudas que chegaron aos Martínez de Irujo ascenden a 200 mil euros e a 684 mil euros máis os Fitz James Stuart. Sigamos sumando e procuremos agora algunhas das súas empresas e sáenme uns 2 millóns 110 mil euros. Un total aproximado de case que 3 millóns de euros para tan necesitadas familias.
Continuei revolvendo nos arquivos cos nomes das miñas empresas favoritas. A saber, Campofrío líder europeu de transformados cárnicos e agora asociada ao xigante Smithfield propietaria en México das granxas porcinas suspeitosas do brote de gripe porcina, recibiu 850 mil euros. A multinacional Kraft, que acaba de pechar a súa fábrica de queixiños en Menorca deixando na rúa a 180 traballadores, foi agraciada con 1 millón 333 mil euros. E acabo con… por exemplo…, pois Leche Pascual, un millón e medio de euros dunha tacada. E sen vergoña permítense varios expedientes de regulación e seguir a baixar e baixar o prezo co que mercan o leite aos poucos gandeiros que nos quedan en España.
Que modelo de agricultura pensan defender os nosos candidatos durante os próximos catro anos nos que vai ser redefinida a nova PAC? Unha agricultura desde os despachos inmaculados de terratenentes e grandes corporacións ou unha agricultura en mans -coas mans que traballan a terra- de pequenos produtores. Unha agricultura empresarial ou unha agricultura social. Unha agricultura industrializada ou unha agricultura campesiña e ecolóxica. Votemos.
Gustavo Duch, VSF
Publicado en Galicia Hoxe










