Estás aquíEfeito bumerán en Monsanto

Efeito bumerán en Monsanto


Nos Estados Unidos os agricultores tiveron que abandonar cinco mil hectáreas de soia transxénica e outras cincuenta mil están gravemente ameazadas. Este pánico débese a unha “má” herba que decidiu oporse ao xigante Monsanto, coñecido por ser o maior predador da terra. Insolente, esta planta mutante prolifera e desafía ao Roundup, o herbicida total a base de glifosato, ao que “non se resiste nengunha má herba”.

Cando a natureza se recupera

En 2004 un agricultor de Macon, en Georgia, cidade situada a uns 130 quilómetros de Atlanta, deuse conta de que algúns brotes de amaranto resistían ao Roundup co que el asperxía os seus campos de soia.

Os campos vítimas desta invasora má herba foran sementados con grans Roundup Ready, que conteñen unha semente que recibiu un xene de resistencia ao Roundup ao que “non se resiste nengunha má herba”.

Desde entón a situación empiorou e o fenómeno estendeuse a outros Estados, Carolina do Sul e do Norte, Arkansas, Tennessee e Missouri. Segundo un grupo de científicos do Centro para a Ecoloxía e a Hidroloxía, organización británica situada en Winfrith, Dorset, produciuse unha transferencia de xenes entre a planta modificada xeneticamente e algunhas herbas indesexábeis como o amaranto. Esta constatación contradi as afirmacións perentorias e optimistas dos defensores dos organismos modificados xeneticamente (OMX) que pretendía e seguen afirmando que unha hibridación entre unha planta modificada xeneticamente e unha planta non modificada é simplemente “imposíbel”.

Para o xenetista británico Brian Johnson, especializado en problemas relacionados coa agricultura, “basta cun só cruzamento logrado entre varios millóns de posibilidades. Unha vez criada, a nova planta posúe unha enorme vantaxe selectiva e multiplícase rapidamente. O potente herbicida que se utiliza aquí, a base de glifosato e de amonio, exerceu unha presión enorme sobre as plantas, as cais aumentaron aínda máis a velocidade da adaptación”. Así, ao parecer un xene de resistencia aos herbicidas deu nascimento a unha planta híbrida xurdida dun salto entre o grao que se supón que protexe e o amaranto, que se volve imposíbel de eliminar.

A única solución é arrincar a mao as más herbas, como se facía antes, pero isto xa non é posible dadas as dimensións dos cultivos. Ademais, ao estar profundamente arraigadas, estas herbas son moi difíceis de arrincar co que, simplemente, se abandonaron 5.000 hectáreas.

Moitos cultivadores barallan renunciar aos OMX e voltar á agricultura tradicional, con máis motivo que as plantas OMX custan cada vez máis caras e a rendibilidade é primordial para este tipo de agricultura. Así, Alan Rowland, produtor e vendedor de sementes de soia en Dudley, Missouri, afirma que xa ninguén lle pede graos Monsanto tipo Roundup Ready mentres que nestes últimos tempos este sector representaba o 80% do seu comercio. Hoxe os graos OMX desapareceron do seu catálogo e a demanda de graos tradicionais non deixa de aumentar.

Xa o 25 de Xullo de 2005 The Guardian publicaba un artigo de Paul Brown que revelaba que os xenes modificados de cereais pasaran a plantas selvaxes e criaran un “supergrao” resistente aos herbicidas, algo “inconcibíbel” para os cientistas do ministerio do Ambiente. Desde 2008 os medios de comunicación agrícolas estadounidenses informan de cada vez máis casos de resistencia e o goberno dos Estados Unidos practicou importantes recurtes de orzamento que obrigaron ao ministerio de Agricultura a reducir e despois deter algunhas das súas actividades.

Planta diabólica ou planta sagrada?

Resulta divertido constatar que esta planta, “diabólica” para a agricultura xenética, é unha planta sacra para os incas. Pertence aos alimentos máis antigos do mundo. Cada planta produce unha media de 12.000 graos ao ano e as follas, máis ricas en proteínas que a soia, conteñen vitaminas A e C, e sales minerais.

Así este bumerán, devolto pola natureza a Monsanto, non só neutraliza a este predador, senón que instala nos seus dominios unha planta que podería alimentar á humanidade en caso de fame. Suporta a maioría dos climas, tanto as rexións secas como as zonas de monzón e as terras altas tropicais, e non ten problemas nen cos insectos nen coas enfermidades co que nunca necesitará produtos químicos.

Así o “amaranto” enfróntase ao moi poderoso Monsanto como David se opuxo a Goliat. E todo o mundo sabe como acabou o combate, contodo moi desigual! Se estes problemas se producen en cantidade suficiente, o que parece que vai ocorrer, pronto a Monsanto non lle quedará máis remedio que botar o peche. Aparte dos seus empregados, quen se compadecerá verdadeiramente desta fúnebre empresa?

Sylvie Simon
Altermonde-sans-frontières

Texto orixinal: http://www.altermonde-sans-frontiere.com/spip.php?article10632

Fonte: Rebelión

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.