Estás aquíO reloxio de area
O reloxio de area
Quen defendemos a Soberanía Alimentar como modelo agroalimentar detectamos, cada vez con maior preocupación, o poder que exerce na cadea alimentar a grande distribución: os súper e hipermercados. (En España catro de cada cinco compras de alimentos realízanse en grandes superficies e entre cinco empresas controlan case o 60% deste sector). Con este dominio oligopólico e situados entre os produtores e os consumidores exercen un control ao xeito dun dobre embude, como un reloxio de area. Os produtores téñense que encartar ás súas condicións e os consumidores somos vítimas, tamén, dos seus caprichos.
As grandes superficies naceron nos anos 50 “en beneficio dos consumidores” acurtando a distancia entre produtores e consumidores entón salpicada dun alto numero de intermediarios e asegurando con grandes provisións bos prezos finais. Pero a medida que a concentración empresarial no sector foi aumentando, o exercicio da negociación cos provedores converteuse nunha chantaxe que soamente resisten grandes industrias alimentares (aínda que agora andan preocupadas co auxe das denominadas marcas brancas).
Buscar custe o que custar pagar o prezo máis baixo posible conduce a un empobrecemento da calidade dos alimentos. Favorécense os modelos de produción industrializados (deslocalizándoos se así se consegue man de obra máis barata e saltar algunhas regulacións ambientais) con sabores uniformes: todo sabe a nada, cargadiños de conservantes para sobrevivir ás súas peregrinaxes, madurando nas cámaras frigoríficas e cun exceso nada ecolóxico de porexpán para a súa embalaxe. Iso é o que nos venden -agora xa como reiciños do Imperio da Alimentación- nen somente ofrecendo prezos vantaxosos. Por media, só un 27% do que pagamos por un alimento chega ao produtor. Parecería pois que hai marxes excesivas.
O reloxio de area é en realidade a conta atrás para ambos os extremos: en España, coincidindo coa forte expansión das grandes superficies, sufrimos a desaparición diaria de 10 explotacións agrarias e de 11 pequenos comercios. Os garantes dun mundo rural vivo, cunha produción sá e respeitosa co medio caen granciño a granciño, ao mesmo ritmo cós tendeiros que nos atendían persoalmente, polo noso nome, nos nosos barrios.
Gustavo Duch, VSF
Publicado en Galicia Hoxe










