Estás aquíFronte á gripe, compromiso labrego

Fronte á gripe, compromiso labrego


Nosa nai Terra enfermou de gripe. Un cadro clínico cuxa orixe e agudización atopamos na propagación dunha agroindustria poderosa, responsable da masiva destrución da terra campesiña e polo tanto a desaparición dos seus moradores. Pero temos unha esperanza, porque o campo -a pesar de todo- reserva sementes predispostas e dispostas a xermolar. Como a iniciativa do Compromiso Labrego encabezada por Jerónimo Augado Martínez, campesiño, traballador da terra e o gando na comarca de Tierra de Campos, Palencia, España.

Cando sento a charlar con Jeromo, así lle chamamos, sempre acabo pensando que debería ter a man papel e bolígrafo. Porque a memoria falla e hai moito que aprender e recordar de todo o que transmite Jeromo. Bon, do que explica e do que fai, que iso da coherencia tamén é algo que protexer. Jeromo cóntache da súa avoa materna que, coidando tantos fillos que criou, nin tempo tivo de ir ver as terras de trigo da familia, pero que nunca -e salienta, nunca- permitiu que se vendesen. Dos seus anos de militante colaborando con causas campesiñas en Nicaragua como cando foi a unha entrega de terras a pequenos campesiños a cargo de Ernesto Cardenal. Ou de María José que xestiona un horto coa única tecnoloxía que lle proporcionan as súas mans, ecolóxico mil por mil. E do seu rabaño de 180 ovellas, nin unha máis, porque a avaricia empobrecería as súas terras e o seu equilibrio natural. Año que paren, año vendido entre consumidores locais que saben da calidade e hixiene dese gando. Realidades modernas do século XXI que che fan comprender que existen campesiños e campesiñas cuxa vinculación coa terra vai máis aló do exercicio dunha profisión, porque senten e son seres vivos que, en colaboración e reciprocidade coa natureza, producen vida e alimentos sans para a sociedade sen necesidade de xerar riscos sanitarios. Ese saber, esa responsabilidade, eses valores, Jeromo (grazas!) recolleunos nun manifesto onde expresa de forma clara ao mundo a súa solidariedade coa causa de todas as campesiñas e campesiños do mundo e os valores que orientan o seu quefacer. Con ese ponto precisamente dá inicio o manifesto:

Un valor, a ética por riba dos negocios. Un compromiso, coidar a terra, os animais, os ríos, as sementes, os bosques, os ecosistemas, á vez que produzo alimentos. Unha función, producir alimentos sans e nutritivos para toda a cidadanía. Unha opción de vida antes que unha profesión, vivir e manter as comunidades rurais e campesiñas alí onde produzamos os alimentos. Unha cultura e unha técnica non neutral, a agroecoloxía, a agricultura campesiña e local. Un obxectivo, a construción da soberanía alimentar, desde o local ao global. Unha estratexia, manter vivas as culturas e os coñecementos campesiños para o manexo da terra, o gando, os ecosistemas, os alimentos, as plantas medicinais. Unha táctica, defender a terra propia con uñas e dentes até que esta sexa de todos e todas, ou de ninguén. Un posicionamento firme e irrenunciable fronte aos cultivos e as sementes transxénicas, os agrocombustibles, os desertos verdes, a ocupación de solos de cultivo para urbanizacións innecesarias, os grandes circuítos para favorecer o absurdo transporte de alimentos dunha punta a outra do planeta, a agricultura industrializada e o uso de materias para a súa práctica. Un inimigo, o neoliberalismo. Un método de loita, a nonviolencia e a desobediencia civil. Uns compañeiros e compañeiras de viaxe, os e as sen terra, os agricultores e agricultoras, os consumidores e consumidoras, e todas as persoas que cren que outro mundo é posible.

Jeromo foi o primeiro, elaborou o manifesto, asinouno e colgouno ben visible á entrada da súa leira. E agora está circulando entre as súas compañeiras e compañeiros campesiños de todo o planeta, para que repitan o xesto, e se converta nunha causa colectiva. Fronte á agroindustria que só se compromete a xerar máis dividendos aos seus accionistas deixando de lado calquera preocupación social e ecolóxica, e que é quen  de provocar unha crise sanitaria de carácter global sen sequer se ruborizar, é esperanzador pensar que cando viaxemos polo medio rural atoparemos nas portas de pequenas leiras, granxas e hortos carteis impresos co Compromiso Labrego, para min, o mellor certificado de producións limpas. Se hai futuro, é ecolóxico e labrego.

Gustavo Duch, VSF

Publicado en La Jornada

 

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.