Estás aquíEpidemia de lucro
Epidemia de lucro
A nova epidemia de influenza porcina que día a día ameaza con se expandir a máis rexións do mundo, non é un fenómeno isolado. É parte da crise xeneralizada, e ten as súas raíces no sistema de cría industrial de animais, dominado por grandes empresas transnacionais.
En México, as grandes empresas avícolas e porcícolas proliferaron amplamente nas augas (suxas) do Tratado de Libre Comercio de América do Norte. Un exemplo é Granxas Carroll, en Veracruz, propiedade de Smithfield Foods, a maior empresa de cría de porcos e procesamento de produtos porcinos no mundo, con filiais en Norteamérica, Europa e China. Na súa sede de Perote comezou hai algunhas semanas unha virulenta epidemia de enfermidades respiratorias que afectou ao 60 por cento da poboación de La Gloria, feito informado por La Jornada en varias oportunidades, a partir das denuncias dos habitantes do lugar. Desde hai anos levan unha dura loita contra a contaminación da empresa e sufriron até represión das autoridades polas súas denuncias. Granxas Carroll declarou que non está relacionada nen é a orixe da actual epidemia, alegando que a poboación tiña unha gripe “común”. Polas dúbidas, non fixeron análises para saber exactamente de que virus se trataba.
En contraste, as conclusións do panel Pew Commission on Industrial Farm Animal Production (Comisión Pew sobre produción animal industrial), publicadas en 2008, afirman que as condicións de cría e confinamento da produción industrial, sobre todo en porcos, crean un ambiente perfecto para a recombinación de virus de distintas cepas. Até mencionan o perigo de recombinación da gripe aviaria e a porcina e como finalmente pode chegar a recombinar en virus que afecten e sexan transmitidos entre humanos. Mencionan tamén que por moitas vías, incluíndo a contaminación de augas, pode chegar a localidades afastadas, sen aparente contacto directo. Un exemplo do que debemos aprender é o surximento da gripe aviaria. Ver por exemplo o informe de GRAIN que ilustra como a industria avícola creou a gripe aviaria (www.grain.org).
Pero as respostas oficiais ante a crise actual, ademais de ser tardías (esperaron que Estados Unidos anunciase primeiro o surximento do novo virus, perdendo días valiosos para combater a epidemia), parecen ignorar as causas reais e máis contundentes.
Máis que enviar cepas do virus para a súa secuenciación xenómica a científicos como Craig Venter, que se enriqueceu coa privatización da investigación e os seus resultados (secuenciación que, por certo, xa foi feita por investigadores públicos do Centro de Prevención de Enfermidades en Atlanta, Estados Unidos), o que se necesita é entender que este fenómeno vai seguir a se repetir mentres prosigan os criadoiros destas enfermidades.
Xa na epidemia, son tamén transnacionais as que máis se lucran: as empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas que monopolizan as vacinas e os antivirais. O goberno anunciou que tiña un millón de doses de antíxenos para atacar a nova cepa de influenza porcina, pero nunca informou a que custo.
Os únicos antivirais que aínda teñen acción contra o novo virus están patentados na maior parte do mundo e son propiedade de dúas grandes empresas farmacéuticas: zanamivir, con nome comercial Relenza, comercializado por GlaxoSmithKline, e oseltamivir, cuxa marca comercial é Tamiflu, patentado por Gilead Sciences, licenciado en forma exclusiva a Roche. Glaxo e Roche son a segunda e cuarta empresas farmacéuticas a escala mundial e, do mesmo xeito que co resto dos seus fármacos, as epidemias son as súas mellores oportunidades de negocio.
Coa gripe aviaria, todas elas obtiveron centos ou miles de millóns de dólares de ganancias. Co anuncio da nova epidemia en México, as accións de Gilead subiron 3 por cento, as de Roche 4 e as de Glaxo 6 por cento, e isto é só o comezo.
Outra empresa que persegue este zumento negocio é Baxter, que solicitou mostras do novo virus e anunciou que podería ter a vacina en 13 semanas. Baxter, outra farmacéutica global (no lugar 22), tivo un “accidente” na súa fábrica en Austria en febreiro deste ano. Enviou un produto contra a gripe a Alemaña, Eslovenia e a República Checa, contaminado con virus de gripe aviaria. Segundo a empresa, “foron erros humanos e problemas no proceso”, do cal non pode dar detalles, “porque tería que revelar procesos patentados”.
Non só necesitamos enfrontar a epidemia da influenza: tamén a do lucro.
Silvia Ribeiro, Investigadora do Grupo ETC
Publicado en La Jornada










