Estás aquíUn G8 sobre agricultura sen labreg@s = Máis fame e pobreza
Un G8 sobre agricultura sen labreg@s = Máis fame e pobreza
A primeira reunión do G8 sobre agricultura que terminou onte en Cison dei Valmarino produciu unha declaración final que non somente admite os seus propios fallos no pasado, senón que prevé un futuro cheo de contradicións. O G8 non poderá nunca aliviar a fame no mundo tomando decisións a porta pechada, en ausencia dos actores principais do debate mundial sobre agricultura: os millóns de campesiños e familias de agricultores, homes e mulleres, que alimentan ao mundo.
A afirmación do G8 de que “os campesiños teñen que ser os principais protagonistas” soa particularmente baleira cando a reunión deste fin de semana foi explicitamente planificada para limitar o acceso das organizacións campesiñas e reducir a súa visibilidade. O G8 realizou o encontro nun castelo isolado nas montañas, e o ministro de Agricultura italiano rexeitou reunirse con representantes das organizacións da sociedade civil italianas e internacionais que querían expresar as súas opinións.
O texto finalmente producido polo G8 é extremadamente contraditorio. Aínda que recoñece o rol dos produtores de alimentos e a crise que afecta ás áreas rurais, falla ao definir unha estratexia real que puidese aliviar a crise. A declaración por unha banda fala de pór “a agricultura e o desenvolvemento rural… no centro do crecemento económico ao reforzar o papel da agricultura familiar e os pequenos agricultores e o seu aceso á terra”, e por outra banda fala de “alcanzar unha conclusión equilibrada, global e ambiciosa da Rolda de Doha”, dúas políticas que son incompatibeis: a OMC mostrou repetidamente que ten efectos catastróficos na agricultura campesiña porque liberaliza os mercados agrícolas e privatiza os recursos naturais.
A declaración tamén apoia a proposta de creación da Alianza Mundial para a Agricultura e a Alimentación, recoñecendo ao mesmo tempo o papel central da FAO ? dúas posicións que non poden reconciliarse. As institucións existentes da ONU deberán estar no centro da solución da crise actual, non o Banco Mundial e o FMI representados pola Alianza Mundial.
Ademais da natureza contraditoria da declaración, o G8 polo menos admitiu algo que foi absolutamente obvio para o resto do mundo durante moitos anos: que o mundo fracasou totalmente nos seus intentos para reducir á metade a proporción de famentos no mundo para o 2015, en correspondencia coas metas do Milenio. Son precisamente as políticas do G8, impostas aos países do sul, as que son responsabeis.
Calquera política verdadeira para pór no centro aos campesiños, as campesiñas e a agricultura sustentábel rexeitaría a axenda de libre comercio e a alianza mundial e permitiría aos Estados protexer os dereitos dos seus pobos a traballar e a alimentarse. Os campesiños e as campesiñas, que representan perto da metade da poboación activa do mundo, son os primeiros en ser afectados pola fame e a desnutrición
Representantes do movemento internacional de campesiños da Vía Campesina reuníronse en Treviso este fin de semana para facer ouvír as súas alternativas. As súas demandas son sinxelas: permitir aos pobos e países que definan e protexan os seus propios sistemas agrícolas, sen afectar negativamente aos demais. Transformar o modelo agro-exportador no norte e no sul noutro baseado na produción local sustentábel, baseado na agricultura familiar. Ao falar no seminario organizado pola Plataforma Italiana para a Soberanía Alimentar, Ibrahim Coulibaly, presidente do CNOP (Comité Nacional de Organizacións Campesiñas) de Malí dixo moi claramente: “Africa pode alimentarse a si mesma, non necesita de políticas agrícolas impostas por un grupo ilexítimo de países ricos… O papel do G8 non é decidir a política agrícola internacional!”
Publicado no web da Via Campesina










