Estás aquíResponda outra vez
Responda outra vez
Nalgunhas das charlas que estou facendo estes días fago o xogo do Un, dous, tres, responda outra vez. A pregunta é -por vinte e cinco pesetas cada unha- realidades, persoas, entidades ou empresas que vulneren o dereito dos campesiños e campesiñas a producir os seus alimentos. E, rápido rápido, para sacar o máximo de acertos, sáeme unha fervenza de respostas, a saber: a OMC e as aliñas de polo, Benetton na Patagonia, Daewoo en Madagascar, Julio Iglesias cos seus complexos turísticos, Pescanova e Calvo cos seus salmóns e os seus privilexios que lles facilita, por exemplo, o príncipe Felipe, a ministra Chacón defensora dos atuneiros, Gustavo Noboa o Rei do Banano, a oligarquía boliviana Raíña da Soia, o Sr. Windows coa súa nova revolución verde 2.0, Mr. Obama á fronte doutra revolución doce, o machismo, Monsanto dona das sementes e os seus pesticidas, Abengoa o motor do lobby dos agrocombustibles en España, os fondos de investimento DWS en cereais, a comida rápida McDonald”s rica en carne e deforestación, ENCE e as papeleiras que tamén saben o seu en depredación de bosques, os supermercados como Tesco ou Wal-Mart, Nokia, o FMI, Danone e Nestlé, campos de golf, presas e represas, monocultivos de palma, de jatropha, do que sexa?. Ufffs, campá e acabou.
Son vinte e nove respostas acertadas e porque se acabou o tempo. A vinte e cinco pesetas ou ao que sexa, son moitas e moi grandes as dificultades que atopan en todo o planeta aquelas persoas que decidiron vivir da agricultura, da gandería ou da pesca, a pequena escala. Por iso, sabedoras da necesidade de defensa que requiren, as propias organizacións campesiñas, coordinadas na plataforma internacional A Vía Campesiña, están a traballar a prol dunha política internacional que protexa os seus Dereitos Campesiños. Do mesmo xeito que temos cartas a favor dos dereitos indíxenas, da infancia, da Convención do Traballo ou da Convención da Muller, espérase un recoñecemento xurídico que, superando normativas locais, poida asegurarlles condicións xustas. Non pensemos nunha Carta de dereitos -digamos corporativos- que tamén, pensemos nunha Carta que garantindo a presenza de campesiños e campesiñas, gandeiros e gandeiras, pescadores e pescadoras vivindo da terra, dos animais e da pesca, aseguran un medio natural vivo e unha alimentación sa para o presente e o futuro de toda a humanidade.
Gustavo Duch, VSF
Publicado en Galicia Hoxe










