Estás aquí17 de Abril: Día Internacional da Loita Labrega
17 de Abril: Día Internacional da Loita Labrega
Xuntos polos dereitos dos labregos e labregas!
17 de Abril foi declarado pola Vía Campesina desde 1996 como o “Día Internacional da Loita Labrega” como homenaxe aos dezanove campesiños do Movimento Sem Terra asasinados pola policía brasileira durante unha acción de mobilización para acceder a certas terras. Trece anos máis tarde, a loita polo recoñecemento dos dereitos dos labregos e labregas segue a ser unha prioridade para Vía Campesina.
As crises actuais financeira, enerxética, alimentar e en relación co clima e a biodiversidade puxeron de manifesto a culpabilidade, fraxilidade e incongruencia do sistema económico liberal. Se apelamos á razón, os gobernos deberían abandonar as políticas que xeran estas crises e aplicar no seu lugar as salvagardas necesarias. En lugar diso, observamos o contrario: os constantes intentos da OMC por concluír a rolda de negociacións de Doha, a propagación en todo o mundo de acordos bilaterais de libre comercio ou o lanzamento en África dunha nova Revolución Verde centrada nas biotecnoloxías, por exemplo. Até a Unión Europea (UE) está a forzar aos países africanos a aprobar os Acordos de Asociación Económica (EPAs) para xuño de 2009.
Os EPAs e as políticas neoliberais representan un perigo perentorio para África. Segundo un estudo de Impacto dos EPAs na economía de Malí a firma dos EPAs levará nefastas consecuencias para os pequenos produtores de leite. Ante a apertura dos mercados, moitos labregos e labregas veranse forzados a abandonar a súa produción. Os EPAs garanten ás compañías multinacionais os seus beneficios pero fracasan de cheo en dar resposta ás necesidades da poboación.
Unámonos 17 de Abril de 2009 para nos opor aos acordos de libre comercio en África e no resto do mundo! Actuemos xuntos para mostrar que estamos fartos de que se ignore a violación flagrante dos dereitos de homes e mulleres en beneficio das multinacionais! Reafirmemos as nosas reinvindicaciones: a soberanía alimentar e as alianzas económicas que a defenden como a Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA).
A Vía Campesina fai un chamado a todas as súas organizacións membro, amigos e aliados para defender xuntos o 17 de Abril os dereitos dos labregos e labregas (dereito ao acceso á terra, ás sementes, á auga, etc). Podes contribuír organizando algunha manifestación, un debate público, a proxección dalgunha película, un mercadillo de produtos locais, unha festa, acción directa, concursos musicais, etc.
Apoia a Campaña Mundial da Vía Campesina a favor da Convención Internacional de Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Campesiños tal e como se acordou na V Conferencia do movemento labrego celebrada en Maputo en outubro de 2008. Esta campaña é a nosa ferramenta de loita contra as políticas neoliberais que atentan contra a soberanía alimentar.
Subscrébete á lista de distribución para participar na acción do 17 de Abril enviando unha mensaxe sen texto ao seguinte enderezo web: http://viacampesina.net/mailman/listinfo/via.17april_viacampesina.net.
Pregámosche que inclúas na lista todas as accións que xa estexas a organizar.
Publicado no web da Via Campesina










