Estás aquíNova crise alimentaria
Nova crise alimentaria
No primeiro semestre de 2008 sufrimos unha crise alimentaria, ocasionada por unha subida moi significativa do prezo dos alimentos. Cunhas colleitas suficientes chegouse a pagar prezos moi altos por alimentos básicos como o pan, as tortillas de millo ou o arroz. As análises apuntaron á concatenación de tres factores causantes da subida: a especulación cos grans básicos despois da caída das hipotecas lixo, o aumento do prezo do petróleo e os seus derivados requiridos na agricultura industrial, fertilizantes e pesticidas, e o incremento da demanda provocado polos agrocombustibles.
Durante o ano 2009 todo apunta a que podemos padecer unha nova crise alimentaria. Esta vez unha crise global de falta de alimentos. A seca está sendo moi grave en China, Australia, Arxentina e EEUU, precisamente os países que representan dous terzos da produción agrícola do mundo. Algúns datos. No norte de China hai 10 millóns de hectáreas agrícolas e 2 mi- llóns de cabezas de gando afectadas. Un 41 % da agricultura australiana padece unha das peores secas dos últimos cen anos, do mesmo xeito que as terras fértiles de California ou Texas nos EEUU. Na prensa lemos tamén sobre o mal estado no que se atopa a produción de soia en Arxentina e que desde mediados de xaneiro decidiu non conceder novas licenzas de exportación. Realidades similares localízanse en África e Asia. Só Europa parece escapar das secas aínda que as choivas tardías non favoreceron as sementeiras de ciclo longo e moitos agricultores reduciron os seus cultivos polo alto prezo alcanzado a finais do ano 2008 polos insumos citados anteriormente.
Ambas as crises proporciónannos aprendizaxes similares. Non se pode confiar no libre mercado para os temas da alimentación. O comercio desregulado está na orixe da especulación que incrementou o prezo final dos alimentos, e agora, novamente aumenta o risco para todos aqueles países que relegaron a produción agrícola propia esperando satisfacela pola vía do mercado. E unha mesma conclusión. As diferentes administracións deben favorecer sen máis dilación e vacilación a produción local baseada nunha agricultura de pequena escala, biodiversa e ecolóxica. Sabemos que é menos vulnerable ós caprichos do mercado globalizado, menos dependente de fertilizante e agrotóxicos e, co seu arsenal de sementes, coñecementos e experiencia acumulada, máis adaptable ás diferentes situacións climatolóxicas.
Gustavo Duch Guillot, VSF
Publicado en Galicia Hoxe










