Estás aquíDeclaración da Comisión Internacional das Mulleres da Vía Campesina
Declaración da Comisión Internacional das Mulleres da Vía Campesina
Con gallo do Día Internacional das Mulleres
8 de Marzo de 2009
Nós, mulleres labregas chegadas desde os cinco continentes a Seúl, en Corea do Sul, no marco da reunión da Comisión Internacional de Mulleres da Via Campesina, facemos a seguinte declaración:
Co gallo do Día Internacional das Mulleres reafirmamos a nosa vontade de actuar para mudar o mundo capitalista e patriarcal que dá prioridade aos intereses do mercado fronte aos dereitos das persoas.
Como labregas, reclamamos o respeito de todos os nosos dereitos, esiximos o noso dereito a unha vida digna e sen violencia e o respeito dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos.
Loitamos para lograr a soberanía alimentar e por manter a agricultura labrega, que son as alternativas ás crises alimentar e climática actuais.
Esiximos unha reforma agraria integral e o respeito cara á biodiversidade.
En Maputo en Mozambique, durante a Vª Conferencia da Via Campesina en Outubro do 2008, lanzamos a campaña internacional contra a violencia cara ás mulleres.
Hoxe reafirmamos a nosa vontade:
- de reforzar a organización e a loita das mulleres para a súa emancipación,
- e facer progresar a igualdade de sexos e a participación da mulleres en todas as esferas da toma de decisións,
- e pór en práctica a paridade de xénero nas nosas organizacións,
- de terminar con todos os tipos de violencia cara ás mulleres,
- de construír unha sociedade global que sexa xusta e igualitaria.
Chamamos ás mulleres e homes, que loitan pola paz e a xustiza, a participar na inmediata posta en marcha de medidas para erradicar toda forma de violencias físicas, sexuais, económicas, ecolóxicas, verbais e psicolóxicas. Esiximos o fin das violencias provocadas polas guerras.
Achegamos o noso apoio ás nosas irmás campesiñas da República Democrática do Congo, de Palestina así como a todas as mulleres de todos os países que sofren guerras e conflitos.
Denunciamos as prácticas nocivas das multinacionais que destrúen a biodiversidade, acaparan as terras, causan desastres ecolóxicos, forzan a migracións masivas e son a orixe da desaparición da agricultura labrega. Comprometémonos a combatelos.
Hai que eliminar o máis rápido posíbel as desigualdades, xa sexan sociais, culturais, étnicas, de clase ou de xénero.
Loitaremos até a realización dunha sociedade que recoñeza a riqueza e os dereitos de cada ser humano e que afirme que os dereitos das mulleres son dereitos humanos.
GLOBALICEMOS A LOITA
GLOBALICEMOS A ESPERANZA
Publicado no web da Via Campesina










