Estás aquíA revolución enerxética

A revolución enerxética


Xa coñecemos as primeiras medidas enerxéticas de Barack Obama, que respostan, por fin, ás necesidades imperiosas dunha rigorosa orientación ecolóxica: redución das emisións de CO² e menor dependencia dos combustíbeis fóseis.

Que coello garda Obama na chisteira para expor con tanta seguridade o soño da independencia enerxética? O nomeamento de Steven Chu como secretario de Enerxía indícanolo con claridade: Obama impulsará o que se coñece como a nova enerxía do azucre. A tecnoloxía en cuestión parece razoábel.

Do mesma xeito que podemos obter combustíbeis líquidos a partir de millo, cana de azucre ou palma africana, poderiamos obter enerxía de todas as plantas e na súa totalidade, non só do grao ou do froito. Extraer azucres que despois poden ser convertidos en gasolina a partir da celulosa dos troncos, talos, follas verdes, pastos e tamén residuos de colleitas. Por iso é polo que tamén defina esta fonte enerxética como os agrocombustíbeis de segunda xeración.

O proceso xa viña xestándose desde hai uns anos e hai grandes investimentos para o desenvolvimento desta tecnoloxía, fusións entre empresas de sectores complementares e alianzas entre empresas e centros de investigación. Agora contamos xa co impulso político que faltaba, aínda que quedan obstáculos técnicos por salvar e enigmas aínda por descifrar. Polo momento -din os informes do ETC Group-, os custos enerxéticos para facer esta transformación son superiores á enerxía que se xera (de feito, un aspecto tampouco resolto cos primeiros agrocombustíbeis), aínda que este escollo espera liquidarse coa creación -digámolo así- de microorganismos vivos producidos sintéticamente quen de transformar eficientemente a celulosa de todo vexetal nalgo que os nosos coches poidan beber.

Entón, se se resolve ese aspecto puntual, que se resolverá, cal é o problema? Pois varios e moi serios ao meu entender. De entrada darase un paso máis na concentración empresarial, pois estamos a falar de tecnoloxías que levarán as súas patentes incluídas, o que reducirá o uso ao antollo dos seus amos. E cando enfrontamos o saber colectivo, común e público, á tiranía do control corporativo xa sabemos a que nos leva. Aí están os transxénicos para demostralo: unha novidade tecnolóxica, publicitada para apoiar aos agricultores, que varreu dunha plumada non só a biodiversidade de sementes e cultivos, e con ela a independencia dos pequenos agricultores, senón tamén a miles de pequenas empresas e cooperativas dispersas polo mundo dedicadas á mellora dos cultivos tradicionais e á venda de moitas variedades de sementes. Iso converteu o sector agrícola no de maior concentración corporativa do mercado global.

Mentres que nos anos sesenta case a totalidade das sementes estaban en maos de agricultores, institucións públicas e pequenas empresas, hoxe o 82% do mercado comercial de sementes está baixo propiedade intelectual e 10 empresas controlan o 67% dese rubro. As mesmas que monopolizan a totalidade do mercado de sementes transxénicas e as mesmas que controlan o 89% do mercado global dos agrotóxicos que se deseñaron especialmente para usar con estas sementes. A iso chámaselle converxencia de intereses, non é?

Pero, ademais, e agora pensemos no que representaron os agrocombustíbeis de primeira xeración, non se corre o risco de substituír de novo cultivos alimenticios por cultivos específicos xeradores de enerxía? É dicir, se se gaña máis vendendo un litro de gasolina que un quilo de tomates, non sabemos con seguridade que o poder do negocio buscará terras, desmantelará selvas, expulsará familias para cultivar -por exemplo- árbores de crecemento rápido?

Benvidos ás novas tecnoloxías da globalización de vellos padróns colonialistas: a terra e os recursos biolóxicos dos países do Sul postos no mercado ao servizo dun Norte súper consumista para maximizar os resultados dos xigantes empresariais. Un mundo cheo de piñeiros e eucaliptos en ringleira. Pero detrás deses bosques artificiais non haberá nada de nada. Verde e só verde, nun solo morto.

A revolución enerxética de Obama apreséntase poucos meses despois de que os gobernos europeus reafirmen a súa aposta estratéxica polos primeiros agrocombustíbeis. A cuestión será a capacidade de Obama e dos gobernos europeus para regular de modo que poida evitarse esta converxencia entre as novas tecnoloxías e a concentración corporativa, que arrincona as posibilidades de millóns de persoas de saír da pobreza.

Non perdamos de vista as aprendizaxes. Nas últimas catro décadas, as políticas que favoreceron o modelo actual dos agronegocios provocaron que os países en desenvolvemento pasasen de ser países con excedentes agrarios a ser actualmente países importadores netos de alimentos, porque, entre outras razóns (liberalización do comercio, privatización doutros recursos produtivos e desmantelamento das axudas á pequena agricultura nacional), na mesma medida en que se aumenta e concentra o poder corporativo debilítanse as capacidades produtivas dos pequenos campesiños para producir alimentos. Nos dous últimos anos pasamos de 850 millóns de persoas en precariedade alimentar a xa case que 1.000 millóns, e -segundo o Departamento de Agricultura de Estados Unidos- a cifra aumentará a 1.200 millóns para o ano 2017.

En definitiva, se quen orientan e impulsan as novas enerxías son as grandes corporacións e os capitais de risco -que non buscan outra cousa que maximizar os seus resultados económicos-, encamiñámonos agora a un futuro tan verde, tan verde, que eu o presaxio, escuro, moi escuro.

Gustavo Duch Guillot, VSF

Publicado en Público

 

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.