Estás aquíFinal surpresa en Madrid! Sen consenso sobre unha alianza impulsada polo G8… polo de agora
Final surpresa en Madrid! Sen consenso sobre unha alianza impulsada polo G8… polo de agora
Declaración final d@s agricultoræs e organizacións da sociedade civil na Reunión de Alto Nivel sobre a Seguridade Alimentar, 27 de Xaneiro de 2009
Como representantes do campesiñado e outros produtores de alimentos a pequena escala, xunto coas organizacións que os apoian (*), queremos manifestar o seguinte:
1. Reunímonos en Madrid con baixas expectativas. Estamos moi descontentes co proceso e o contido desta conferencia. A pesar de sermos quen produce a maior parte dos alimentos do mundo, non se ofreceu un espazo para dar a nosa opinión sobre o que se debe facer, tanto no proceso preparatorio como no programa da conferencia en si.
2. Como consecuencia, a reunión non se centrou na cuestión crucial de como solucionar a dramática crise alimentar á que nos enfrontamos, senón máis ben nunha discusión por parte dos doadores acerca de como gastar o seu diñeiro. Sen un cuestionamiento serio das causas estruturais reais da crise alimentar, toda discusión acerca de maiores ou menores cantidades de diñeiro para axuda se centra nos síntomas en lugar de abordar os verdadeiros problemas.
3. Isto explica a simplista receita de “máis do mesmo” apresentada en Madrid para resolver a crise: máis fertilizantes, máis sementes híbridas e máis produtos agroquímicos aos pequenos agricultores. Este enfoque xa foi un fracaso total no pasado, e foi a fonte da eliminación e o sufrimento de millóns de pequenos produtores, a destrución do ambiente e a mudanza climática.
4. Tamén está claro que nengún dos actores que aquí se prepararon para facer fronte á decisiva e conflitiva cuestión de como aos produtores de alimentos locais se lles nega o aceso á terra e territorios, que constitúe a máis importante ameaza para a produción local de alimentos. Moitas das terras comunais atópanse agora baixo a ameaza da privatización e a apropiación polas empresas transnacionais para sementar agrocombustíbeis ou outros produtos para os mercados internacionais. Necesitamos reformas agrarias e da auga fundamentais para manter as terras en mans das comunidades locais para poder producir alimentos.
5. Contodo, varios factores combináronse para esmagar a esperanza dos organizadores de pór fin á conferencia coa proclamación triunfal dunha etérea Alianza Mundial para a Agricultura e a Seguridade Alimentar elaborada polo G8 coas empresas de agronegocios. Un factor foi o feito de que moitos gobernos de países en desenvolvimento rexeitaron unha proposta sobre a que ninguén se molestara en os consultar. Outra foi a posición firme adoptada pola FAO a manter a gobernanza mundial da alimentación e a agricultura centrado nas axencias da ONU con sede en Roma. E a nosa participación -tanto dentro da conferencia como nas accións fóra- axudaron a lembrar aos delegados que non pode haber unha aproximación satisfactoria á crise alimentar que non se basee nas alternativas que millóns de pequenos produtores de alimentos están a desenvolver día a día.
6. A solución á crise alimentar existe, e estase a librar en moitas comunidades. Chámase soberanía alimentar. Un enfoque baseado no campesiñado, na agricultura e a pesca artesanal, dando prioridade aos mercados locais e os métodos de produción sustentábel e baseado no dereito á alimentación e o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas agrícolas. Para poder lograr isto, temos que:
- Restablecer o dereito dos gobernos para intervir e regular no sector agroalimentar. O dereito á alimentación, como xa se aceitou polas Nacións Unidas, debe ser o alicerce central sobre o que se construan as solucións á crise alimentar.
- Dominar a desastrosa volatilidade dos prezos dos alimentos nos mercados nacionais. Os gobernos nacionais deberían ter un control total sobre a importación e exportación de alimentos a fin de estabilizar os mercados locais.
- Rexeitar os modelos da Revolución Verde. A agricultura e a pesca industrializados non son solución.
- Criar políticas que apoien activamente a produción labrega de alimentos e a pesca artesanal, os mercados locais e a aplicación da reforma agraria e da auga.
- Deter o acaparamento da terra para agrocombustíbeis industriais e a produción de mercadorías.
7. Necesitamos un espazo único no sistema da ONU que actúe con total independencia das institucións financeiras e comerciais internacionais, cun mandado claro dos gobernos, a participación decisiva dos campesiños, pescadores e outros produtores de alimentos a pequena escala, e un proceso transparente e democrático da toma de decisións. Este ten que ser o único espazo de discusión dos asuntos de alimentación e agricultura, onde as políticas e normas son establecidas.
8. Consideramos o proxecto de Alianza Mundial como outro paso máis para dar ás grandes corporacións e as súas fundacións un lugar oficial na mesa, a pesar de toda a retórica sobre a “inclusión” desta iniciativa. Ademais, lexitímase a participación da OMC, Banco Mundial e o FMI e outras institucións que promoven o neoliberalismo na solución dos problemas que causaron. Isto socava calquera posibilidade de que os gobernos ou a sociedade civil do Sur Global desempeñen un papel significativo. Non necesitamos esta Alianza Mundial ou calquera outra estrutura fóra do sistema das Nacións Unidas.
A batalla gañouse en Madrid, pero non temos ilusións de que os promotores da Asociación Mundial renunciasen á loita, e seguiremos con ela.
(*) Estes inclúen a Vía Campesiña, COAG, e moitas organizacións non gobernamentais. As organizacións presentes na reunión de Madrid presentaron unha exposición detallada da nosa avaliación e propostas “Abocados á catástrofe: Cando os bancos xeren a crise alimentar”. Pódese descargar da páxina web da CIP, que facilitou a nosa participación nesta conferencia: www.foodsovereignty.org (A declaración tamén está dispoñible en Inglés, francés e español en www.viacampesina.org)
Publicado no web de Via Campesina










