Estás aquíAbocados á catástrofe: Cando os bancos xeren a crise alimentar

Abocados á catástrofe: Cando os bancos xeren a crise alimentar


Declaración da sociedade civil - Reunión de Alto Nivel sobre Seguridade Alimentar; Madrid, 26 e 27 de Xaneiro

Perante o grave momento actual marcado pola profunda crise alimentar e a crise económica xeneralizada, o Goberno español organiza a “Reunión de Alto Nivel sobre Seguridade Alimentar para Todos” os vindeiros días 26 e 27 de Xaneiro de 2009 en Madrid.

A urxencia á que nos enfrontamos afunde as súas raíces en décadas de políticas neoliberais que derrubaron os alicerces institucionais internacionais da agricultura e a produción de alimentos e minaron a capacidade dos gobernos nacionais de protexer aos seus produtores de alimentos e consumidores. A causa principal da crise alimentar actual reside na continua promoción dos intereses das grandes corporacións industriais e o control que exercen no comercio internacional en detrimento da produción de alimentos local e nacional e as necesidades e intereses dos produtores locais e as súas comunidades. No Cume Mundial sobre a Alimentación de 1996, os gobernos prometeron reducir á metade para 2015 a cifra de 830 millóns de persoas que se estimaban sufrían fame no mundo. Hoxe, ante unha crise alimentar devastadora como pano de fondo, esta cifra supera amplamente os mil millóns de persoas que pasan fame.

Non ao secuestro de terras para a produción industrial de agrocarburantes e alimentos.

Neste contexto, a Organización Mundial do Comercio (OMC), o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional (FMI) defenden unha maior liberalización do comercio e apoian con máis firmeza a agroindustria e a comercialización de fertilizante e sementes xeneticamente modificadas. A medida que se acelera o círculo vicioso da crise de prezos alimentares, as compañías transnacionais deslocalizánse e instálanse masivamente nos países do Sul ocupando millóns de hectáreas de terras co fin de se garantir o control da produción agrícola a escala industrial para agrocarburantes e a produción de alimentos destinados ao mercado internacional. Millóns de campesiños e campesiñas veranse forzados/as a abandonar a súa actividade e consecuentemente incrementarase o fame nas zonas rurais mentres que nas grandes cidades medrarán os barrios de chabolas. Os poucos sobreviventes traballarán contratados polas compañías transnacionais submetidos ás súas condicións. Este é o modelo que o Banco Mundial e a iniciativa AGRA (Alianza para a Revolución Verde en África) pretenden impor con fundos designados para resolver a crise alimentar.

A nosa solución: a soberanía alimentaria

Contrariamente á impresión confusa que ofrecen as fontes institucionais, existe unha solución sinxela á crise se se acompaña da vontade política necesaria. A agricultura e a gandería campesiña, de pequenos e medianos produtores e a pesca artesanal poden facilmente achegar os alimentos necesarios unha vez garantidos o aceso á terra e á auga dos campesiños/as e pescadores/as e a posibilidade de abastecer aos mercados locais e nacionais estabilizados. Con esta alternativa xéranse moitos máis alimentos por hectárea en comparación co modelo das transnacionais. Ademais foméntase a autosuficiencia e asegúrase un abastecemento estable)º.

Durante a Conferencia de Alto Nivel sobre a crise alimentar e a mudanza climática auspiciada pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) en Xuño de 2008, diversas organizacións non gobernamentais e da sociedade civil presentaron medidas concretas reunidas na declaración “Que non se repitan os erros de sempre” e apoiada por máis de 800 organizacións)ºº.

A declaración chama aos gobernos a:

  • Restablecer o dereito dos gobernos a intervir e regular os sectores agrícola e alimentar co obxectivo de alcanzar a soberanía alimentar.
  • Rexeitar os modelos de Revolución Verde. A solución non pasa pola agricultura e a pesca industrializadas. A avaliación internacional apoia firmemente estas consideracións)ººº.
  • Fomentar a participación de pequenos e medianos campesiños e campesiñas pastores e pescadores artesanais na formulación de políticas.
  • Privilexiar a soberanía alimentar e o dereito aos alimentos fronte aos acordos de comercio e outros instrumentos políticos internacionais.
  • Reestruturar as Axencias das Nacións Unidas relacionadas coa agricultura e a alimentación para garantir a súa maior eficacia.

Estas reivindicacións aínda deben ser tidas en conta na Reunión de Madrid.

Nengunha resposta eficaz até a data

Desde a crise alimentar dos anos 70 leváronse a cabo multitude de iniciativas para combater as crises alimentares; entre elas, a creación na década dos 70 do chamado Consello Mundial da Alimentación, aínda que nunca chegou a exercer o seu traballo e finalmente se desmantelou nos anos 90. En 2002, durante a “Cume Mundial sobre a Alimentación: Cinco anos despois”, a FAO adoptou unha alianza internacional de loita contra o fame aínda que tamén resultou ser ineficaz.

Actualmente Franza e outros países do G8 e España están a propor unha “Alianza Mundial” que non conseguirá máis do que reproducir os fracasos anteriores e fragmentar aínda máis as solucións. Por vez primeira vez nas Nacións Unidas esta “Alianza” daría ás compañías transnacionais e ás grandes fundacións como a de Bill Gates un status oficial na mesa de negociacións.

O ano pasado estableceuse un Equipo de Alto Nivel das Nacións Unidas co fin de coordenar as accións entre as Axencias das Nacións Unidas, as Institucións de Bretton Woods e a OMC. Tamén se elaborou un “Marco Ampliado para a Acción”. A pesar de que se require urxentemente unha maior coordenación entre as Axencias das Nacións Unidas, o Equipo de Alto Nivel está a ser dirixido principalmente polos países doantes do G8 e as institucións multilaterais como o Banco Mundial, a OMC e o FMI. A burocracia internacional redactou o “Marco Ampliado para a Acción” sen realizar nengunha consulta seria aos gobernos ou á sociedade civil e, aínda que se menciona no texto o apoio aos pequenos campesiños, os intereses das institucións multilaterais e do grupo do G8 dominan. O texto avoga claramente por unha maior liberalización do comercio e o Banco Mundial pretende utilizar este mecanismo para transferir grandes fundos á agroindustria e facilitar así unha segunda revolución verde, particularmente en África. A FAO e outras Axencias das Nacións Unidas acreditadas e con mandato para pór en marcha programas eficaces están isoladas e marxinalizadas.

Onde está a vontade política para atallar a crise con seriedade?

O evento en Madrid orquestrado por Jeffrey Sachs e o Goberno de España que inclúe “mesas redondas coa Sociedade Civil” apreséntase como unha farsa. Como preparación á reunión, o Goberno español apresentou unha proposta de “Alianza Global” segundo a cal “se deben potenciar, escoitar e considerar as voces dos pobres durante todo o proceso” pero desgraciadamente o formato da reunión de Madrid non parece reflectir estas boas intencións. Quizá algún portavoz dos campesiños poida falar uns minutos desde o seu asento entre o público asistente mentres que as compañías transnacionais como Monsanto ou a Fundación Bill Gates, a OMC, o Banco Mundial ou o FMI teñen aos seus representantes no estrado… Imersos nunha crise financeira como a actual na que as institucións bancarias creban en cadea debido á incapacidade de asumir as súas débedas e a especulación, é absurdo pedir a estes bancos e demais institucións financeiras que ofrezan solucións á crise alimentar. Debe rexeitarse o principio que intentan instaurar o Banco Mundial e os países doadores segundo o cal se pede “un dólar por un voto”.

Non se amosou nengún interese especial en subir ao estrado aos campesiños e pescadores, comunidades indíxenas e organizacións sociais que representen aos realmente afectados. Unha vez máis se deixou de lado aos actores principais no debate da crise alimentar e só unhas poucas ONGs coidadosamente seleccionadas están convidadas a dar a súa opinión. Así as cousas, eventos como este só serven para xustificar iniciativas carentes de lexitimidade que seguirán sen solucionar o problema ou, o que é pior, empiorar a situación.

Requírense urxentemente políticas baseadas na soberanía alimentar

Os gobernos nacionais deben asumir a súa responsabilidade e aplicar sen máis demora as seguintes medidas:

  • Deter a volatilidade dos prezos alimentares nos mercados nacionais. Os gobernos nacionais deben controlar con autoridade as súas exportacións e importacións de alimentos co fin de estabilizar os mercados locais.
  • Determinar políticas que apoien activamente a produción alimentar a pequena escala e a pesca artesanal, os mercados locais e a implementación de reformas agrarias e en materia de pesca. A produción campesiña, de pequenos e medianos produtores, demostrou ser máis efectiva, xa que produce máis alimentos por hectárea, cría moito máis emprego e facilita un mellor aceso da poboación aos alimentos)º.
  • Deter a práctica das transnacionais de secuestrar terras para a produción industrial de agrocarburantes e alimentos.

As Axencias das Nacións Unidas deben apoiar as iniciativas dos gobernos nacionais e debe prohibir á OMC, o Banco Mundial e ao FMI interferir nas políticas nacionais agrícolas e alimentares. Estas institucións deben ser excluídas do Equipo de Alto Nivel das Nacións Unidas.

Non ás novas estruturas e iniciativas

Opómonos firmemente á montaxe actual de creación de novas estruturas e espazos abocados ao continuo fracaso á vez que obstaculizan coas súas repetidas políticas erradas o traballo dos organismos xa existentes. O debate da alimentación a nivel internacional concentrábase orixinalmente nun único foro, o da FAO. Este espazo fragmentouse en múltiplas institucións que defenden o seu propio ponto de vista en asuntos de agricultura e alimentación ademais da FAO: o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA), o Programa Mundial de Alimentos (PMA), o Grupo Consultivo de Investigación Agrícola Internacional (CGIAR), a OMC, o Banco Mundial, o FMI, etc. Aínda por riba, os que deben asumir a maior culpabilidade pola crise actual (a OMC, o Banco Mundial e o FMI) son precisamente os que dirixirán as novas estruturas.

Un espazo único no Sistema das Nacións Unidas

Até o de agora as Axencias das Nacións Unidas (FAO, FIDA, PMA), do mesmo xeito que o CGIAR, fracasaron estrepitosamente na xestión eficaz da crise debido á falta de financiamento, funcionamento deficiente e ausencia de apoio aos campesiños e pescadores tradicionais. Imponse un cambio. Debe mellorarse a gobernanza global en materia de agricultura e alimentación. É necesario criar un espazo único no Sistema das Nacións Unidas independente da OMC, o Banco Mundial e o FMI, cun mandado claro dos gobernos, unha participación decisiva por parte de campesiños, pescadores tradicionais e outras organizacións da sociedade civil, e un proceso de toma de decisións democrático e transparente. Este debe ser o único espazo onde se debatan as cuestións relativas á agricultura e a alimentación, onde se determinen as políticas e normas e se controlen todos os recursos financeiros. Os países doadores deberían imitar o compromiso adquirido perante a crise financeira e canalizar os fundos necesarios ás Axencias das Nacións Unidas para abordar adecuadamente a crise alimentar. Dos 24 mil millóns US$ prometidos na Conferencia de Roma de Xuño de 2008, só se verteu unha pequena percentaxe. É importante financiar adecuadamente a resolución da crise, pero non desexamos que os fondos se malgasten na produción de sementes de alta tecnoloxía, fertilizantes químicos e nas manidas receitas que fracasaron no pasado e tamén actualmente. Solicitamos apoio para unha auténtica reorientación do sistema alimentar mundial cara á soberanía alimentar.

Esta declaración foi preparada polos membros da CIP, o Comité Internacional de Planificación para a Soberanía Alimentaria. O CIP é unha rede que coordena a nivel internacional a todos os movementos sociais e organizacións para colaborar ao redor da cuestión da soberanía alimentaria: www.foodsovereignty.org

“Abocados á catástrofe: Cando os bancos xeren a crise alimentar”

Listaxe de asinantes da declaración:

  1. Vía Campesina
  2. COAG (Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos) - Spain
  3. Plataforma Rural - Spain
  4. GRAIN - International
  5. Centro Internazionale Crocevia - Italy
  6. Associazione Italiana per l’Agricoltura Biologica (AIAB) - Italy
  7. ETC Group - Canada
  8. Practical Action - United Kingdom
  9. FIAN - International
  10. CENESTA - Iran
  11. The Development Fund - Norway
  12. Veterinarios Sin Fronteras - Spain
  13. CONAPACH - Chile
  14. Terra Nuova - Italia
  15. Associazione Rurale Italiana (ARI) - Italia
  16. Rete di Economia Solidale Italiana - Italia
  17. Arcipelago Moneta nazionale - Italia
  18. Distretto dei Economia Solidale dei Verona e Provincia - Italia
  19. Antenna Italiana AEFJN - Italia
  20. KUMINDA - Associazione Cibopertutti - Italia
  21. Chiama l’Africa - Italia
  22. Movimiento Campesino de Santiago del Estero (MOCASE) - Argentina
  23. Ecological Society - Philippines
  24. Southern Mongolian Human Rights Information Center
  25. BAFLF - Bangladesh
  26. Zones Arides
  27. Economic Justice and Development Organization (EJAD) - Pakistan
  28. Sustainable Agriculture Action Group (SAAG) - Pakistan
  29. Potohar Organization for Development Advocacy (PODA) - Pakistan
  30. Centre for Indigenous Peoples of Indus (CIPI) - Pakistan
  31. Associazione Italiana per a Cooperazione e o Sviluppo (AUCS) - Italy
  32. Coordination Nationale deas Organisations Paysannes - Mali
  33. ACRA
  34. CISV
  35. Haica Europe (Faith and Justice Network)
  36. CRBM
  37. Help Local Trade
  38. Terre Contadine/Italiafrica
  39. FAIR Italy
  40. Plataforma Rural
  41. Amigos de la Tierra
  42. Comité de Apoio ao MST
  43. Ecologistas en Acción
  44. Mundubat
  45. Red África Europa
  46. Sindicato Lábrego Galego (SLG)
  47. Ekologistak Martxan
  48. Entrepueblos y Red Solidaria Ítaca

————————————————————————–
)° ver www.foodfirst.org/en/node/246
)°° para consultar propostas máis concretas na declaración “Que non se repitan os erros de sempre” publicada con motivo da Conferencia de Alto Nivel da FAO de xuño de 2008 e apoiada por máis de 800 organizacións, ver www.nyeleni.eu/foodemergency ou http://soberaniaalimentar.info/?p=30
)°°° ver http://www.agassessment.org , sitio web da Avaliación Internacional do Coñecemento, Ciencia e Tecnoloxía no Desenvolvemento Agrícola (IAASTD polas súas siglas en inglés)

Publicado no web de Via Campesina

 

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.