Estás aquíA soberanía alimentar estabiliza o clima!

A soberanía alimentar estabiliza o clima!


Posición da Via Campesina sobre a CMNUMC (Convención Marco das Nacións Unidas sobre a Mudanza Climática)

Os campesiños e campesiñas son unhas das primeiras vítimas da mudanza climática. As súas consecuencias son palpábeis en todos os nosos campos, nas plantas que cultivamos e nos animais que criamos. Contodo, isto non é algo novo. Xa no século pasado na década dos 70, os campesiños e campesiñas africanos se viron afectados pola desertización e por unha mudanza radical no ciclo das estacións. Desde entón, numerosas son as persoas que nos vimos afectadas por furacáns, inundacións, a redución da estación húmida e enfermidades de plantas e de animais debido a temperaturas pouco habituais. O campesiñado e pequenas explotacións agrarias adaptamos os nosos modos de vida e de produción para nos enfrontar a estas mudanzas. Por exemplo, seleccionamos sementes de variedades que medran máis rápido ou que resisten á seca, desenvolvemos sistemas de xestión da auga para evitar inundacións e, pola contra, para manter a humidade dos solos durante a estación seca. A maioría das veces tivemos éxito ainda que ninguén reparou nos esforzos. Tan só a crise dos prezos alimentares da primavera de 2008 e as revoltas nas cidades ameazando aos gobernos nacionais fixeron que os medios de comunicación comezasen a prestar atención á crise a longo prazo á que fan fronte as comunidades campesiñas e á situación crítica da produción alimentar na economía globalizada.

O campesiñado e as pequenas entidades agrarias vense ameazados polas “solucións” para frear a mudanza climática prometidas polo mundo dos negocios

Contodo, parece que os campesiños e campesiñas están máis ameazados hoxe polas solucións para loitar contra a mudanza climática prometidas polo mundo dos negocios, os países do G8, a Organización Mundial do Comercio e o Banco Mundial, que pola propia mudanza climática en si. Os agrocarburantes industriais, as sementes xeneticamente adaptadas á mudanza climática, a fertilización dos océanos e os mecanismos de comercio do carbono, aceleran a privatización de todos os recursos naturais da Terra e exclúen ás comunidades locais do aceso aos recursos que antigamente se denominaban “bens comúns”: a terra, a auga, as sementes, e quizais até agora, o ar que respiramos.

A maioría destas “solucións” tenden máis a combater as consecuencias do esgotamento dos combustíbeis fóseis do que a deter a mudanza climática. Un dos obxectivos explícitos da Conferencia das Partes (COP) é agora tamén o de “garantir a longo prazo a subministración enerxética”. Os agrocarburantes ilustran ben o problema. Aínda que se apresenten como unha forma de reducir as emisións de CO2, en realidade serven esencialmente para substituír os combustíbeis fóseis e deste modo poder manter o crescente consumo enerxético a nivel mundial, en beneficio do mundo dos negocios.

As solucións neoliberais fronte á mudanza climática e ao esgotamento das reservas dos combustíbeis fóseis fan que sexa cada vez máis difícil para o campesiñado viver do traballo da terra. En todo o mundo, a terra confiscáronlla as multinacionais para aumentar o cultivo de agrocarburantes. En todo o mundo, os xigantes das sementes avanzan co mazo compresor da propiedade intelectual para prohibir ao campesiñado a reprodución das súas propias sementes, que son con todo as únicas que se poden adaptar á evolución das condicións climáticas. Os xigantes das sementes impoñen os seus híbridos patentados e os seus OXM. As políticas agresivas de “libre”-intercambio impostas por Xapón, Estados Unidos e a Unión Europea mediante acordos bilaterais, significan retirar os mercados locais de alimentos das maos das comunidades e sitúanas baixo o control das empresas financeiras, agroindustriais e de distribución. Resulta cada vez máis difícil para o campesiñado gañar unha renda digna co seu traballo, non porque non produza suficiente alimento ou de xeito eficaz, senón por mor da violenta toma de control das multinacionais de todos os recursos naturais e os mercados. A crise alimentar deste ano amosou claramente que a alza vertixinosa dos prezos non foi debida a unha escaseza de alimentos, senón esencialmente á especulación financeira sobre os mercados agrícolas.

De xeito xeral, as solucións promovidas polos gobernos e as institucións neoliberais supoñen que o custo das políticas de axuste á mudanza climática repercuten nas poboacións máis pobres. Por unha banda, fomentan o consumo “verde” para as poboacións máis ricas, permitíndolles desta forma descargar da súa responsabilidade frente á crise ambiental, e por outro, aumentan o prezo dos produtos básicos, impedindo que boa parte da poboación teña aceso aos recursos indispensábeis para cubrir as súas necesidades básicas (mentres que aclamamos ás poboacións ricas de Europa e os EUA por mercar coches que teñen baixos niveis de emisión de CO2, o prezo do aceite para cociñar no Sul é tan elevado que moitas persoas non o poden mercar). A mudanza climática converteuse nun novo pretexto para explotar ás persoas máis pobres, mentres que unha elite cada vez máis exclusiva pode seguir a vivir como antes: business as usual (o que importa sempre son os negocios).

A destrución da agricultura campesiña é unha das causas principais da mudanza climática

O éxodo rural masivo é unha das consecuencias destas políticas. En Europa e nos Estados Unidos, onde practicamente todos os bens comúns foron privatizados e onde o pequeno campesiñado se enfrenta á competencia sen piedade da agricultura industrializada apoiada polas subvencións, menos do 5% da poboación segue a cultivar a terra. En todo o mundo, os campesiños e campesiñas atópanse nunha rúa cega: por unha banda a súa dependencia das sementes, praguicidas e abonos que teñen que mercar a prezos cada vez máis caros á industria, e doutra banda, os prezos extremadamente baixos que obteñen da venda dos seus produtos. O campesiñado abandona o campo e sitúase na miseria das barriadas de chabolas e favelas. Das seis mil millóns de persoas que habitan o planeta, tres mil millóns viven nas cidades, das cais mil millóns viven en barrios de chabolas. As persoas expertas predín que deica pouco a maioría das persoas que habitan as cidades podería atoparse en barrios de chabolas.

Este éxodo rural é unha das maiores ameazas para o clima. De feito, mentres que a agricultura campesiña arrefría o clima, o modelo industrial de produción e de consumo de alimentos que o substitúe multiplica as emisións de carbono. Durante os últimos 150 anos, a industrialización da agricultura supuxo a substitución da enerxía humana -o traballo de mulleres e homes campesiños- pola enerxía dos combustíbeis fóseis: en forma de tractores, abonos, e a especialización da produción e desenvolvemento dos monocultivos, baseados no transporte de mercadorías a longas distancias para alimentar aos seres humanos e aos animais de cría. Isto supon substituir un modelo de produción que coida o humus, armacena enormes cantidades de carbono nos solos, por un sistema que utiliza catro calorías de enerxías fósiles para cada caloría de alimento que produce.

A CMNUMC debe recoñecer o fracaso de Kyoto e adoptar unha axenda de negociación radicalmente diferente

O protocolo de Kyoto, que se asinou en 1997 e se aplica a partir do 2005, xa demostrou a súa ineficacia. Ao comezar os debates ao redor da súa revisión antes de perder a súa vixencia no 2012, os gobernos e as institucións internacionais deben recoñecer que as solucións propostas, é dicir os mecanismos de comercio de carbono, non tiveron grande efecto positivo algún para deter a mudanza climática. Desde 1997, as emisións mundiais de CO2 superaron as previsións máis pesimistas realizadas nese momento polas persoas expertas do Grupo Intergobernamental sobre o Mudanza Climática.

Polo tanto, se a CMNUMC e os gobernos desexan loitar contra a crise de forma seria, deben falar sobre as causas reais da mudanza climática. Deben comezar por recoñecer os seus erros e os seus fracasos, deben abrir un longo debate público cos movementos da sociedade civil para atacar a raíz do problema: a avidez dun modelo de desenvolvemento baseado no poder das empresas que foi difundido en todo o mundo.

  • Para todo isto, a axenda das negociacións climáticas debería modificarse radicalmente. Debería incluír os temas seguintes:
  • O impacto do comercio internacional nas emisións de carbono e como relocalizar as economías;
  • O impacto da agricultura industrializada sobre o clima e como apoiar á agricultura campesiña con modelos de produción agroecolóxicos;
  • Unha estratexia para implementar a soberanía alimentar dos pobos;
  • Unha estratexia para deixar os combustíbeis fóseis na terra, diminuír de forma drástica o consumo enerxético e desenvolver enerxías renovábeis controladas de forma local;
  • Unha estratexia para garantir o aceso xusto para todas as persoas aos bens comúns, en particular mediante reformas agrarias e a socialización da subministración da auga;
  • Unha estratexia para deter o saqueo dos recursos do Sul polos países do Norte, tal e como o coñecemos desde a época colonial.

Se non se discute esta axenda dentro da CMNUMC, máis que falar dos mecanismos do comercio do carbono como estaba previsto, está claro que non terá ningún efecto positivo sobre a catástrofe climática.

A CMNUMC debe atacar a raíz da crise climática ou desaparecer

O mandato da CMNUMC é loitar de forma seria contra a mudanza climática, non abrir novos mercados “verdes” en beneficio das grandes empresas. Se non cumpre o seu mandato resultará inútil e ata tería consecuencias negativas, xa que faría crer que os gobernos fan algo positivo fronte á crise e non é o caso. O cume de Bali sentou un precedente negativo en termos de toma de control dos intereses económicos sobre as negociacións.

As vindeiras reunións da CMNUMC, en Poznan en Decembro de 2008 (COP14) e en Copenhague en Decembro de 2009 (COP15) serán decisivas.

A Vía Campesina insta á CMNUMC e aos gobernos a cambiar inmediatamente a axenda da reunión de Poznan. Os pobos e os movimentos sociais pergúntanse se a CMNUMC é relevante para combater a mudanza climática e se ten lexitimidade segundo os resultados de COP14.

Comprometémonos a traballar cos nosos aliados en Poznan e en Copenhagen, e ao longo de todo o ano que vén en todo o mundo, para denunciar calquera falsa solución para frear a mudanza climática e para construír alternativas reais no ámbito local, nacional e internacional, baseadas na soberanía alimentar e a agricultura labrega.

Publicado no web da Via Campesina

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.