Estás aquíAtúns… e coltán

Atúns… e coltán


Desde hai uns días temos orgullosos os nosos exércitos protexendo as nosas mercadorías(?) fronte ás costas de Somalia. A preocupación polos piratas esixe de avións e de fragatas militares con todos os seus tripulantes atentos a babor e estribor. Entre as mercadorías escoltadas por mar e aire, a Unión Europea insiste en facernos saber que se protexe os mercantes do Programa Mundial de Alimentos. Pero non esquezamos (polo menos) outra das motivacións, a frota atuneira e mais as súas empresas asociadas.

Esgotados os nosos mares por un modelo de consumo insensato e unhas artes de pesca devastadoras, desembarcamos agora en costas sen Estado nin regulacións. A industria atuneira traballa con redes de pesca que abarcan varias millas, guiadas por satélites que lles indican onde están os grandes bancos de peixes, encamiñándonos a un novo esgotamento, en detrimento dos pescadores artesanais locais.

As empresas pesqueiras españolas tamén son receptoras de axudas estatais e comunitarias que coartan o dereito da poboación somalí a aproveitar os seus recursos naturais. Así que, finalmente, cando compramos atún habemos de saber que pagamos tres veces: o prezo venda ó público, as subvencións cos nosos impostos a esta industria e agora co orzamento militar. Con todo este financiamento atuneiro poderían impulsarse moitos programas de cooperación para apoiar a poboación de Somalia. E decidirnos, dunha vez por todas, a atacar os problemas estruturais por exemplo o consumismo insostible para a natureza e socialmente tan cruel: un 20% da poboación mundial acaparamos máis do 80% dos recursos naturais dispoñibles, e como no caso de Somalia, estes recursos usurpámolos dos países máis empobrecidos. A Unión Europea debería limitar ou reducir a súa frota de pesca industrializada e favorecer a pesca artesanal. O noso consumo debe modificarse e substituír os peixes comerciais quilométricos que nos colocaron nas pescaderías e supermercados por peixes locais, peixes artesanalmente pola frota pesqueira familiar.

E ocórreseme -é pura especulación-, será que algún barco de mercadorías que pasa polo golfo de Somalia non levaría coltán extraído no Congo? Os medios de comunicación deberían falar dos verdadeiros piratas planetarios e non limitarse ós piratas locais.

Gustavo Duch Guillot
Director de VSF

Publicado en Galicia Hoxe

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.