Estás aquíDeclaración do Foro Mundial das Poboacións Pescadoras
Declaración do Foro Mundial das Poboacións Pescadoras
Dirixida á Conferencia da FAO
Sobre Pescarías de Pequena Escala, Bangkok, Outubro 2008
INTRODUCIÓN
No mundo enteiro, as poboacións pescadoras de pequena escala, artesanais e indíxenas, estanse a unir para protexer os seus dereitos, o futuro das súas comunidades costeiras e o ecosistema mariño do cal dependen. O Foro Mundial das Poboacións Pescadoras esixe que as súas voces sexan escoitadas, e que estes dereitos sexan recoñecidos a nivel nacional, rexional e internacional.
O seguinte é unha Declaración preparada polo Foro Mundial dos Pobos Pescadores (WFFP) dirixida á Conferencia Global da FAO, que tratará o tema das Pescarías de Pequena Escala en Bangkok do 13-17 Outubro 2008.
Esta declaración representa o esforzo unido dos países membros das organizacións afiliadas ao WFFP e reflicte o punto de vista de todos os seus membros. Adicionalmente, organizacións de moitos países presentarán os seus propios puntos de vista.
A declaración esta redactada de tal xeito que aponta os tres temas determinados pola FAO para a conferencia. Adicionalmente, o WFFP sumou un cuarto tema -a soberanía alimentar.
Dado que o WFFP postula firmemente unha atitude baseada nos dereitos humanos dos pescadores, nós recoñecemos as indivisibilidades de: (i) aceso á pesca e dereitos de uso, (ii) dereitos logo da colleita e (iii) dereitos humanos, e cremos que o desenvolvemento responsábel e sustentábel de pescarías artesanais de pequena escala e indíxenas son posíbeis, se estas son atendidas dun xeito integrado.
Máis de dez anos atrás, o Código de Conduta da FAO para Pescarías Responsábeis recoñeceu o rol vital das pescarías artesanais de pequena escala e indíxenas e determinou que o goberno debería dar prioridade a estas pescarías (Sección 6.18)
6.18 Recoñecendo o importante contributo cara ao emprego, ingresos e seguridade alimentar das pescarías artesanais e de pequena escala, os Estados deberían protexer os dereitos dos pescadores e dos traballadores involucrados na pesca, particularmente daqueles dedicados á sustentación, os artesanais e os de pequena escala, a un sustento xusto e seguro, así como o aceso preferente a territorios tradicionalmente aptos para a pesca e a recursos na auga baixo a súa xurisdición nacional, cando isto sexa apropiado.
Isto non ocorreu. É máis, pescarías artesanais, indíxenas e de pequena escala están máis ameazadas do que antes. Esta declaración presenta un plano para revisar esta situación.
PREÁMBULO
Considerando que máis dun billón de persoas no mundo enteiro dependen da pesca como a súa fonte primaria de proteína;
Considerando que organizacións de pescadores artesanais e de pequena escala e os seus seguidores levan máis de dúas décadas a defender o recoñecemento dos aspectos sociais no debate da pesca;
Considerando que existe unha ligazón moi forte entre a situación social das comunidades costeiras, dereitos humanos e o manexo de recursos naturais;
Considerando que en moitos países os pescadores son os máis pobres e marxinalizados. Debido a que os seus dereitos á terra e aos recursos pesqueiros e a servizos básicos como a educación, e saúde entre outros aspectos, non son recoñecidos. Son tamén estes mesmos factores os que frean aos pescadores de pequena escala a desenvolver o seu rol plenamente para contribuír mais significativamente á economía local e nacional, a unha pesca responsábel e á seguridade alimentar;
Considerando que o futuro das pescarías de pequena escala, artesanais e indíxenas están a ser ameazadas pola crise alimentar mundial, a suba dos prezos da enerxía e o quecemento global;
Considerando que as pescarías de pequena escala, artesanais e indíxenas son máis viábeis que as pescarías de grande escala, recebendo menos do 20% dos subsidios estatais que as flotas pesqueiras de grande escala a nivel mundial;
Considerando que as pescarías de pequena escala, artesanais e indíxenas son a fonte primaria de sustento en comunidades costeiras a nivel mundial, empregando directamente máis de 30 millóns de persoas, contrariamente ao medio millón de persoas empregadas polas flotas industriais de grande escala.
Considerando que as pescarías de pequena escala, artesanais e indíxenas teñen menor impacto sobre mudanzas climáticas que as pescarías de grande escala, utilizando menos do 13% de combustíbel utilizado polas outras pesqueiras.
Considerando que pescarías de pequena escala son menos destrutivas cara á existencia de peixes e o seu hábitat, cun mínimo de desbotamento de peixes, e equipamento que non afecta ao fundo oceánico de xeito negativo, frente aos máis de 20 millóns de toneladas anuais descartados polas flotas industriais.
TEMAS
Tema 1: ACESO
1. Privatización
Deberíanse tomar medidas imediatamente para frear a privatización de pescarías -incluíndo a transferencia individual de cotas (Tics), arrendamento de augas, praias e hábitat e outras formas de privatización- que está a devastar as existencias de peixes, a limitar o aceso, a danar a economía costeira local e a concentrar a propiedade en mans de poucos.
2. Pesca industrial
Deberíanse tomar medidas imediatamente para prohibir a pesca en augas próximas á costa, baseándose en que isto dana as existencias de peixes, o seu hábitat, as comunidades costeiras e o sustento de pescadores artesanais e indíxenas de pequena escala a nivel mundial. En augas a pouca distancia da costa, prácticas destrutivas de pesca industrial, incluíndo pesca de arrastre, residuos e descargas teñen un impacto directo sobre o sustento de pescarías de pequena escala nas súas comunidades costeiras e polo tanto, deberían ser prohibidas. A pesca para alimento de peixes debería estar regulada efectivamente.
3. Acuicultura Industrial
As políticas pesqueiras estatais deberían rexeitar a acuicultura industrial, especialmente acuicultura de monocultivo como son a de salmón e camaróns, xa que isto ten efectos devastadores no hábitat costeiro, dana as existencias silvestres e esnaquiza o sustento costeiro. Deberíase dar apoio ás prácticas de acuicultura tradicionais de pequena escala
4. Turismo
Deberíanse tomar medidas que limiten o desenvolvemento turístico en lugares onde se reduce o aceso de pescadores artesanais, indíxenas e de pequena escala a costas tradicionalmente pesqueiras.
5. Contaminación
Deberíanse tomar medidas para tratar todo tipo de contaminación que está a degradar o contorno acuático mariño e interior, polo tanto progresivamente esnaquizando todo tipo de sustento de pesca das comunidades pescadoras mariñas e interiores.
Tema 2: POST COLLEITA
1. Auto Regulación
A administración de recursos de pesca mariña e de pesca en augas próximas á beira, debería corresponder ao nivel local na rexión. Os programas para lograr a delegación administrativa de pescarías deberían ser precedidos e acompañados por programas onde se críen destrezas e aptitudes tanto para os pescadores como para as organizacións pesqueiras nas comunidades, para alentar a súa capacidade de negociación así como para desenvolver capacidades para a xerencia de pescarías responsábeis. Deberanse fomentar a creación de Cooperativas por operadores-propietarios. Todas as pescarías deberían recoñecer o dereito dos pescadores artesanais, indíxenas e de pequena escala a poder participar plenamente nas tomas de decisións que afecten ás súas comunidades e ás súas pescarías.
2. O Rol da Muller
Deberíanse desenvolver medidas específicas para tratar o tema do fortalecemento e a proteción dos dereitos das mulleres permitíndolles participar plenamente na actividade pesqueira. Estas medidas deberían ir cara á eliminación de todo tipo de discriminación contra as mulleres e deberían aseguralas contra abusos sexuais. Todas as organizacións pesqueiras, cooperativas, as agrupacións gremiais e outras asociacións representando o benestar e os dereitos dos pescadores, deberían ter unha representación ao 50/50 entre homes e mulleres
3. O Mercado
Deberíanse tomar medidas para brindar aceso a infraestrutura e crédito a aquelas iniciativas dedicadas ao mercadeo, comercio e a procesos locais. Dentro deste contexto, deberíase pór maior énfase nos mercados locais, nacionais e rexionais. Máis aínda, deberíanse tomar medidas para garantir que os beneficios derivados do valor agregado na cadea produtiva da pesca, sexan gozados polas comunidades pesqueiras. Tamén se debería velar para que a vulnerabilidade dos intermediarios, transportistas e os procesos globais de comercio sexan minimizados. As vendedoras de peixe deberían ser protexidas e deberían ter un maior aceso a mercados.
4. Infraestrutura
Deberían ser desenvolvidas medidas para garantir que exista suficiente apoio estatal para a infraestrutura mariña, que se requere para os pescadores artesanais e indíxenas de pequena escala. Infraestrutura para pequena escala e centros de desembarque deberían ser desenvolvidos en todas as áreas de pesca en praias, garantindo deste xeito que os pescadores teñan aceso á pesca aínda cando as condicións climáticas sexan más.
5. Alivio de Desastres
Todas as nacións deberían promulgar lexislación para crear unha autoridade xerencial, autónoma para a prevención de desastres, en vista dos crescentes efeitos da mudanza climática, baseada na necesidade de reconstruír e revitalizar as pescarías indíxenas, artesanais de pequena escala que foron afectadas por desastres naturais.
6. Clasificación Ecolóxica
Deberíase recoñecer a nivel internacional, a clasificación ecolóxica, a certificación e o mecanismo de mercadeo verde, unicamente se estes inclúen un compoñente socioeconómico ben definido. Estes esquemas deberían ser aplicados só a produtos de exportación, a modo de non afectar aos mercados domésticos de pequena escala.
Tema 3: DEREITOS
3.1 Igualdade
Todos os dereitos e liberdades que sexan acordados como baseados en dereitos para os pescadores, deberían aplicar igualmente a todos os homes e mulleres das comunidades pescadoras.
3.2 A declaración da ONU
As comunidades pescadoras deberían gozar plenamente da Declaración Universal de Dereitos Humanos e da lei internacional sobre dereitos humanos, incluíndo dereitos humanos, dereitos económicos, dereitos culturais, sociais, e o dereito a necesidades básicas como son alimentación, auga, educación, saúde, teito para todos e un trato igual ante a lei.
3.3 A Declaración Indíxena
As comunidades indíxenas pescadoras deberían gozar plenamente da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos Humanos dos Pobos Indíxenas (2207). Para as comunidades indíxenas pescadoras isto implica o dereito a conservación e a protección dos seus territorios e recursos, o dereito á pesca tradicional de sustento, e o dereito ao consentimento pleno, previo e informado ás decisións que teñan un impacto nas súas pescarías.
3.4 Dereitos tradicionais
As políticas pesqueiras deberían recoñecer e respeitar os dereitos tradicionais/os costumes/os dereitos da comunidade pesqueira sobre o aceso á beira e a augas próximas á beira.
3.5 Saúde
Os dereitos das comunidades pesqueiras a beber auga potábel, ao aceso a saneamento básico, á saúde e a prevención e tratamento de HIV/SIDA, á educación e capacitación deberían ser recoñecidos.
3.6 Coñecemento Local
Unha actitude baseada en dereitos debería recoñecer os costumes, o coñecemento local, o sistema e as prácticas tradicionais, e o dereito aos recursos mariños e de augas próximas á beira das comunidades pescadoras indíxenas, artesanais e de pequena escala, tanto así como o dereito á terra para as súas vivendas, e outras actividades relacionadas coa pesca ou a actividades de sustento. Adicionalmente, este tipo de atitude debería promover reximes administrativos colectivos, baseados nas comunidades.
3.7 Dereitos Humanos, non Dereitos de Propiedade
Os dereitos de pesca non deberían ser tratados como mercadoría comercial e deberían ser vistos como unha parte integral dos dereitos humanos. Un enfoque baseado nos dereitos das pescarías non debería dar curso á privatización de recursos pesqueiros.
3.8 Dereitos Laborais
Os dereitos laborais e as condicións seguras de traballo e de vivenda dos pescadores deberían estar garantidos coa ratificación e a implementación da Convención Laboral de Pescadores ILO, 2007, ampliando a súa provisión ás operacións pesqueiras como a pesca en augas próximas e na beira.
3.9 Seguridade
Deberíanse xestionar esforzos para mellorar a seguridade das operacións pesqueiras artesanais e de pequena escala e para garantir a seguridade dos pescadores en augas mariñas e en augas perto da beira. Os dereitos laborais e as condicións laborais e de vivenda seguras, deberían ser garantidas pola ratificación e a implementación da Convención Laboral de Pescadores ILO, 2007, ampliando a súa provisión ás operacións pesqueiras como a pesca en augas próximas e na beira.
3.10 Mulleres
Deberíanse desenvolver medidas específicas para tratar, fortalecer e protexer os dereitos das mulleres permitíndolles participar plenamente na actividade pesqueira. Estas medidas deberían apontar cara á eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres e deberían garantir a súa seguridade contra abusos sexuais.
3.11 Apoio Organizacional
Deberíase brindar apoio financeiro e de formación ás organizacións pesqueiras recoñecidas, a organizacións non gobernamentais, a institucións de investigación para implementar programas promocionais dirixidos ás comunidades pesqueiras en canto aos seus dereitos para fortalecer a súa capacidade de convencemento e para avogar os seus dereitos.
3.12 Administración Costeira
Iniciativas de conservación, incluíndo MPAs, programas xerenciais de áreas costeiras, intervencións no ámbito de turismo e acuicultura industrial deberían respeitar os dereitos de comunidades costeiras, sen impedir aceso a praias, zonas pesqueiras nen sitios de desembarque. Este tipo de iniciativas de conservación deberían recoñecer os dereitos de pescadores artesanais e indíxenas de pequena escala para participar na toma de decisións en asuntos que afecten as súas pescarías e comunidades.
3.13 Desenvolvemento Industrial de Recursos Non-Renovábeis
Deberíanse implementar medidas para frear o desenvolvemento industrial de recursos non renovábeis, en casos onde afecte aos dereitos de pescadores artesanais e indíxenas de pequena escala e ás súas comunidades.
Tema 4: SOBERANIA ALIMENTAR
4.1 Soberanía Alimentar
A Política Nacional Pesqueira debería recoñecer e apoiar o principio de soberanía alimentar tal e como o menciona a Declaración Nyeleni. Isto debería ser parte dun esforzo colectivo para lograr a soberanía alimentar que contemple a Reforma Acuática e de Terras, a cal establece o dereito sobre a auga, a costa e a terra.
4.2 Prioridade para Pescarías de Sustento
A Política Nacional Pesqueira e a súa lexislación deberían brindar prioridade a pescarías de sustento locais, sobre aquelas comerciais e de exportación.
4.3 Comercio
Os acordos comerciais que comprometan a seguridade alimentar e o aceso local a mariscos, deberían ser revogados. Deberíanse implementar medidas e políticas que apoien iniciativas comerciais xustas, que fortalezan as economías locais e garantan a soberanía alimentar.










