Estás aquíDez ideas para o cume
Dez ideas para o cume
En termos médicos, defínese como enfermidade sistémica aquela que afecta a todo o organismo. As crises económica, ecolóxica, hídrica, enerxética, política e alimentar son parte dunha crise sistémica que afecta a todo o planeta. Como pasa con todas as enfermidades, necesitamos rapidamente porlle tratamento. A este respeito, paréceme que deberiamos prestar atención ás seguintes dez medidas, enmarcadas nun particular manifesto chamado Vivir ben.
“Primeiro, se queremos salvar ao planeta Terra para salvar a vida e á humanidade, estamos na obriga de acabar co sistema capitalista. Os graves efeitos da mudanza climática, das crises enerxéticas, alimentares e financeiras son produto do sistema capitalista vixente, inhumano co seu desenvolvemento industrial ilimitado.
Segundo: renunciar á guerra, porque das guerras non gañan os pobos, só gañan os imperios; non gañan as nacións, senón as transnacionais. Os trillóns de millóns que se destinan á guerra deben ser destinados para reparar e curar á nai Terra, que está ferida pola mudanza climática.
Terceira proposta para o debate: un mundo sen imperialismo nen colonialismo, onde as relacións deben estar orientadas no marco da complementariedade, e tomar en conta as profundas asimetrías que existen de familia a familia, de país a país e de continente a continente.
O cuarto ponto está orientado ao tema da auga, que debe ser garantida como dereito humano e evitar a súa privatización e concentración en poucas mans, xa que a auga é vida.
Como quinto ponto, debemos buscar cómo acabar co desbaldimento de enerxía. En 100 anos estamos a acabar coa enerxía fósil criada durante millóns de anos. Como algúns presidentes reservan terras para automóbeis de luxo e non para o ser humano, debemos implementar políticas para frear os agrocombustíbeis e deste xeito evitar fame e miseria para os nosos pobos.
Como sexto ponto: respeito pola nai Terra. O sistema capitalista trátaa como materia prima, pero a Terra non pode ser entendida como unha mercadoría. Quen podería privatizar ou alugar á súa nai? É necesario que organicemos un movemento internacional en defensa da nai natureza para recuperar a saúde da nai Terra e restablecer a vida harmónica e responsábel con ela.
Un tema central, como sétimo ponto para o debate, é que os servizos básicos -auga, luz, educación, saúde- deben ser tomados en conta como dereitos humanos.
Como oitavo ponto, consumir o necesario, priorizar o que producimos e consumimos localmente, acabar co consumismo, o desbaldimento e o luxo. Debemos priorizar a produción local para o consumo local, estimulando o autosustentamento e a soberanía das comunidades dentro dos límites que a saúde e os recursos minguados do planeta permitan.
Como penúltimo ponto, promover a diversidade de culturas e economías. Vivir en unidade respeitando as nosas diferenzas, non somente fisonómicas senón tamén económicas; economías manexadas polas comunidades e as asociacións.
E, como décimo ponto, expomos vivir ben, non vivir mellor a costa do outro, senón un vivir ben baseado na vivencia dos nosos pobos, as riquezas das nosas comunidades, terras férteis, auga e ar limpos. Fálase moito do socialismo, pero hai que mellorar ese socialismo do século XXI, construíndo un socialismo comunitario ou sinxelamente o vivir ben, en harmonía coa nai Terra, respeitando as formas de vivencia da comunidade”.
Con moita antecipación, e tamén con máis acerto ás reaccións que agora aburren, presentouse este decálogo en Setembro do ano pasado a todos os líderes do planeta reunidos na Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Presentounas un labrego e indíxena e presidente do segundo país máis pobre de América Latina, onde está a levar adiante loitas e reformas para facer que o pobo boliviano recupere a súa soberanía fronte á oligarquía e as multinacionais. Seguramente por iso, por estar perto da realidade dos pobos empobrecidos, Evo Morais atina nas súas propostas. Podemos optar por medidas conservadoras e medicamentos xa probados que nos devolverán un paciente intubado e con alimentación artificial, en estado crítico e sen posibilidade de curación completa. Ou barallar tratamentos audaces, alternativos, antes nunca usados en aras dun vivir ben colectivo e renovado.
Hai 60 anos, o mundo asumiu un discurso único para superar as secuelas da Segunda Guerra Mundial coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Contodo, o avanzo no respeito e realización deses dereitos humanos viuse comprometido, cando non totalmente freado, polo imperativo do crecemento económico e a acumulación capitalista, especialmente nestes últimos anos dominados pola liberalización selvaxe e a desregularización da economía a escala mundial. Globalización da economía sen globalización dos dereitos humanos, e agora globalización do novo desastre, un custo sobreengadido ás xa sobrecarregados lombos da poboación máis pobre do planeta, e especialmente daqueles grupos de persoas que os modelos sociais imperantes colocan estruturalmente en situación de vulnerabilidade: mulleres, nenos e nenas e anciáns.
As medidas propostas por Evo Morales deberían estar sobre a mesa do cume do G-20 en Wáshington o próximo 15 de Novembro e xogar ese papel global que nos leva a profundar en políticas baseadas neses dereitos humanos para alcanzar a igualdade de todos os seres humanos en san equilibrio co planeta.
Gustavo Duch Guillot
Director de VSF
Publicado en Público










