Estás aquíNun pavillón deportivo
Nun pavillón deportivo
Seiscentas persoas sentadas no chan dun pavillón deportivo próximo a Maputo. Preside un grande tapiz onde unha muller e un home de raza negra coas súas mans unidas sosteñen o planeta Terra. Sobre o cemento un mapamundi realizado con terra mozambicana. Sobre os cinco continentes, 600 candeas prendidas ofrécense fronte a un retrato. Seiscentas voces en silencio. Sobre a tarima do pavillón unha muller nova, seguindo o fío dos seus papeis, relata a súa historia, sen que o sorriso desaparecese dos seus ollos.
“Hai cinco anos, como moitos de vostés atopábame en Cancún, acompañando a meu pai Le, líder do movemento campesiño coreano. Moitos campesiños e campesiñas reunímonos para frear as medidas que adopta a Organización Mundial de Comercio (OMC) para expulsarnos da nosa terra abandonándonos na competencia ilegal contra as grandes corporacións. Meu pai era un home cariñoso, xoguetón como un neno e sobre todo un home apaixonado pola agricultura. Sempre saía de casa para apoiar a outros campesiños, imaxinaba formas de producir alimentos e daba charlas entre os seus compañeiros. Estou orgullosa de meu pai e o seu amor pola agricultura perdura nas súas tres fillas e os seus catro netos. Nos últimos anos concentrou todas as súas forzas en derrotar á OMC. En Cancún tíñaa enfronte, protexida por un enorme valo e miles de policías. Recordo a hora, o minuto, o segundo. Non o podo esquecer. A miña última imaxe del foi en brazos dos seus compañeiros, ensanguentado”.
A historia complétaa Rafael Alegría, o irmán hondureño de Le. “A mobilización foi grandiosa. A Cancún chegaramos 15 mil campesiños de todos os continentes. Queriamos que a OMC nos escoitase pero nos rexeitaron. Organizamos unha marcha até os hoteis onde se resgardaban. Topamos cos valos e moitos pensamos que era o fin do camiño. Entón o teu querido pai rubiu ao alto do valo, levando un cartel sobre o seu corpo que dicía, a OMC mata a campesiños. Tomou unha pequena navalla suíza do seu peto e inmolouse espetándoa no corazón. Teu pai tomou esa decisión para que a loita pola dignidade dos campesiños acumulase a coraxe necesaria para a sobrevivencia de nós os produtores de alimentos. A OMC impulsou un modelo comercial deseñado en favor das grandes transnacionais. A apertura das fronteiras e o desmantelamento das axudas públicas para a pequena agricultura deixou a millóns de familias sen capacidade para vivir en e do campo, como lle pasou a miles de campesiños coreanos como teu pai. A OMC é a responsábel da pobreza no campo que se fai presente nas vilas miseria e nas chabolas de tantas cidades de todo o mundo. Lembro o que as túas irmás e ti me dixestes en Cancún: que a familia campesiña non esqueza a Le. Aquí estamos, a túa familia da Vía Campesina, como cada día, con teu pai á beira loitando por un mundo xusto, rural e respeitoso. Certamente os valos de Cancún non puxeron fin ao noso camiño, foi o principio que nos levou a derrotar á OMC, e agora só lle queda agonizar”.
O día da morte de Le, en Cancún, tamén nun pavillón deportivo, a súa foto no centro atopouse rodeada de centos de candeas. En Cancún e agora en Maputo os loitadores e loitadoras por un mundo campesiño aspiraron o fume das candeas, saboreando unha bocanada de alento fresco.
Gustavo Duch Guillot
Director de VSF
Publicado en La Jornada










