Estás aquíCarta de Maputo: V Conferencia Internacional da Vía Campesina

Carta de Maputo: V Conferencia Internacional da Vía Campesina


Agricultura Labrega e Soberanía Alimentar Frente á Crise Global
Maputo, Mozambique, 19-22 de Outubro, 2008

O mundo enteiro está en crise, unha crise de dimensións múltiples, unha crise de alimentos, de enerxía, do clima e das finanzas. As solucións que nos ofrecen desde o poder  —mais libre comercio, sementes transxénicas, etc.- ignoran que a crise é produto do sistema capitalista e do neoliberalismo, e só aprofundarán os seus impactos. Para atopar solucións reais, mais ben hai que mirar cara a soberanía alimentar que propón a Vía Campesina.

Como chegamos á crise?

Nas últimas décadas vimos o avanzo do capital financeiro e das empresas transnacionais, sobre todos os aspectos da agricultura e do sistema alimentar dos países e do mundo. Desde a privatización das sementes e a venda de agrotóxicos, até a compra da colleita, o procesamiento dos alimentos, e o seu transporte, distribución e venda ao consumidor, todo está xa en mans dun número reducido de empresas. Os alimentos pasaron de ser un dereito de todos e todas, a ser unha mercadoría máis. Estanse a homoxenizar as nosas dietas en todo o mundo, con alimentos que son maus para a saúde, teñen prezos fóra do alcance da xente, e estamos a perder as tradicións culinarias dos nosos pobos.

Á vez estamos a ver unha ofensiva do capital sobre os recursos naturais, como non se viu desde tempos coloniais. A crise da taxa de gaño do capital lanza a unha guerra privatizadora de despoxamento contra nós, campesiños e indíxenas, un roubo privatizador da terra, o territorio, os bosques, a biodiversidade, a auga e a minaría. Os pobos rurais e o ambiente están a ser agredidos. A sementeira de agrocombustíbeis en grandes monocultivos industriais é parte deste despoxamento, xustificado falsamente con argumentos sobre as crises enerxéticas e climáticas. A realidade detrás destas últimas facetas da crise ten moito mais a ver coa matriz actual de transporte a longa distancia de bens, e individualizado en automóbeis, que con outra cousa.

Agora o surximento da crise de alimentos e a crise financeira fai que todo se agudice. A mesma crise financeira e as crises de alimentos están vinculados pola especulación que fai o capital financeiro cos alimentos e a terra, en detrimento da xente. Agora o capital financeiro vólvese mais desesperado, asaltando os erarios públicos para os seus resgates, os cais van obrigar a aínda maiores recurtes orzamentares nos países, e maior pobreza e sufrimento. O fame no mundo segue o seu ritmo de crecemento. A explotación e todas as forma de violencia, en especial contra as mulleres, aumentan. Coa contracción económica nos países ricos, crece a xenofobia en contra dos traballadores e traballadoras migrantes, con crecente racismo e represión, e o modelo dominante ofrece cada vez menos oportunidades para a mocidade no campo.

En síntese, todo vai de mal a pior. Contodo, como toda crise, xera oportunidades. Oportunidades para o capitalismo, que usa a crise para reinventarse e atopar novas fontes de gaños, pero tamén oportunidades para os movementos sociais. Entre os últimos sitúanse o feito que as teses do neoliberalismo están a ficar  sen lexitimidade cos pobos, e o feito de que as institucións financeiras internacionais (Banco Mundial, FMI, OMC) están a mostrar a súa incapacidade de administrar a crise (ademais de estar entre as causas da mesma crise), creando a oportunidade para eliminalos e construír outras institucións de regulación da economía global que serven outros intereses. Está a ficar claro que as corporacións transnacionais son os verdadeiros inimigos que están detrás daqueles. Está a ficar claro que os gobernos neoliberais non serven os intereses dos seus pobos. Tamén está a ficar claro que o réxime mundial de alimentos controlados polas empresas transnacionais, non é quen de alimentar á grande masa de persoas nesta planeta, mentres que a soberanía alimentar baseada na agricultura labrega local é mais necesaria do que nunca.

Que defendemos na Vía Campesina frente esta realidade?

A soberanía alimentar: botando ao capital especulativo fóra dos alimentos, e re-nacionalizando a produción e as reservas de alimentos, ofreceríase a única saída da crise alimentar. Só a agricultura campesiña alimenta aos pobos, mentres que o agronegocio produce produtos de exportación e agrocombustíbeis para alimentar aos automóbeis en lugar dos seres humanos. A soberanía alimentar baseada na agricultura campesiña ofrece a solución ás crises.

Fronte ás crises enerxéticas e climáticas: a diseminación dun sistema alimentar local, que non se basea nin na agricultura industrial nin no transporte a longa distancia, eliminaría ata un 40% das emisións de gases de efeito invernadoiro. A agricultura industrial quenta ao planeta, e a agricultura campesiña arrefría ao planeta. Un cambio no padrón de transporte humano cara ao transporte colectivo, e outros nos padróns de consumo, son os pasos adicionais necesarios para facernos frente ás crises enerxéticas e climáticas.

A reforma agraria xenuína e integral, e a defensa do territorio indíxena: son esenciais para reverter o despoxamento do campo, e para pór a terra a producir alimentos en lugar de exportacións e combustíbeis.

A agricultura labrega sustentábel: só a produción campesiña agroecolóxica pode desvincular o prezo dos alimentos do prezo de petróleo, recuperar os solos degradadados pola agricultura industrial, e producir alimentos sans e próximos para os nosos pobos.

O avanzo das mulleres é o avanzo para todos: O fin de todos os tipos de violencia cara á muller, incluíndo a física, a social e outras. O alcance da verdadeira paridade de xénero en todos os espazos internos e instancias de debates e toma de decisións son compromisos imprescindíbeis para avanzar neste momento como movementos de transformación da sociedade.

O dereito á semente e á auga: A semente e a auga son as fontes da vida, e son patrimonios dos pobos. Non podemos permitir a súa privatización, nin a sementeira de sementes transxénicas ou de tecnoloxía terminator.

Non á criminalización da protesta social, si á Declaración de Dereitos Campesiños na ONU, proposta pola Vía Campesina. Será unha ferramenta chave no sistema legal internacional para fortalecer a nosa posición e os nosos dereitos como campesiños e campesiñas.

A mocidade no campo: Urxe abrir cada vez mais espazos no noso movemento para a incorporación da forza e creatividade da mocidade campesiña, coa súa loita por construír o seu futuro no campo.

Finalmente, nós producimos e defendemos os alimentos de todos e todas.

Todos e todas os participantes na V Conferencia da Vía Campesina comprometémonos á defensa da agricultura campesina, á soberanía alimentar, á dignidade e á vida. Nós ofrecemos solucións reais á crise global que enfronta o mundo de hoxe. Temos o dereito de seguir a ser campesiños e campesiñas, e temos a responsabilidade de alimentar aos nosos pobos.

Aquí estamos os campesiños e campesiñas do mundo, e negámonos desaparecer.

Soberanía alimentar XA! Coa loita e a unidade dos pobos!

Globalicemos a loita! Globalicemos a esperanza!

Publicado no web de Via Campesina

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.