Estás aquíPobreza e violencia
Pobreza e violencia
Doíame a soidade…
Ao morrer o seu home, Cristina pasou dúas semanas deitada na cama sen saber que facer. Cría que soa, como muller, nada podía facer na vida. Era o seu esposo quen traballaba o campo, o que facía ela era axudar. El era o que estaba organizado e acudía a reunións, ela cociñaba para os participantes. El tomaba as decisións, pensar e opinar non son cousas de mulleres, repetíanlle. O décimo quinto día, o seu fillo pequeno achegouse docemente ao abismo da cama no que se refuxiaba e mumuriou: “mamá, teño fame”, e Cristina “muller” emerxeu. Tiña que alimentar aos seus catro fillos e podía facelo. Seica non tiña mans para traballar a terra? Seica non tiña mente para pensar? Seica non tiña alma para loitar? A súa xanela abríase ao mundo e debía enfrontalo sen medo.
Desde entón loita diariamente contra a violencia da sociedade patriarcal e unha agricultura capitalista e neoliberal. Como campesiña enfróntase á expulsión das súas terras; non está recoñecido o dereito á propiedade da terra en mans das mulleres; o traballo e os seus froitos páganllos a prezo de explotación; desprézase a súa forma de facer as cousas, os seus saberes campesiños; conservar e reproducir as súas sementes é ilegal; e as organizacións nas que participa non cesan de receber ameazas. Como muller sente ferida xunto ás moitas outras cristinas que son maltratadas, insultadas, desprezadas, arrinconadas, asustadas, ignoradas, escravizadas, violadas no seu propio fogar. No campo os rastros da globalización capitalista son altos niveis de pobreza e devastación social. Mulleres, nenas e nenos son as súas principais vítimas.
A loita de Cristina enmárcase no traballo de diferentes organizacións sociais que entenden que a erradicación da pobreza e a violencia patriarcal van da man. As mulleres da Vía Campesina na cidade de Rosario (Arxentina) denunciárono: “o capitalismo con todos os seus medios continúa a nos atacar e procura sistematicamente a nosa desaparición como pobos do campo, ao constatar que cos medios necesarios poderiamos alimentar á humanidade sen depender do capital”. Ou recentemente, nos espazos do Foro Social das Américas, celebrado en Guatemala, onde o movemento de mulleres mesoamericanas por unha vida digna expresan tamén a importancia deste enfoque dual. Así o expuxo Tica Moreno: “como lograr que a voz e a experiencia das mulleres novas sexa tida en conta na loita maior por un novo paradigma de muller que non só loite polos seus dereitos, senón contra o modelo inxusto, patriarcal e capitalista que asfixia e invisibiliza ás mulleres e a todas e todos os excluídos?”
Esta mirada crítica global tamén se fará presente os próximos 18 e 19 de Outubro no encontro que a Marcha Mundial das Mulleres, rede feminista internacional que agrupa as mulleres de máis de 150 países, organizou en Vigo (España). Con representación dos cinco continentes avanzarase por un mundo onde sexan erradicadas a pobreza e a violencia, frente a un capitalismo neoliberal que se sustenta na sobrexplotación das mulleres no mercado formal e informal, no campo e na cidade, na casa, nas zonas francas e nas maquilas.
A loita feminista e campesiña debe seguir para que un día próximo mulleres como Cristina abran as súas xanelas. Dío o slogan para a marcha en Vigo: “Mudemos a vida das mulleres para mudar o mundo, mudemos o mundo para mudar a vida das mulleres.”
Fanny García e Gustavo Duch, VSF
Publicado en La Jornada










