Estás aquíManifesto do VI Foro de Plataforma Rural “Por un mundo rural vivo”
Manifesto do VI Foro de Plataforma Rural “Por un mundo rural vivo”
Poderannos tirar da terra, mais non poderán tirar a terra de nós!
Reunidos en Andorra, Teruel, todas as organizacións pertencentes á Plataforma Rural e compañeiros de Vía Campesina, acordamos asemblearmente o seguinte manifesto:
De novo o mundo rural se mobiliza. O presente documento solicita os anceios de todas as persoas que fixeron un importante esforzo para que Plataforma Rural siga adiante na súa loita por un mundo rural vivo.
Neste momento da nosa historia, seguen a existir motivos para seguir a traballar polas nosas vilas de forma aliada e solidaria co conxunto das forzas sociais que reclaman esa mudanza no medio rural. Recampesiñizar a sociedade nos contextos xeográficos do mundo dos opulentos é unha tarefa tan urxente como necesaria para expor con obxectividade o futuro da humanidade. Recampesiñizar a sociedade significa volver a ollada ao campo e aos campesiños e campesiñas que ao longo da historia souberon traballar a Terra con criterios de sustentabilidade.
Nas axendas das institucións internacionais que deciden cara a onde se debe encamiñar a vida da humanidade non hai lugar para o mundo rural. Partindo da Unión Europea, e todo o que significaron a aplicación das PAC (Políticas Agrarias Comunitarias), pasando pola OMC (Organización Mundial do Comercio) e chegando até os organismos multilaterais, que cos seus acordos fora do control democrático dobregan aos Estados, impúxosenos un modelo de desenvolvemento neoliberal, hoxe máis que nunca deslexitimado ante a sociedade e que nós non pedimos.
O modelo de desenvolvemento vixente esqueceu o medio rural e a quen o habita. Isto provocou nos países ricos, a case total desaparición da agricultura local, os mercados próximos, as economías diversificadas e desmantelou os servizos públicos que permiten dignificar as vidas dos seres humanos.
Plataforma Rural defende como alternativa posíbel e necesaria ao sistema económico actual, que trafica cos alimentos e os seres vivos coma se fosen pura mercadoría, un modelo baseado na Soberanía Alimentar e a Reforma Agraria para que a terra teña un uso campesiño e social.
Este manifesto non é contodo un cúmulo de palabras amargas, de queixas ou de rendicións, senón todo o contrario. É unha construción de redes de traballo conxunto, de alternativas reais, de esperanza, de sensibilización e sensibilidade social, de estratexias concretas que nos achegan sen présa pero sen pausa ao modelo social que queremos.
Quen participamos no 6º Foro por un Mundo Rural Vivo, camiñamos cara a accións palpábeis e consensuadas sobre os temas estratéxicos que nos incumben: supermercadismo, comercio local, agrocombustíbeis, transxénicos, más políticas de institucións públicas, turismo responsábel, servizos públicos, educación, agricultura labrega, uso social e integral da auga e arte e artistas no medio rural.
As nosas liñas de acción e compromisos futuros son:
Supermercadismo: Grandes Superficies Non, Grazas
As redes de consumo local están totalmente debilitadas e desmanteladas polo modelo de consumo imposto polas Grandes Superficies que arrasa co comercio próximo e explota aos seus traballadores e traballadoras. Por iso, organizaremos accións para o día 17 de Novembro, Día Internacional Contra as Grandes Superficies, en todo o territorio nacional. Ademais, empregaremos internet como unha canle de colectivización de toda a información que circule ao redor deste tema. Publicarase na rede un directorio de pontos de venda alternativos: cooperativas de consumo, cestas de alimentación ecolóxica, tendas, etcétera e criarase un directorio dos comedores públicos que no territorio nacional instauren o menú ecolóxico.
Comercio local: Unha parcela de humanidade, por favor!
Os mercados locais son un lugar para a visualización dos produtos, goce dos consumidores e consumidoras, cambio de significado da comida, biodiversidade, recordos familiares, repartición da riqueza…
Para que o comercio local non sexa unha especie en extinción, Plataforma Rural comprométese a: elaborar un catálogo de produtos campesiños de confianza, que sexa un instrumento de socialización da información, facilitar a comunicación entre produtores e produtoras e consumidores e consumidoras, e promover novas vías de comercialización.
Agrocombustíbeis: Os nosos estómagos a mercé da especulación co cereal
A crise alimentar viuse agudizada polo incremento do prezo dos alimentos básicos resultado da especulación coas materias primas e as expectativas criadas polos agrocombustíbeis. Estes son un produto deseñado para ser cultivado en grandes superficies de monocultivo, por parte de grandes empresas transnacionais, que ameaza o modo de vida campesiña e a seguridade alimentar. Frente á crise enerxética global que se aveciña, os agrocombustíbeis non supoñen unha alternativa viábel, xa que están a deteriorar a fertilidade dos solos, deforestando extensas áreas tropicais e ameazando a biodiversidade dos ecosistemas.
Plataforma Rural denunciará a especulación alimentar que estamos a sufrir nos medios de comunicación e realizará un audiovisual que plasmará as conexións que existen entre a introdución dos agrocombustíbeis no mercado e a especulación coas materias primas agrícolas.
Transxénicos: Que estamos a comer?
A plataforma oponse rotundamente ao uso e cultivo de transxénicos. Denunciamos que as plataformas anti-transxénicos carecen hoxe en día do apoio do goberno nacional. A industria transxénica fai das súas e está a contaminar sistematicamente os cultivos. En Aragón, por exemplo, a contaminación do millo ascende ao 60- 70 %. Os alimentos modificados xeneticamente causan efeitos nocivos sobre a saúde e ameazan a biodiversidade.
A campaña catalá “Som o que sembrem” presentou unha proposta ao Parlamento Catalán que esixe que: Catalunya se declare zona libre de transxénicos, se investigue sobre os efeitos dos transxénicos sobre a saúde e o ambiente, se invista en investigación sobre agricultura ecolóxica e se especifique qué alimentos son transxénicos mediante unha etiquetaxe regulada. Plataforma Rural comprométese a dar seguimento aos resultados desa iniciativa.
Os grupos locais de Plataforma Rural que traballan pola erradicación dos Transxénicos, comprométense a organizar conxunta e asamblearmente a Semana Estatal de Loita Antitransxénica. Esta comisión de traballo escolleu a segunda semana de Abril de 2009 para a celebrar, xa que 17 de Abril se comemora o Día Internacional da Loita Campesiña.
Más políticas: O futuro da alimentación incúmbenos a todos
O modelo de agricultura social e campesiña está a ser atacado por outro modelo dirixido aos mercados globais, e fundamentalmente aos mercados especulativos. A PAC unida á liberalización do comercio (os Tratados Bilaterais de Libre Comercio e a OMC), trata os produtos agrarios como simple mercadoría sen ter en conta que son básicos para a vida dos seres humanos.
Por iso, a iniciativa de COAG, e apoiado por Plataforma Rural, diferentes asociacións ecoloxistas e de consumidores e consumidoras, elaborouse un manifesto titulado “O futuro da agricultura e da alimentación incúmbenos a todos e todas: Por outra política agraria“, desde o cal se insta aos gobernos da Unión Europea a reflexionar sobre o fracaso da súa política agraria e a dar un xiro nas súas propostas, orientándoas cara a un marco que respeite a soberanía alimentar dos pobos, a sustentabilidade e as necesidades reais dos campesiños de todo o mundo.
Plataforma Rural procurará adesións ao manifesto e o utilizará como ferramenta de presión política a nivel europeo, estatal, autonómico e comarcal; criará un grupo de traballo permanente de más políticas; fomentará sinerxías entre asociacións para facer presión política conxunta; incrementará a formación política; dinamizará alternativas como os mercados transparentes como acción de denuncia; velará por un maior coñecimento da especulación financeira de bancos e empresas en relación ao sector agroalimentar; e elaborará unha proposta de acción local contra os bancos e o sistema financeiro como unha das maiores causas da actual crise agroalimentar.
Turismo responsábel e soberanía alimentar: Viaxa, pero con respeito
Cremos firmemente nun modelo de turismo alternativo que, lonxe do devastador e insustentábel turismo de masas potencie uns valores humanos máis xustos e un maior desenvolvimento da comunidade local.
Plataforma Rural comprométese a afianzar a relación entre os distintos actores do turismo responsábel mediante a criazón e consolidación dunha rede de traballará tres eixos estratéxicos: definición e sistematización do concepto de Agroturismo dentro do marco do Turismo Responsábel; impulso, apoio e visibilización de procesos de denuncia; establecimento de espazos de formación, información e educación para todos os actores implicados. Ademais, en marzo de 2009 levará a cabo un encontro sobre Turismo Responsábel, Soberanía Alimentar e Desenvolvimento Rural promovido pola plataforma.
Servizos públicos: Non ao seu desmantelamento e privatización!
Resaltamos a importancia que teñen os servizos públicos para que o medio rural siga vivo, para que as persoas permanezan no territorio, cunha vida digna e de calidade, fronte á tendencia das administracións á súa progresiva privatización. É necesaria a posta en valor dos servizos públicos, en lugar do actual desprestixio que sofren. Os servizos públicos que necesitan ser mellorados con urxencia son: transportes, aceso á vivenda, a lei de dependencia (que queremos que se adapte ao medio rural) e sanidade.
Plataforma Rural criará un blog e unha lista de correo que facilite a relación e o intercambio de información entre as persoas e asociacións interesadas; establecerá contactos con organizacións, e persoas que teñan ampla experiencia no tema; solicitará a elaboración dun estudo sobre a situación dos servizos públicos no medio rural; e promocionará redes de intercambio de bens materiais, servizos e coñecementos como colectivización de transporte, cooperativas de ensino, coidado dos nenos e nenas e as persoas maiores.
Educación: Resgatemos o saber rural!
A educación é un proceso de intercambio constante ao longo das nosas vidas que nos capacita para ser críticos e críticas, autónomos e autónomas, e libres. Os coñecementos dos habitantes do medio rural están infravalorados pola sociedade e por eles mesmos. Para conseguir un mundo rural vivo, participativo, comprometido, no que se respeite a igualdade entre homes e mulleres, socialmente entrañábel, no que se aumente a autoestima dos campesiños e campesiñas, acolledor, consideramos necesario resgatar, valorar, compartir e conservar os saberes do medio rural que están infravalorados. Plataforma Rural no marco da Universidade Rural Paulo Freire continuará a traballar pola recuperación e preservación do saber rural; ademais dinamizará o asociacionismo no medio rural; e traballará por promocionar redes de intercambio de bens materiais, servizos e coñecementos entre os habitantes do medio rural.
Agricultura campesiña
As políticas actuais son as responsábeis do fin da agricultura campesiña. As instancias competentes na materia ignoran ás pequenas producións procurando conscientemente a nosa desaparición. Os campesiños e campesiñas que pertencemos a Plataforma Rural reivindicamos a resistencia e a desobediencia consciente fronte ao marco normativo actual que non respeita a agricultura campesiña.
Recoñecemos que a agricultura campesiña ignorou e minusvalorou o papel das mulleres como compañeiras campesiñas relegándoas a un segundo plano e propómonos actuar desde o persoal ao organizativo para superar esta situación.
É necesario que o campesiñado reforce a súa consciencia política para que defenda os seus valores en todos os espazos e loitas. A plataforma quer: avanzar cara á autorregulación do modo de vida campesiña que sería posíbel cun marco regulatorio propio; romper o isolamento que existe entre os campesiños e campesiñas para recompor e fortalecer as redes de relación e construción colectivas; fomentar a corresponsabilidade entre agricultores e agricultoras e comerciantes; e revalorizar a produción campesiña.
Uso social e integral da auga: Por un contrato Mundial da auga
A poboación occidental aséntase sobre unha insensibilidade total en relación co problema da auga no mundo. O problema da auga é un problema global. Miles de millóns de habitantes non teñen aceso á auga perto das súas casas. De continuar a tendencia, máis da metade da poboación mundial non contará cunha cantidade suficiente de auga para o consumo básico. A auga é un recurso público de todos que non se pode privatizar. É urxente e necesario un contrato mundial da auga que manifeste que: a auga é unha fonte de vida e un ben común, o aceso á auga é un dereito non subxeito a discusión, a responsabilidade do aceso a este recurso é colectivo.
Arte e cultura: Arte, que te quero libre!
A intervención artística cobra sentido cando está ligada a unha comunidade e a un contorno, subxeito creativo e á vez obxecto de inspiración para a criazón artística, esta idea adquire un sentido rotundo cando se aplica ao medio rural. Entendemos a arte como e ferramenta para a autoorganización das persoas, como axente activo nese proceso, e para o desenvolvimento da persoa, en canto arte pola arte.
Debemos revitalizar as raíces culturais locais, enriquecidas pola mestizaxe e frear a homoxeneización cultural. Reformular identidade cunha visión aberta e contemporánea da tradición, que ligue arte e artesanías. Cremos necesario ocupar espazos oficiais, reclamar recursos públicos, intervir na vida política (democracia directa, etcétera) influír nas políticas culturais cara aos nosos criterios- como é a descentralización do sistema cultural.
Plataforma Rural comprométese a reactivar o grupo de artistas E-NORTE criado no pasado Foro e a organizar e celebrar no 2009, o primeiro Encontro de Artistas por un Mundo Rural Vivo.
É hora da Soberanía Alimentar
O VI Foro por un Mundo Rural Vivo, posibilitounos dar un paso importante no camiño cara á soberanía alimentar. O conxunto de organizacións participantes comprometémonos ao longo dos dous próximos anos a seguir a traballar baixo o espírito de Nyeleni.
A soberanía alimentar é a nosa proposta frente ao modelo neoliberal destrutor do noso mundo rural, é un dereito básico cidadán, non só campesiño, e este dereito ímolo a conquistar desde o local a un marco internacional, construíndo alianzas con toda a diversidade pero co obxectivo de construír as alternativas concretas que radicalmente muden a prol dun mundo rural vivo. Comprometémonos a criar unha rede que aglutine as resistencias e as diferentes alternativas que xa temos en marcha, que xuntos e xuntas acumulemos as nosas forzas para desenvolver un plano de acción que interpele ás institucións locais e nacionais para cambiar as políticas agrarias económicas e sociais.
Até o vindeiro Foro!
Quédannos por diante dous anos de arduo traballo nos que nos comprometemos a dignificar a vida no medio rural. Só nos queda dicir que desde Plataforma Rural só anceiamos vivir ben e que se nos deixe conciliarnos coa Terra porque vivir nunha vila paga a pena.
Con todos os rurais e os campesiños e campesiñas do mundo, unha vez máis: Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza!!!










