Estás aquíManifesto de Annecy: Por políticas agrícolas xustas, sustentábeis e solidarias

Manifesto de Annecy: Por políticas agrícolas xustas, sustentábeis e solidarias


As organizacións campesiñas, rurais, ecoloxistas e de solidariedade internacional, así como todos os cidadáns reunidos este 21 de Setembro de 2008 en Annecy, dirixen aos Ministros de Agricultura da Unión Europea, vindos aquí para discutir o futuro da PAC despois do 2013, o manifesto seguinte :

Comer cada día segue a ser unha necesidade prioritaria para todos. Contodo, o dereito á alimentación é desprezado: é inaceitábel que mil millóns de humanos non teñan aceso a unha alimentación suficiente, sá e culturalmente adaptada, sexa por pobreza (que tampouco se evita en Europa), ou sexa por falta de aceso á produción agrícola. A miseria empurra a millóns de campesiñas, campesiños e traballadores rurais cara ás grandes cidades e a emigración.

Na Unión Europea (UE), unha explotación desaparece cada minuto: para a maioría dos campesiños, a Política Agrícola Común (PAC) actual non permite vivir dignamente do traballo. Aínda que temos que facer frente ao cambio climático, á crise enerxética e á desaparición masiva da biodiversidade, a agricultura europea aínda desenvolve métodos de produción que consomen demasiada enerxía, auga, empioran o quecimento climático e son custosos para o contribuínte (saúde, emprego, contaminación?) .

Outra política agrícola e alimentar europea entón é indispensábel:

Que facer para mudar a Política Agrícola Común?

Á hora do recoñecemento médico da política agrícola europea, a UE debe considerar que ten que priorizar o seu deber de asegurar a alimentación da súa poboación, antes de pretender alimentar o mundo. Non se trata dun repregamento egoísta, senón ao contrario, trátase de permitir que os outros países exerzan o seu dereito á soberanía alimentar e de desenvolver en todos lados, tanto no norte como no sul, unha agricultura campesiña e sustentábel.

Para garantir a seguridade alimentar, para preservar o planeta e dinamizar o mundo rural, a agricultura debe ser recoñecida como de utilidade pública. Os gobernantes deben fixarse por obxectivo o mantimento de todos os campesiños en todas as rexións de Europa. É necesario producir o máis perto posíbel dos consumidores, co fin de reducir o transporte e mellorar a calidade dos produtos. Recordemos que a UE é o primeiro importador e exportador de produtos agrícolas e alimentares: este modelo está acabado.

Polo tanto, o marco internacional imposto ás políticas agrícolas desde os anos noventa polas normas da OMC débese revisar.

1. Os campesiños queren producir e vivir do seu traballo

  • Favorecer o acceso ao oficio
    A PAC e as políticas dos Estados membros deben favorecer o aceso á terra, á auga, ao crédito, ás sementes que non se apropiaron as empresas, a insumos inscritos en prácticas sustentábeis, así como tamén deben favorecer o aceso a unha formación reorientada cara a métodos de produción sustentábeis. Recoñecimento legal dos dereitos das campesiñas.
  • Prezos antes que primas
    Os prezos dos mercados agrícolas deben ser estábeis e o suficientemente remuneradores para garantir a perdurabilidade e a renovación das explotacións. Non se pode basear unha economía agrícola na venda de produtos a prezos por baixo dos custos de produción, como é demasiado a miúdo o caso coa PAC actual. Nas rexións desfavorecidas que teñen custes de produción máis elevados, son necesarios pagamentos directos limitados por activo.
  • Controlar e protexer os mercados, abandonando o dumping
    Para manter estes prezos estábeis, cumpre evitar os excedentes ou a escaseza, polo tanto é necesario ter previamente as ferramentas de control e regulación da produción. É necesario parar ao mesmo tempo o dumping da UE cara a terceiros países, é dicir, absternos de exportar a prezos artificialmente baixos por subvencións (non importa cais sexan) e protexer o mercado europeo de importacións a prezos demasiado baixos por dereitos de aduana cando sexa necesario. A UE pode exportar os seus produtos específicos sen axuda.

2. Preservemos o noso medio ambiente

Deamos a prioridade a métodos de produción agrícolas máis sustentábeis, máis autónomos, máis económicos en insumos (abono, pesticidas…) e en enerxía. É inaceitábel que a produción animal a base de pasto, favorábel á protección de solos, da auga, da biodiversidade e do clima, receba menos apoio do que as gandarías baseadas no millo e a soia ou que os cultivos de cereais. Os prados permanentes débense salvagardar. Acompañemos a todos os agricultores nesta dirección con medidas incitativas, e reorientemos os organismos de desenvolvimento agrícola, o ensino e a investigación nesta dirección.

Manteñamos e desenvolvamos a biodiversidade das plantas cultivadas e animais de gandaría. Respeitemos os dereitos colectivos dos agricultores a conservar, volver sementar, intercambiar e vender as sementes reproducidas na súa explotación. Proibamos os OXM.

Paremos a diminución constante das superficies cultivábeis pola urbanización, o desenvolvemento de agrocombustíbeis industriais de rendibilidade enerxética e económica dubidosa.

3. Acheguemos os produtores aos consumidores

Os produtores necesitan relacións aseguradas, estábeis e equitativas. As formas realmente cooperativas, así como os circuítos curtos produtores-consumidores, débense favorecer.
É necesario frear o desenvolvimento de oligopolios mundiais e nacionais na agroindustria, a grande distribución e a alimentación. Reducir a dominación da grande distribución sobre a transformacion e a produción por un control eficaz das prácticas comerciais e marxes.
É necesario promover o consumo de produtos locais así como unha alimentación mellor adaptada á saúde humana.

4. Sen soberanía alimentar, non hai boa política agrícola

A Unión Europea debe actuar ante as Nacións Unidas polo recoñecimento do dereito á soberanía alimentar, que permita aos Estados ou ás Unións definir a súa política agrícola e alimentar, sen dano frente aos terceiros países. Para acompañar este dereito, é necesario:

  • recoñecer que a primeira tarefa da agricultura é aprovisionar os mercados domésticos;
  • permitir aos Estados ou grupos de Estados protexerse contra importacións de produtos agrícolas a un prezo inferior aos custos de produción locais;
  • autorizar os apoios públicos a unha agricultura sustentábel, a condición de que non sirvan directa ou indirectamente para exportar a baixo prezo;
  • garantir unha estabilidade dos prezos agrícolas mundiais controlando os mercados.

Coidar a PAC desde o “recoñecemento médico” de 2008

A Unión Europea ten que reequilibrar os pagamentos directos entre agricultores, en particular entre gandeiros e produtores de cereais, limitándoos por activo e asignando unha prima global ás máis pequenas explotacións.

Debe apoiar máis aos sectores debilitados, en particular, ás producións con forte man de obra como as froitas e hortalizas, o viño… así como á produción ovina, abandonada pola PAC actual.

É indispensable manter e mellorar o sistema de cotas lácteas, así como outras ferramentas de regulación dos mercados.

Para lograr a autonomía da UE en proteínas vexetais (importamos un 75% das nosas necesidades!!) que alimentan ás nosas mandas, a PAC debe urxentemente reactivar o cultivo dos produtos proteicos en Europa.

Os programas de desenvolvemento rural deben dar prioridade ao asentamento dos campesiños e campesiñas e ao emprego rural, así como ao comercio local ou rexional e á transformación local.

Pedimos aos Gobernos da Unión Europea reorientar desde agora as políticas agrícolas e os métodos de produción, para respostar ás necesidades dos cidadáns e aos retos mundiais deste século.

Non esperemos ao 2013!

Publicado en Via Campesina

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.