Estás aquíO fracaso da “superagricultura”

O fracaso da “superagricultura”


A liberalización do comercio agrario e un sistema de produción industrial de alimentos foron, como dúas pezas dun mesmo motor, os preceptos das políticas agrarias europeas impulsadas nos últimos anos. Pero a grande convulsión que estamos a viver nos temas agrícolas e alimentares exixe unha revisión profunda dos seus resultados. Onde nos levou confiar só nos mercados? Que representou unha agricultura superprodutivista? Os gobernos europeos coas carteiras de agricultura á fronte, iniciaron as súas reflexións en Annecy (Francia) este mes de Setembro, que concluirán cunha nova reforma da Política Agraria Común.

Desde as propias organizacións campesiñas e movementos sociais, agrupados baixo o paraugas da Plataforma Rural, o diagnóstico xa está feito. É contundente e resúmese nunha palabra: fracaso. A crise alimentar está aí para o corroborar. En Europa, igual que no resto do mundo, quedamos indefensos fronte a fenómenos como a especulación coas materias primas, o control oligopólico das canles de distribución de alimentos ou a competencia entre comestíbeis e combustíbeis (tres causas simbióticas do aumento de prezos dos alimentos), ao facilitar a continua desregulación dos mercados e a eliminación de mecanismos de control da produción, por exemplo, os aranceis ou a intervención pública. Confiouse boa parte do abastecemento da nosa comida ás grandes corporacións multinacionais no mercado global perdendo así cotas de soberanía alimentar.

Os últimos anos da Política Agraria Común levaron ao abandono da actividade agraria a miles de pequenas unidades produtivas que non poden competir neste contorno salvaxe. Un categórico exemplo podémolo observar analisando o campo valenciano. Alí onde as laranxas representaron fonte de riqueza e motor da economía valenciana e española, desapareceron entre o ano 1989 e o 2003 case o 50% dos titulares de explotacións. Esa foi a aposta da Unión Europea e hai que dicir que saíu como estaba previsto: sacrificouse á agricultura familiar -garantía dunha produción de alimentos de calidade e sustentábel- até nos situar en cifras preocupantes (a porcentaxe de ocupados agrarios do conxunto do Estado español sitúase por baixo do 4%) e confiado a subministración de alimentos á produción en terceiros países. A UE -mentres sostiña o contrario ante a súa opinión pública- non fixo outra cousa que adecuar a PAC aos acordos da Organización Mundial do Comercio, obrigando aos agricultores a producir por baixo de custos, substituíndo producións tradicionais por monocultivos de exportación e finalmente pondo en graves dificuldades á agricultura familiar de todo o planeta. Darwinismo en estado puro: “só resisten os máis fortes”. E así temos que máis do 70% da pobreza no mundo é pobreza rural.

O modelo produtivo industrial do monocultivo, da súper especialización, a súper tecnificación, non é só corresponsábel -xunto á liberalización do comercio agrario- da desaparición da pequena agricultura europea, é tamén un devorador insaciábel de recursos naturais. Se a agricultura nasceu como unha forma de producir máis alimentos por unidade de superficie sen necesidade de destruír ecosistemas, coa agricultura industrial actual estamos literalmente a comer o mundo (destrución de selvas e bosques, redución da biodiversidade de especies, redución dos recursos mariños, etc.), limitando moi seriamente as posibilidades de abastecemento alimentar nos países máis pobres -onde o espolio e a destrución da natureza é máis alarmante- e das próximas xeracións. E todo iso acompañado cun uso excesivo do petróleo que se require para a maquinaria agrícola, os fertilizante, os agroquímicos e a trasformación e distribución dos alimentos. A agricultura entón converteuse nun importante contribuínte ás emisións de gases de efeito invernadoiro. De feito, se tomamos os dados do famoso Informe Stern que no ano 2006 revelou a problemática do quecimento global, temos que o 18% das emisións a nivel mundial correspóndense co “cambio do uso da terra” (xeralmente selva ou bosques reconvertidos á agricultura), mentres que o apartado “agricultura” (que inclúe á gandaría) emite o 14%. Sumando os dous ítems temos un 32% de emisións atribuíbeis de xeito moi directo ao modelo agrario industrial. O mesmo informe asigna un 24% das emisións ao sector enerxético e un 14% ao transporte.

Europa necesita unha nova política agraria que devolva á agricultura, á gandaría e á pesca a súa vocación primeira: alimentar aos seres humanos. Europa, do mesmo xeito que o resto de países e especialmente os países do Sul, debe recuperar o dereito a decidir o seu propio sistema alimentar, o que significa facer política real e asumir as súas responsabilidades. A nova Política Agraria Común debería apoiar unha agricultura campesiña e ecolóxica, aforradora de recursos naturais e un elemento estratéxico na loita contra o cambio climático. Debería abandonar a máxima de producir máis con menos persoas e priorizar o emprego agrícola e rural, fomentando as pequenas e medianas explotacións. E, desde o respeito e o recoñecimento do dereito dos países do Sul a producir e desenvolver os seus mercados locais, debería dar prioridade ao comercio local e rexional, relocalizando a agricultura.

Gustavo Duch Guillot
Director de VSF

Publicado en Público

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.