Estás aquíManifesto: “Futuro da agricultura e da alimentación. Incúmbenos a tod@s: Por unha nova política agraria”

Manifesto: “Futuro da agricultura e da alimentación. Incúmbenos a tod@s: Por unha nova política agraria”


Unha grande convulsión sacudiu a agricultura e a alimentación a escala planetaria no último ano e medio. O rápido incremento dos prezos das materias primas agrarias nos mercados das materias primas agrarias, fomentado pola especulación, desequilibrou o conxunto do sector e dos agricultores/as do planeta, provocando inestabilidade e incertezas. Nesta situación, a Unión Europa atópase inerme, sen mecanismos de regulación de mercados que lle permitisen facer fronte á crise, posto que previamente os desmantelou. A gandaría europea está a sufrir nestes momentos as consecuencias dunhas políticas inapropiadas. O grande paradigma da reforma da PAC de 2003: “non importa deixar de producir en Europa porque nos poderemos abastecer a prezos máis baratos en países terceiros” resultou ser completamente erróneo e perigoso tamén para os consumidores e consumidoras.

Nestes momentos estase a debater unha nova reforma da PAC (”recoñecemento”), paralelamente á apertura dun debate sobre a mesma a partir de 2013 e á revisión do orzamento comunitario. A Comisión Europea non asume neste “recoñecemento” a grave crise da agricultura e a alimentación, evidenciada na desaparición de explotacións do modelo social de agricultura e os altos prezos dos alimentos, e propón aprofundar a senda, evidentemente errada, da reforma de 2003. Todo iso disfrazado dun discurso construído sobre cuestións ambientais, calidade, xestión do territorio, desenvolvemento rural, cambio climático e enerxías, e contraditorio coa realidade que viven os cidadáns/as da Unión.

É por iso polo que instamos aos gobernos da Unión Europea a reflexionar sobre o fracaso da súa política agraria e a dar un xiro nas súas propostas, orientándoas cara a un marco de carácter multilateral que respeite a soberanía alimentar dos pobos, a sustentabilidade e as necesidades reais dos campesiños de todo o mundo.

Entendemos que é necesaria unha reforma da PAC cunha nova orientación das políticas comunitarias, adaptada á nova contorna emerxente e asentada sobre principios firmes e realistas. Isto significa que Europa debe renovar a súa aposta estratéxica pola agricultura, garantindo un abastecemento alimentar mínimo no marco da soberanía alimentar e a preservación do ambiente e o medio rural. Os/as agricultores/as teñen que ver recoñecido e valorado o seu labor, principalmente a través duns prezos xustos para os seus produtos, o que fai imprescindíbel desenvolver políticas de estabilización e transparencia dos mercados.

As axudas directas á renda, cando sexan necesarias, teñen que estar vinculadas á actividade agraria desenvolvida nas explotacións (axuda por activo agrario), co que se conseguiría unha redistribución dos fondos con lexitimidade económica e social. Rexeitamos o desacoplamiento das axudas, previstas para facilitar o desmantelamento do sector agrario, e consideramos que é fundamental manter a actividade agraria sen que isto signifique intensificar o modelo de produción. Os consumidores/as teñen dereito a unha subministración estábel, sá, variada e biolóxicamente diversa de alimentos a prezos razoábeis.

Necesitamos unha política agraria que defenda un modelo de agricultura social, sustentábel e viábel economicamente, xeradora de emprego e que axude ao equilibrado asentamento da poboación no medio rural.

Política agraria, alimentación e mercados: “Coa alimentación non se especula”

A crescente liberalización do comercio mundial e a continua desregulación dos mercados agroalimentares mediante a eliminación de mecanismos de control da produción como os aranceis, a intervención pública, etc. está a configurar un contorno no que a permanencia dos pequenos/as produtores/as é cada vez máis difícil e o abandono da actividade agraria cada vez máis frecuente. Contodo, nun contexto de crise alimentar mundial, as políticas agrarias desenvolvidas durante os últimos anos, baseadas en desincentivar a produción e provocar o abandono das explotacións agrarias, víronse totalmente superadas polos acontecementos.

Estas políticas agrarias están a fomentar un comercio de produtos agroalimentares que se está a desenvolver cunha preocupante concentración de poder en mans das grandes empresas de distribución agroalimentar. Estas empresas condicionan ao conxunto da cadea agroalimentar e, especialmente aos elos máis fracos e numerosos da mesma: produtores/as e consumidores/as. O proceso de formación dos prezos caracterízase por unha alarmante falta de transparencia que está a provocar que o prezo que pagan os consumidores sexa excesivo e estexa cada vez máis afastado do prezo que reciben os produtores, que en moitas ocasións non chega nin sequer a cubrir os seus custos de produción.

Faise imprescindíbel a criazón dun marco lexislativo que regule a comercialización agroalimentar de forma adecuada e que contribúa a mellorar os mecanismos de recollida de prezos en virtude dunha maior transparencia no proceso de formación dos mesmos ao longo da cadea de valor e o establecemento dun Observatorio de Prezos eficaz e operativo, con capacidade para propor á Comisión Nacional da Competencia a investigación das prácticas contra a competencia que se detecten así como a imposición de sancións. Sería interesante articular mecanismos de control de marxes comerciais na cadea agroalimentar, mediante unha Comisión de Exame de Prácticas Comerciais coa participación de todos os axentes implicados.

Ademais, faise necesario que a Administración actúe eficazmente a fin de erradicar a recoñecida especulación nos mercados agroalimentares. A Comisión Nacional da Competencia debe intervir ante prácticas comerciais fraudulentas evidentes e eliminar a especulación con absoluta firmeza. Ademais, ha de se desenvolver e aplicar o artigo 13.2 da Lei de Comercio (Lei 7/1996) que prevé que “o Goberno do Estado, previa audiencia dos sectores afectados, poderá fixar os prezos ou as marxes de comercialización (…) cando se trate de produtos de primeira necesidade”, é dicir, “O Estado ten capacidade lexislativa para intervir e debe asumir as súas responsabilidades”.

Consideramos de vital importancia que a Política Agraria garanta unha estabilidade nos prezos e a subministración de produtos agroalimentares, evitando situacións de abuso sobre produtores e consumidores, por exemplo a especulación, a morosidade nos pagos, o dumping ou a venda a perdas. Igualmente, o consumidor ten dereito a que a etiquetaxe dos produtos agroalimentares reflicta unha información obxectiva, veraz, eficaz e suficiente sobre as súas características esenciais e o proceso que seguiron.

A nivel europeo resulta imprescindíbel reforzar o control das importacións desde terceiros países mediante o establecemento de protocolos de garantía sanitaria (sanidade e calidade), ambiental e social adecuados e unificados. Os bens importados deben acatar as mesmas normas acerca da calidade e os métodos de produción que a UE prescribe para os seus propios produtores. Debe implantarse un sistema de dobre etiquetaxe (prezos orixe/prezos destino), con información sobre o país de orixe e o método de produción, como criterio ao servizo da información dirixida ao consumidor, que propicie o coñecemento do valor real dos produtos e a detección de distorsións interesadas de prezos.

Mediante as negociacións de libre comercio que está a desenvolver, a Unión Europea está a sacrificar a agricultura familiar sustentábel e en consecuencia a garantía dunha alimentación sá, diversa e segura. Quérese integrar aos produtos agrarios no proceso de liberalización comercial como calquera outra mercadoría, sen ter a conta o carácter estratéxico da agricultura e a alimentación para a sociedade. Abandónase á súa sorte o modelo social de agricultura que garante a xestión sustentábel do territorio, a sustentabilidade e a economía e o emprego das zonas rurais. Pola contra ofrécese ás multinacionais agroexportadoras o control da alimentación. A actual crise alimentar demóstranos que a agricultura debe saír fóra das negociacións de libre comercio na Organización Mundial do Comercio e nos acordos bilaterais. A PAC debe priorizar o comercio rexional e proporcionar apoio ás infraestruturas necesarias para o procesado e comercio local.

Política agraria, emprego e medio rural

A porcentaxe de ocupados agrarios no conxunto do Estado segue, desde hai moito tempo, unha tendencia á baixa, o que nos sitúa actualmente nun 4%. Resulta urxente estabilizar o número de ocupados no sector se non queremos comprometer a viabilidade do mesmo a medio prazo, se queremos evitar pasar da fase de reestruturación, á de liquidación definitiva. En moitas zonas rurais, especialmente aquelas máis afastadas dos principais eixos económicos, a agricultura constitúe a actividade económica básica e o seu declive supón tamén o abandono do medio rural.

A política agraria desenvolvida até o momento considerou a eliminación de emprego no sector agrario como algo positivo que favorecía a competitividade da agricultura, sen ter en conta as consecuencias sociais e económicas que este declive tivo en moitas zonas rurais. En moitos casos esta evolución comprometeu o desenvolvemento dos territorios rurais, cortando o vínculo entre agricultura e industria agroalimentar e provocando a deslocalización desta última. Por outra banda, o descenso do emprego no sector agrario non axudou á equiparación de rendas e salarios con outros sectores económicos, debido aos descensos dos prezos en orixe, ao incremento dos custos de produción e ao recorte e inequidade distributiva das axudas directas.

Adicionalmente, a PAC reformada sobre o eixo do desacoplamiento das axudas directas desincentiva a actividade produtiva agraria. Necesítase unha reforma da política agraria europea que poña o centro de atención no activo agrario, buscando a viabilidade das explotacións e a criazón e o mantemento do emprego. As axudas directas débense outorgar ao activo agrario como forma de preservar o emprego e promover a equiparación de rendas no sector agrario, tanto para os titulares das explotacións (autónomos) como para os asalariados. O sector agrario conserva un grande potencial xerador de emprego e riqueza, que está a ser desaproveitado debido a políticas nefastas que fomentan o éxodo agrario e a desvertebración territorial.

Para un mellor encaixe das explotacións agrarias nas zonas rurais un instrumento imprescindíbel é o Contrato Territorial de Explotación (CTE), que integra nunha planificación única as distintas medidas contempladas nas políticas de apoio público europeo, estatal e autonómico. Baixo este novo enfoque conseguiríase superar o actual modelo, que resultou ineficiente para posibilitar a viabilidade das explotacións agrarias do modelo social de agricultura, situando no centro do sistema á explotación agraria e ao agricultor profesional. En definitiva, o obxectivo sería alcanzar a viabilidade económica, social e ambiental de cada explotación.

Política agraria, ambiente, cambio climático e enerxía

A PAC está a impulsar un modelo de agricultura industrial especulativo, concentrando a produción naqueles territorios que permiten obter grandes volumes de produción estandarizada a baixo custo (deslocalización). Normalmente estas producións fanse en rexime de monocultivo, algo que resulta medioambientalmente insustentábel. Este modelo ten un grande impacto ambiental e territorial, cun uso intensivo de recursos naturais e inadaptación ás posibilidades do territorio. É importante condicionar as axudas da PAC ás prácticas ambientais dos agricultores e gandeiros. Aínda que a Unión Europea xustifica en grande medida a través das medidas de condicionalidade a promoción do modelo industrial.

O sistema de produción industrial especulativo e deslocalizado está adaptado á liberalización do comercio agrario a nivel mundial, acelerando así a degradación dos ecosistemas onde se asenta e limitando as posibilidades de abastecemento de alimentos nos países empobrecidos.

O sector agrícola e gandeiro considérase un sector difuso en canto á emisión de gases de efeito invernadoiro (GEI); determinadas prácticas como a agricultura de uso intensivo de enerxía, auga, fertilizantes e agroquímicos provocaron un incremento dos niveis de emisións destes gases. Tamén as emisións de gas metano procedente da actividade gandeira industrial contribúen ao cambio climático, non só de forma directa senón tamén a través dos cambios nos usos do solo debidos á crecente demanda de materias primas alimentarias por parte do sector gandeiro como consecuencia do crescente consumo de carne a nivel mundial.

Pola contra unha manexo sustentábel dos bosques, terras agrícolas e outros ecosistemas agrícolas ofrece un grande potencial para reducir as emisións de GEI con respeito ás prácticas agrarias industriais, mantendo a súa capacidade de sumidoiro de carbono. No caso de que se abandonen algunhas destas prácticas sustentábeis, o carbono fixado liberarase ao longo dun período de poucos anos. Este risco é crescente ante o despoboamento do campo, envellecemento da poboación rural e a falta de substitución xeracional que deixan espazo á xestión industrial do campo.

Pódese adaptar a agricultura para que sexa non somente un emisor de GEI moito menor, senón tamén para que se converta nun sumidoiro de carbono que nos axude a reverter a contribución ao cambio climático. Ao mesmo tempo, isto tamén reduciría o resto de desastres ambientais debidos aos fertilizantes, como a eutrofización das augas ou a explosión de poboacións de determinadas algas en lagos e mares de todo o planeta.

A agricultura sostible a escala local, no marco do modelo social de agricultura, cun uso eficiente dos recursos de produción, contribúe eficazmente á loita contra o cambio climático. Lamentabelmente, as políticas agrarias en Europa están a favorecer un modelo de agricultura industrial deslocalizado a escala transnacional, baseado en monocultivos, no uso masivo de fertilizantes e pesticidas e no transporte a grande escala dos produtos, co único obxectivo de aumentar a competitividade para poder comerciar nun mercado global. É necesario reformar esta PAC de forma coerente cos obxectivos da loita contra a mudanza climática que se marcou a propia Europa, caíndo en contradicións evidentes. O modelo de consumo alimentar deslocalizado está transportando os alimentos dunha punta a outra do globo terráqueo, á conta dun grande custo enerxético, mentres se abandonan os mercados locais e se condena á pobreza a innumerábeis agricultores/as e campesiños/as.

Neste camiño hai que fuxir de solucións enganosas como a utilización de cultivos modificados xeneticamente: non resolverán nengunha crise ambiental senón que por si mesmos supoñen un risco para o ambiente, para a seguridade e a saúde, ademais de incrementar a dependencia das agroindustrias. Até o de agora, a agroenerxética limitouse principalmente á explotación dun recurso de materia prima barata, para procurar un valor engadido extraordinario ás grandes empresas que controlan o mercado internacional de materias primas alimentares e ás distribuidoras do petróleo que se acaban facendo co control da transformación e distribución de agrocarburantes, como xa o teñen dos carburantes fóseis, reproducindo o mesmo sistema de oligopolio especulativo á conta de produtores e consumidores. Rexeitamos a política seguida actualmente pola Unión Europea en relación á produción de agrocarburantes industriais, seguindo un modelo industrial intensivo, con abastecimento desde terceiros países, onde provoca graves situacións de destrución ambiental e desequilibrios na produción de alimentos, sendo un dos detonantes da crise alimentar actual.

Política agraria e soberanía alimentar

Defendemos o dereito á soberanía alimentar de todos os pobos, no marco dunha produción sustentábel, segura, nutritiva, variada e adaptada ambiental e culturalmente. Os países e rexións non poden renunciar a decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo, para favorecer unha liberalización dos intercambios que resulta insustentábel e condena a rexións enteiras á dependencia de subministracións exteriores, mentres se abandonan producións tradicionais e se potencia o monocultivo.

A liberalización do comercio agrario internacional propugnada pola Organización Mundial de Comercio (OMC), así como os Acordos Bilaterais Norte-Sul, é a causa principal que fai inviábel a agricultura campesiña e familiar tanto no Norte como no Sul. A xestión da oferta e a protección dos mercados está a ser desmantelada, obrigando aos agricultores e campesiños a producir alimentos por baixo do seu custo real, xerando incerteza e inseguridade nos mercados mundiais tal e como acontece na actualidade.

Necesitamos unha nova política agraria en Europa que abandone o paradigma da liberalización comercial, asumindo a súa responsabilidade ante produtores e consumidores na estabilización dos mercados, defendendo o interese xeral de toda a cidadanía europea que non coincide co dos conglomerados agroexportadores e as grandes distribuidoras e practicando unha solidariedade real con todos os campesiños, especialmente os dos países do Sul, recoñecéndolles o dereito a producir e desenvolver os seus mercados locais.

O Goberno español, no seu ámbito competencial, debe asumir o carácter estratéxico da agricultura e a alimentación para o conxunto da sociedade e, xa que logo, desenvolver políticas de Estado para manter un modelo social e sustentábel de agricultura e alimentación. Asuntos como a comercialización agroalimentar, a fiscalidade, as prioridades estratéxicas de produción, a investigación, os seguros agrarios, o desenvolvemento rural, o binomio agricultura-ambiente, entre outros, deben ser abordados plenamente polas administracións públicas españolas pondo a prioridade política no mantimento e promoción do modelo social de agricultura e alimentación.

Asinan: Ecologistas en Acción, Amigos de la Tierra, COAG, Greenpeace, UCE, CEACCU, CECU, Xarxa de Consum Solidari, Plataforma Rural, EntrePueblos, No te Comas el Mundo e Veterinarios Sin Fronteras

Fonte: Ecologistas en Acción

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.