Estás aquí26 de Setembro: Xornada reivindicativa do produto caseiro

26 de Setembro: Xornada reivindicativa do produto caseiro


SLG, Colexio de Veterinarios da Coruña e Fundación ACIVEGA organizan para a vindeira Sexta-feira 26 de Setembro en Compostela unha Xornada reivindicativa do produto caseiro. Será no Hotel Área Central (Rúa París 7). A xornada de información e debate será acompañada dun mercado de produtos caseiros frescos e transformados.

Programa (Apóntate telefonando para o 659 057 251)

10:00 h
Recepción de participantes

10:15 h
Situación do produto caseiro na Galiza

  • Carme Freire (Secretaria Xeral do SLG)
  • Xosé Uxío Rey (Presidente do Colexio de Veterinarios da Coruña)

11.30 h
Implicacións legais da venda de produtos caseiros no agroturismo do Piamonte

  • Ugo Boldi (Doutor veterinario do servizo sanitario da rexión do Piamonte)

12:30
Explicación legal dos produtos caseiros das Landas

  • Deborah Infante Llavergne (Veterinaria dos matadoiros familiares)
  • Representante do Sindicato Veterinario de Saúde Pública Francesa

13:30 h
Xantar (Apontarse antes de 23 de Setembro telefonando para 659 057 251 -Ana- ou 981 554 147 -Ero-)

15:30 h
Debate. Borrador do Decreto de Artesanía Alimentar de Galiza. Qué queremos para os nosos produtos caseiros?

17:30
Fin da Xornada

O produto caseiro é un patrimonio que as galegas e os galegos non podemos perder, nin deixar que más decisións das administracións llo entreguen ás industrias. Tamén é un recurso económico importante para moitas explotacións, sobre todo para as máis pequenas, que ademais maioritariamente están en mans de mulleres.

Qué é o producto caseiro?

O produto caseiro, xa sexa fresco ou transformado é aquel que procede directamente das explotacións e que se ofrece á cidadanía sen nengunha manipulación que non fose feita pola propia labrega ou polo propio labrego que o produce ou o transforma. Normalmente a venda faina directamente quen o produce, xa sexa á persoa que o vai comer ou a pequenas tendas locais.

Este produto que tradicionalmente proviña do excedente das propias explotacións, tiña e ten unha calidade extraordinaria, pola forma de producilo, pola frescura coa que chega a través dos circuitos curtos de comercialización e polo bon facer no transformado desas mulleres que elaboraban con esmero as conservas para alimentar as propias familias durante o ano.

Este mercado, foi e segue a ser cada día máis cobizado polas empresas de transformación e comercialización de alimentos. Froito da presión que exercen sobre os gobernos, conseguiron que estes lexislen para dificultar que os labregos e as labregas poidamos vender estes nosos productos. A normativa que se nos aplica é a mesma que se lle aplica ás grandes empresas, esto mália que nós nunca fomos os responsábeis da inseguridade, nin de graves nin grandes intoxicacións alimentarias.

Por qué esta xornada e este mercado agora?

A Consellaría do Medio Rural, está elaborando un Decreto co que pretende regular o produto caseiro. No SLG, entendemos que este é un momento importante e, que dependendo de como sexan as normas que estableza este decreto, no futuro as explotacións poderemos vender normalmente o noso produto caseiro ou perder definitivamente este dereito, como aconteceu no seu día coa augardente. As explotacións que fan viño perderon un complemento importante vía venda de augardente e a cidadanía perdeu o dereito á pinga caseira, de consumo tan habitual co café nos bares. Eso sí no canto da augardente caseira, apareceu legalmente a producida por empresas.

Hoxe, máis que nunca, cando o neoliberalismo pretende controlar e uniformizar as culturas alimentarias en todo o mundo; cando o que se pretende é someter á cidadanía productora e consumidora aos seus intereses exclusivos; cando os gobernos inclinan, máis e máis a balanza para favorecer este control, é necesario que a cidadanía defendamos os produtos caseiros como un patrimonio do pobo galego. Que as labregas e os labregos, poidamos seguir vendendo os productos que temos nas nosas casas.

Compre impedir que a lexislación lle permita ás empresas transformadoras apropiarse do prestixio que ten o produto caseiro, grazas ao noso saber facer e que se legalice que as empresas podan elaborar e vender un falso caseiro, pois o caseiro só pode ser feito por nós e nas nosas casas. Que as persoas poidamos ter á nosa disposición o produto caseiro.

Nesta xornada participarán veterinarios, veterinarias, labregos e labregas doutros estados, como Franza e Italia, o que nos permitirá saber cal é a realidade do caseiro nestes lugares. Darase a coñecer tamén o decreto que está elaborando a Consellaría do Medio Rural.

Ao mesmo tempo e no exterior do local no que se farán as charlas, organizamos un mercado de produto caseiro fresco e transformado. Convidámosvos a participar nesta iniciativa, tanto dende a perspectiva labrega como de cidadanía interesada en manter este patrimonio que temos e que aínda hoxe permite que un número de persoas, sobre todo mulleres, poidan vivir nunha explotación agraria na Galiza.

Dende o SLG reclamamos unha normativa que lle permita as explotacións que así o queiran, vivir da elaboración e venda de produto caseiro.

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.