Estás aquíDe igual a igual
De igual a igual
León Gieco, o cantautor arxentino coñecido por ‘Sólo le pido a Dios’, compuxo en 2003 outra grande canción titulada ‘De igual a igual’. Recoméndolles que a procuren en ‘Youtube’ e entre as súas notas contaxiosas escoitarán un vixente manifesto contra a Directiva de Retorno. Por exemplo cando di «los llamados ilegales, que no tienen documentos, son desesperanzados sin trabajo y sin aliento». Europa cualifica de ilegais a mllares de seres humanos que contra a súa vontade deben saír das súas terras a buscar unha -só unha!- oportunidade para vivir.
As causas que lles obrigan ao desarraigamento, á fuxida, ao medo teñen uns responsábeis identificábeis: o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio e o Fondo Monetario Internacional, xefe dunha banda que obrigou a moitos países africanos, asiáticos e latinoamericanos á conversión das súas economías agrarias: de economías alimentares orientadas á autosuficiencia a agriculturas de exportación provocando finalmente que se transformasen en países importadores crónicos de alimentos. Porque até África, aínda que nos sorprenda, até os anos 70 era autosuficiente na produción de alimentos. Un continente que agora necesita importar o 25% da súa comida era entón exportador neto de alimentos.
E estes terribeis resultados de políticas neoliberais recoñéceos até o propio Banco Mundial nun extracto entresacado do seu Informe do Desenvolvemento Mundial de 2008: «O axuste estrutural dos 80 desmantelou o elaborado sistema de axencias públicas que proporcionaban aos agricultores aceso á terra, créditos, seguros e organización cooperativa. A expectativa era que eliminando o Estado se liberaría o mercado para que actores privados tomasen estas funcións, reducindo os custos, mellorando a cualidade dos servizos e eliminando o sesgo regresivo. Con demasiada frecuencia, iso non ocorreu. Nalgúns lugares, a retirada do Estado foi só provisional no mellor dos casos, o que limitou a entrada privada. No resto dos lugares o sector privado apareceu só lentamente e a súa acción foi parcial, servindo principalmente aos empresarios agrícolas pero deixando aos minifundistas expostos a extensos fallos do mercado, altos custos e riscos nas transaccións, e carencias nos servizos. Mercados incompletos e fendas institucionais impuxeron custos enormes sobre o crecemento asumido e perdas de asistencia pública para os minifundistas, ameazando a súa competitividade e, en moitos casos, a súa sobrevivencia».
Pero aínda así, con tanta pobreza xerada ás súas costas, os quen mandan seguen a repetir o mesmo deseño, e vemos como propugnan agora a expansión dos agrocombustíbeis por moitos países empobrecidos coa etiqueta de salvación económica. Non se conseguirá mitigar a pobreza, os minifundistas (como os chama o Banco Mundial) ficarán desprazados por unha nova invasión de negocios globais e as súas corporacións, e os beneficios que repercutan nos Estados terán un único destino, o pago da débeda externa. Supoño que por todo iso León Gieco repite no refrán da canción que «si me pedís que vuelva otra vez a donde nací, yo pido que tu empresa se vaya de mi país. Y así será de igual a igual».
Gustavo Duch Guillot
Director de VSF










