Estás aquíEcuador: Manifesto pola Soberanía Alimentar

Ecuador: Manifesto pola Soberanía Alimentar


Varias organizacións do campo e a cidade, fieis á nosa identidade andino amazónica, reunímonos en Quito este 17 de Xuño para analisar as causas e implicacións da crise alimentar, declarada insistentemente por organizacións internacionais como a FAO e o Banco Mundial. Desde as prácticas cotidianas e comunitarias que impulsamos, realizamos e defendemos, como son a produción de alimentos libre de agrotóxicos, a súa distribución e comercialización alternativas, e o consumo consciente e responsábel, pronunciámonos para alertar á poboación e demandar das políticas públicas o seguinte:

  1. Un puñado de empresas transnacionais como Monsanto, Cargill, ADM, e as grandes cadeas de supermercados, son os maiores responsábeis do incremento dos prezos de varios produtos básicos como o arroz, aceite, trigo, entre outros. Aproveitándose do control que acumularon dentro do sistema alimentar mundial, dedicáronse a especular cos alimentos, desatando crises profundas en varios países, sobretodo naqueles onde o Banco Mundial, o BID, o FMI, impuxeron as súas receitas de apertura de mercados. A consecuencia disto, actualmente a cifra de famentos no mundo é de case que mil millóns de persoas.
  2. Outra razón para a crise alimentar, a expansión de agrocombustíbeis en solos actualmente dedicados ao cultivo de alimentos, resulta inaceitábel. Por esta razón rexeitamos o actual Plano Agropecuario para o Ecuador, que impulsa a expansión de cando menos 150 mil hectáreas de monocultivos de cana, palma aceiteira e millo, para a obtención de etanol e bio-diesel en función de respostar a demandas do mercado internacional. Isto sen contar as 50 mil hectáreas de piñón, cuxa sementeira está se impulsar en Manabí.
  3. Contodo, a nosa maior preocupación ten a ver coas solucións que se están a impulsar para supostamente enfrontar a actual crise dos alimentos. Durante a súa recente cimeira, do 3 ao 5 de Xuño, a FAO selou un convenio para unha “nova revolución verde” baseada en maior liberalización de mercados e máis tecnoloxía tóxica. Lamentabelmente, o noso país estaría a se inserir dentro desta tendencia. Denunciouse, por exemplo, que baixo a equivocada xustificación de que é necesario incrementar a produción agrícola, estaría por difundirse sementes transxénicas no campo ecuatoriano. Así mesmo, lanzáronse, vía decreto executivo do pasado Venres 13 de Xuño, un conxunto de medidas que inclúen o subsidio ao uso de agrotóxicos a través de devolver aos agricultores o que gasten nestes velenos, e de exonerar do IVA ás empresas que os importan.
  4. Rexeitamos rotundamente a utilización da crise alimentar para agravar as condicións de dependencia en que xa se atopan miles de familias labregas, que son obrigadas a comprar ás empresas as sementes e o paquete de agrotóxicos. Isto chegou ao extremo de pór a moitos campesiños, mediante a agricultura-baixo-contrato, en condicións de semi escravitude, ao servizo de empresas como Pronaca ou Agripac.
  5. No noso país moitas comunidades labregas e indíxenas lograron sobrevivir ao pesadelo da revolución verde, coidando e ultimamente resgatando e recuperando biodiversidade en base ao intercambio xeneroso de sementes que os avós, sabiamente, souberon conservar e agora fan posíbel que renaza a agricultura, dándonos a todos a oportunidade de voltar comezar, e reconciliarnos coa Pachamama.
  6. Fortalecer e defender a nosa soberanía alimentar é fundamental e debe converterse en parte da axenda prioritaria do Estado. A nosa vida e as nosas culturas comunitarias dependen de que agora tomemos a decisión a favor da biodiversidade; da agroecoloxía; da atención preferente polos mercados locais e o nacional; pola alimentación sá, nutritiva e adecuada culturalmente; de descolonizar as nosas prácticas agrícolas e de consumo; de seguir a tecer redes solidarias de intercambio entre o campo e as cidades; de ter a coraxe de voltar ás fontes onde o noso país mantén o potencial natural e cultural para ser soberano, dunha vez por todas, frente ás empresas que por tanto tempo se lucraron co agronegocio e agora pretenden arrebatar á humanidade o dereito fundamental á alimentación.

Quito, 17 de Xuño do 2008

Fonte: Acción Ecológica

Etiquetas

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.