Estás aquíDeclaración da Asemblea Internacional das Mulleres sobre Diretos Labregos

Declaración da Asemblea Internacional das Mulleres sobre Diretos Labregos


Nós, mulleres labregas provenientes de Colombia, República Dominicana, Corea do Sul, Indonesia, España, Tailandia, Malaisia e Timor Leste, reunímonos en Xacarta para discutir sobre a situación das mulleres campesiñas ao redor do mundo.

A difícil situación que se afronta nas áreas rurais e o feito de non ter aceso á terra, conduciu ás mulleres a emigrar á cidade e a outros lugares na procura de oportunidades laborais mais con salarios reducidos. Existe demasiada pobreza nas zonas rurais e as mulleres non contan con ingresos abondo para alimentar ás súas familias de modo que a fame e a malnutrición están a aumentar tanto no ámbito rural como no medio urbano.

A responsabilidade de coidar á familia recai nas mans das mulleres e a dificuldade e incerteza frente á saúde e a educación para a infancia fai que as mulleres deban traballar durante longas horas a cambio duns mínimos ingresos.

As mulleres que traballan no medio rural e que están a utilizar insumos químicos, afrontan graves riscos para a súa saúde. A utilización destes produtos ameaza tanto ao corpo humano como ao medio ambiente, especialmente cando as persoas son analfabetas e non poden ler as instrucións, sen contar ademais con outras persoas que as poidan instruír sobre o xeito de utilizar os produtos.

As mulleres tamén son victimas da violencia por parte dos seus compañeiros, esposos e empregadores. Este tipo de violencias poden ser de orde física ou psicolóxica, chegando a verse as súas vidas ameazadas.

As políticas agrícolas globais impostas pola Organización Mundial do Comercio e o Fondo Monetario Internacional, agravadas hoxe en día pola crise alimentar, forzaron ao campesiñado a subscribir préstamos para a agricultura, terminando endebedados e véndose abocados a abandonar as súas terras. Estamos a asistir a unha situación na que labregos e laregas se están a suicidr por mor da imposibilidade do pagamento das súas débedas fronte aos institutos de crédito; estas débedas son tamén a causa de abandono por parte dos homes agricultores das áreas rurais e a migración cara ás cidades, tendo que deixar ás mulleres soas coa responsabilidade de manter os seus fogares.

Do mesmo modo, os conflitos agrarios involucraron ás mulleres na primeira liña de batalla de moitas loitas, arriscando de forma directa as súas propias vidas.

A xente nova non quere traballar no campo como agricultores ou agricultoras, posto que este oficio non foi especialmente recoñecido e por isto non se atopa suficientemente pago. A isto súmaselle o feito de que a compra de terra para o traballo agrícola é moi custosa por mor da especulación debida ao desenvolvemento forzado ou á industrialización: áreas residenciais, comerciais e industriais e proxectos de infraestrutura que aumentan o prezo da terra. Dentro desta situación, os campesiños e campesiñas que estiveron a traballar nestas zonas víronse desprazados das súas terras agrícolas cara a zonas menos fértiles coa subseguinte perda da biodiversidade.

En moitos países, aos campesiños e campesiñas non se lles permite manter, preservar, intercambiar e cultivar as súas propias sementes, de maneira que a sabedoría e o coñecemento labrego está a desaparecer, e con isto vense obrigados a comprar sementes provenientes das Corporacións Transnacionales que somente se atopan ao servizo dos seus propios beneficios. Estas compañías están a criar Organismos Xeneticamente Modificados e están a uniformizar os cultivos coa subseguinte perda de biodiversidade.

Os Tratados de Libre Comercio acordados cos gobernos sen contar coa previa consulta aos pobos, están a impor importacións nos alimentos e están a ameazar a soberanía alimentar das nacións e os pobos ao non considerar os temas de seguridade e sanidade nos produtos. Dentro do Tratado de Libre Comercio entre Corea e Estados Unidos, a importación de produtos cárnicos foi unha precondición do acordo. Este tratado tivo un efeito directo sobre o país e sobre as mulleres persoalmente. Outro exemplo, é como a través dos Tratados de Libre Comercio, Indonesia vai exportar comida de mar cara a Xapón, a cambio de enfermeiras indonesias que irán traballar en Xapón.

Vendo as dificultades que deben afrontar as mulleres dentro das súas vidas cotidianas como labregas, a Asemblea Internacional de Mulleres sobre Dereitos Labregos esixe:

  • O cesamento de todas as violacións de orde psicolóxica, moral, política, económica, social e cultural aos dereitos das mulleres labregas que se cometen cotidianamente.
  • O respeito aos Dereitos Sexuais e Reprodutivos dentro das comunidades labregas.
  • A implementación dunha Convención Internacional sobre Dereitos Labregos como recoñecemento á loita labrega. Esta convención deberá ser o instrumento que permita lograr a plena realización dos dereitos labregos e a participación na esfera política, económica, social e educacional. Débese asegurar o íntegro cumprimento desta convención por parte dos gobernos.

É moi importante que a convención poida recoñecer formalmente o rol das mulleres labregas dentro da agricultura, quen á súa vez son as portadoras dunha adecuada educación e sanidade para a infancia e para a comunidade en xeral.

Xacarta, 20 de Xuño de 2008
Fonte: Via Campesina

Quen Somos

Financia

Web renovado e actualizado co apoio económico da cooperación galega

Quién está en línea

Actualmente hay 0 usuarios y 1 invitado en línea.