Estás aquíUn presidente que observa os paxaros
Un presidente que observa os paxaros
No camiño a Oruro, polo altiplano boliviano, atopei unha familia corcorvadas as costas, escaravellando papas. As papas que recollen hoxe, engurradas e pequenas, sécanas de forma que se poidan conservar varios anos, asegurándose así unha parte importante da súa alimentación. Aproveitando o clima por dúas ou tres noites ó aire libre conxelan as papas, despois písanas e vólvenas conxelar para, ó final, deixalas que sequen ó sol. A papa así deshidratada ou chuño de orixe precolombiana, tamén se pode conservar en forma de fariña, o que hoxe, chamariamos -orgullosos dos nosos avances- saquiños instantáneos para puré de patacas.
Mire vostede, os leque leque, díxome a muller sinalándome ó ceo. Uns paxaros por detrás de cor gris, co peito esbrancuxado e na cabeza como se levase un quepi (un gorriño), e coas súas patiñas de cor rosa, sobrevoaban o terreo das papas, como esperando a que os escaravelladores marchasen pronto. Segundo me explicaron, estes paxaros do altiplano gustan de facer o niño entre os sucos arados do cultivo de papas. Os leque leque, adiviñadores do futuro, constrúen o niño sobre o montículo do asuco se se aveciña un ano de choivas. Se o ano é seco, o niño constrúeno na base, entre asuco e asuco.
As familias aymaras bolivianas dispoñen de alimentos sans e naturais sen necesidade de predicións metereolóxicas por satélite e son autosuficientes na súa alimentación independentemente dos caprichos do mercado e do seu vaivén de prezos. Por iso, o goberno boliviano, cando o mundo para facer fronte á actual crise dos prezos dos alimentos fala de aumentar a produtividade con sementes transxénicas ou se entrega de xeonllos á agroindustria, desmárcase con medidas por apoiar a pequena agricultura familiar e dispón de financiamentos para os micros e pequenos produtores.
Á fronte deste Goberno, con miradas e enfoques diferentes, está un presidente indíxena que coñece ben o voo do leque leque e aprecia o forte sabor dos chuños.
Gustavo Duch Guillot
Director de VSF
Publicado en Galicia Hoxe










