Estás aquíLabregas invisíbeis
Labregas invisíbeis
Somos ricas! Esta é a exclamación das mulleres labregas organizadas internacionalmente na Vía Campesina. «Se somos quen de producir a nosa alimentación, entón somos ricas!». Reivindican con este berro a súa riqueza, aínda que esta fique invisibilizada nun sistema capitalista onde só manda a economía monetaria con autoridade de pai déspota. O que non se contabiliza -en termos económicos- non existe.
As mulleres labregas sábeno ben. Sobre elas recae a responsabilidade da administración do fogar e a satisfacción das necesidades básicas dos seus integrantes, actividades non remuneradas nen valoradas socialmente, e contodo esenciais para a subsistencia no medio rural. Outra das súas funcións fundamentais é o cultivo doméstico de alimentos e o manexo do gando menor, producións destinadas ao autoconsumo e os excedentes a pequenas transaccións. Ademais colaboran na preparación e colleita dos cultivos da leira familiar. A propiedade da terra, a decisión sobre as colleitas principais da leira e a súa comercialización, a venda do leite ou da carne dos animais e o destino que se dá aos recursos obtidos con todo iso fica sempre en mans do home. As mulleres cargan con máis traballo pero ademais en espazos invisíbeis.
Esta situación vai mudando, mais non precisamente a favor dunha relación de igualdade entre homes e mulleres. Coa auxe da agroindustria os negocios do campo xa non radican nas unidades labregas. Só obteñen beneficios as industrias agrícolas con extensos monocultivos ou coa crianza de animais en sistemas intensificados. Os homes optan por procurar traballo como xornaleiros subcontratados para estas empresas ou ben se desprazan ás cidades. As mulleres seguen entón á frente da casa, do horto e tamén daquelas actividades produtivas hoxe dificilmente viábeis. Vía Campesina ponnos de exemplo o caso de Austria, onde as explotacións agrarias son relativamente pequenas e as mulleres se responsabilizan das mesmas, mentres que o seu cónxuxe traballa para terceiros. É o caso de Johanna, que ten ao seu cargo unha trintena de vacas leiteiras, así como algúns porcos e galiñas, esencialmente para o consumo local. Aínda que non entren nos parámetros comerciais nen coticen en Bolsa, as vacas, porcos e leitugas criadas ou cultivadas por millóns de mulleres no mundo son unha actividade «esencial na supervivencia dos seus próximos e na da Humanidade enteira, pero que se recoñece pouco ou nada económica e socialmente».
A loita pola igualdade das mulleres labregas cos homes ten que vencer dúas resistencias. Por unha banda, as propias dun sistema patriarcal que mantivo sempre o control e o acceso aos recursos produtivos en mans dos homes, como en Nicaragua, onde as mulleres apenas son propietarias do 2% das terras, ou en moitos países onde a terra se herda só de pais a fillos. E por outro, os ataques exercidos polas empresas multinacionais para tentar apropiarse de recursos agrarios como as sementes e os coñecementos que desde sempre xeraron e manexaron as mulleres. Mentres as mulleres foron as encargadas de custodiar e mellorar as sementes labregas a partir do libre intercambio entre elas, agora as empresas sementeiras cos seus ‘lobbies’ políticos conseguen introducir leis para prohibir aos labregos e ás labregas sementar as súas propias sementes.
Unha loita complicada pero posíbel que debe interesarnos a todos. Están (estamos) a falar de romper uns moldes (patriarcais) para alcanzar o pleno exercicio dos seus dereitos mais tamén «dunha loita para defender e para volver dar todo o seu valor á economía de subsistencia frente á economía comercial». As labregas falaron sentíndose «orgullosas de producir a comida para a súa comunidade, de coidar a terra onde viven e de practicar e transmitir os coñecementos vinculados á produción e á transformación dos alimentos» e aspirando a poder continuar a o facer, mais nun modelo de sociedade rico en igualdade.
Gustavo Duch Guillot
Director de VSF
Publicado en El Correo Digital










